A Caravana Abriendo Fronteras que está estes días en Melilla procura pór luz sobre as situacións de violacións de dereitos humanos que sofren as persoas migrantes na cidade. Un dos colectivos máis afectados é o das carrexadoras, maioritariamente mulleres, que carregan grandes vultos de mercadorías dun lado a outro da fronteira. A pasada cuarta-feira volveron presenciar abusos na pasaxe fronteiriza e presentaron unha queixa perante a Delegación do Goberno en Melilla a través do avogado Andrés García Berrio, de Irídia Centro pola Defensa dos Dereitos Humanos.

Denuncian que os axentes da Garda Civil e da Policía Nacional non levan identificación visíbel, que se producen agresións ás persoas que cruzan desde Marrocos e que a estrutura arquitectónica pon as persoas en risco. “Está deseñada para xeraren aglomeracións de persoas e lesións nas mesmas, e esiximos unha mudanza urxente e inmediata, sobretodo na zona por onde pasan as mulleres na pasaxe do Barrio Chinés”, asegura García Berrio. No caso de Ceuta, dúas mulleres perderon a vida desde o mes de marzo.

Medio millar de persoas acudiron á pasaxe fronteiriza na caravana para facer de observadoras, mais a Policía Nacional impediulles pasar. Só puido entrar nas instalacións unha comisión de formada por cinco mulleres da caravana e o avogado que presenta a denuncia, que presenciaron agresións ás carrexadoras. “Os axentes da policía deciden cortar a pasaxe a golpes de porra, sen nin sequera un aviso previo”, critica Marta Valldaura, da área de migracións de Irídia. O colectivo xa presenciara agresións similares nunha visita realizada o 31 de xaneiro para a elaboración dun relatorio sobre a fronteira sur.

“Cabe destacar que un dos axentes agrediu directamente de maneira repetida coa defensa sen ningunha xustificación un grupo de carrexadoras no momento que ía indicar que deixasen de pasar, no canto de limitarse a dar indicacións verbais e cando elas mesmas xa obedecían”, destaca o texto da denuncia presentada esta quinta-feira.

O colectivo reclama á Delegación do Goberno en Melilla que tome medidas para garantir que todos os axentes leven o número de identificación visíbel, que abra unha investigación sobre a agresión presenciada esta cuarta-feira, e que emprenda de forma urxente a reforma da pasaxe das carrexadoras no Barrio Chinés.

O elo máis débil da fronteira

As carrexadoras son o elo máis débil do “comercio atípico”, sobre o que se sustenta a actividade económica das fronteiras de Ceuta e Melilla, segundo a Asociación Pro Derechos Humanos de Andalucía. Especialmente en Ceuta, onde non existe alfándega comercial con Marrocos, debido a que o Estado alauíta non recoñece esta cidade autónoma como territorio español.

Este comercio alegal xera preto de 1.000 millóns de euros anuais en Ceuta e Melilla, segundo os datos do Consello español de Economía en 2005, recollidos no relatorio elaborado por Irídia, Novact e Fotomovimiento. Atendendo aos datos da Cámara de Comercio Americana de Casabranca, 45.000 persoas viven desta economía atípica de forma directa. Delas, o 75% son mulleres.

Son elas, as carrexadoras -maioritariamente mulleres- quen debe transportar sobre o seu corpo os farneis (que poden alcanzar os 90 quilogramos) que posteriormente serán vendidos a un lado e a outro da fronteira. O traballo poden realizalo a conta propia ou por comisión. Despois de atravesaren a pasaxe fronteiriza, recollen os farneis no polígono do Tarajal (en Ceuta) ou nos terreos e camións estacionados no Barrio Chinés (en Melilla) e transpórtanos a territorio marroquíno”, lembran no relatorio.

Dificultades arquitectónicas

O relatorio tamén precisa como é o deseño das pasaxes fronteirizas, un factor chave que, a xuízo dos investigadores, “conduce inevitabelmente ao amoreamento das persoas” e leva a “situacións de tensión, amoreamento, asfixia e mesmo avalanchas”.

Segundo describen, na pasaxe do Tarajal, fronteira oficial de Ceuta, apenas dúas persoas -unha á beira da outra e sen contar coa mercadoría-, poden pasar polos “estreitos” corredores delimitados por valados. No caso da pasaxe do barrio Chinés, en Melilla, o documento cualifícao como “un funil” que se vai estreitando e “só permite pasar as carrexadoras unha a unha polas súas extremadamente reducidas dimensións”.

João França

Ler máis.