O pasado venres 1.262 nenos e nenas de cinco colexios de Marín e Pontevedra (Inmaculada, San Narciso, Carballal, Sequelo, A Laxe e Salvador Moreno) visitaron a Escola Naval de Marín como parte das celebracións do 75 aniversario destas instalacións militares. Os escolares foron recibidos polas autoridades do recinto e polo almirante xefe de Estado Maior da Armada, Teodoro Estebán López Calderón, que presidiu os actos.

 

Foto de Luis Bará Torres.

Nenos e nenas participaron nunha carreira non competitiva, denominada Botón de Ancla, que partiu da Alameda de Marín e finalizou no interior da Escola Naval. E, ademais, as autoridades do recinto organizaron para eles e elas outras actividades.O BNG denuncia que entre elas houbo “actividades de coñecemento e manexo de armas de grande calibre”, como quedou reflectido nas imaxes publicadas por varios xornais impresos. O Bloque considera que “a participación de escolares en actos de exaltación militar e castrense é absolutamente contraria aos valores que debe transmitir a escola”. E denuncia que, ademais, “constitúe un acto de manipulación e adoutrinamento de nenos e nenas que resulta ofensivo nun estado que se di democrático”.

A formación presentou a través do seu deputado Luís Bará unha pregunta parlamentaria na que interroga a Xunta se “autorizou” a participación de centros escolares de Marín e Pontevedra “en actividades de exaltación militar e castrense”. Así mesmo, pregunta se “comparte o goberno galego a participación de nenos e nenas en actividades de coñecemento e manexo de armas” e se a Xunta “considera” que estas actividades “supoñen a manipulación e adoutrinamento dos nenos e nenas”.

 

Foto de Luis Bará Torres.

Fonte: Praza Pública