Onte, día internacional contra a tortura, ouvimos en datos e cifras a realidade das torturas en Euskal Herria. Con todo hoxe cabería lembrar que o Comité para a prevención da Tortura e os tratos ou penas inhumanos ou degradantes do Consello de Europa, no seu relatorio do 2011, considera que unha inadecuada asistencia sanitaria en centros penais pode conducir rapidamente a situacións que se consideran «tratos inhumanos ou degradantes».

As leis estatais e internacionais recollen o principio de equivalencia sanitaria dos reclusos, é dicir, prescriben que se respecte o seu pleno dereito á saúde equivalente ao que terían na súa comunidade, sen discriminación algunha pola súa condición xurídica. As guías da ONU e a OMS denuncian que na maioría dos países (mesmo os de rendas altas) non se cumpre o principio de equivalencia para os doentes graves e recomendan medidas alternativas ao encarceramento cando non se pode garantir este principio de equivalencia.

A Sociedade Española de Sanidade Penal recoñece que non se cumpre este principio principalmente porque a Sanidade Penal non está transferida á Saúde Pública (excepto en CAV e Cataluña). Os propios estudos do Ministerio de Interior de calidade asistencial en Sanidade Penal revelan importantísimas deficiencias. Así se desprende das estatísticas: nos últimos 10 anos faleceron preto de 2.000 persoas nos cárceres españois, case a metade por doenzas, 166 por SIDA; nos últimos 4 anos houbo 126 suicidios, 158 falecementos por sobredoses e 19 falecementos «accidentais».

Ademais, estas guías internacionais recomendan á administración penal e xudicial a excarceración en casos de doenzas que cumpren con criterios de terminalidade, con dous propósitos: como medida humanitaria ou compasiva para facilitar que se afronte a morte con dignidade e rodeados de familiares e amigos e como forma de tratar de prolongar a expectativa de vida do recluso por recibir coidados adecuados na súa comunidade.

Con todo, Institucións Penitenciarias elaborou unha instrución que contén directrices contrarias ás establecidas pola ONU e a OMS. Limitar cun criterio estrito de temporalidade a vida en liberdade de doentes terminais é unha barbaridade desde o punto de vista da asistencia paliativa, que ademais obriga aos médicos penitenciarios a exerceren de «policia sanitaria», función que choca co noso código deontolóxico e que todos os profesionais sanitarios sabemos que médicamente non é posíbel predicir.

Reclusos que están nestas circunstancias víronse obrigados a renunciar ao seu dereito á intimidade e confidencialidade para denunciar a vulneración dos seus dereitos sanitarios e esixiren o respecto á dignidade dos doentes graves que están recluídos.

Profesionais sanitarios deron un paso á fronte elaborando unha documentación científica, obxectiva, tácita, imparcial e verificáel da práctica sistematizada da tortura, que está a se culminar no relatorio sobre torturas que o Goberno Vasco solicitou baseado na ferramenta de recoñecemento internacional coñecido como Protocolo de Istambul. Comezou a forxarse na nosa sociedade o camiño da verificación e a deslexitimación da práctica de torturas sistematizadas, labor que foi deixando sen argumentos aqueles que o cuestionaban. Tamén quen o negaba aludindo a consignas ou manuais sen rigor mais con grandes espazos de credibilidade na opinión pública, con argumentos lamentabeis, algunhas veces trivializándoas cando foron prácticas menos intensas e outras veces contextualizándoas porque se practicaron nun conflito violento. Excluíndo así as vítimas torturadas de formaren parte dunha verdade, dun relato ou testemuño dunha gravísima vulneración de dereitos humanos por parte de quen ten a responsabilidade de os protexer e, por tanto, negóuselles o seu dereito de reparación, xustiza e garantías de non repetición.

Algo similar observamos que acontecee no caso do trato aos doentes recluídos con padecemientos graves. A día de hoxe é aínda relativamente frecuente escoitar en espazos de opinión públicos utilizar razoamentos contrarios ás medidas alternativas ao excarceramento destes, mesmo en etapas finais da vida, usando como argumento os delitos polos que cumpren condena. Un quid pro quo. Dalgunha maneira, vulneracións de dereitos humanos cometidas nun conflito violento deben ser pagadas ou contrarrestadas non só mediante a privación de liberdade, senón vulnerando tamén os dereitos sanitarios destes doentes. Escoitamos e lemos en prensa con perplexidade que algúns doentes terminais liberados «duraron demasiado tempo en liberdade» e foron emitidas e xulgadas nos medios de comunicación a actividade e a vida que a doenza lles permitiu levar durante os meses anteriores ao falecemento, interferindo no seu dereito a afrontar a morte con dignidade e na intimidade.

Observamos por tanto certos paralelismos no tratamento aos reclusos con graves doenzas coa realidade e o camiño percorrido na práctica, ao abrigo mais tamén na loita contra a tortura.

Conscientes do labor que tiveron os profesionais sanitarios no percorrido da verificación e deslexitimación da práctica da tortura, quixemos achegar o noso traballo na mesma dirección ante casos de reclusos gravemente doentes como é o caso de Ibon Iparragirre. Decidimos realizar o labor de documentar, evidenciar, peritar e verificar mediante estudos e métodos obxectivos o estado da saúde deste doente. Verificamos a terminalidade do seu estadio, os riscos da súa doenza, o incumprimento do principio de equivalencia nos centros penitenciarios en que estivo e o cumprimento de criterios clínicos para a excarceración recoñecidos internacionalmente. Este estudo que foi realizado, entre outros, por varios especialistas relacionados coa doenza que padece, foi avalado por máis de 300 médicos maioritariamente da Saúde Pública Vasca e pola Asociación en defensa da saúde pública Osalde, a Asociación Vasca de Saúde Mental e Psiquiatría Comunitaria, a Comisión anti-Sida e T4. Este estudo ademais obtivo o apoio da Organización Mundial contra a Tortura, do Ararteko e concitou un grande acordo na Comisión de Dereitos Humanos do Parlamento Vasco, polo seu irrebatibilidade.

Queremos finalizar honrando e agradecendo publicamente as asociacións e os médicos que nos acompañaron, o seu paso á fronte no camiño para a erradicación dos tratos inhumanos e degradantes aos que son sometidos os doentes recluídos en centros penitenciarios. Estamos convencidas, porque ademais é o noso deber deontolóxico, de que a comunidade sanitaria e as asociacións na defensa do dereito á saúde axuntaremos os esforzos para seguirmos este camiño da verificación da existencia destas prácticas, así como a súa denuncia e deslexitimación. Sirvan os próximos 26 de Xuño tamén para lembrar este deber.

Ler máis.