Antidisturbios da PN cargaron esta terza feira contra a manifestación que percorría a zona vella de Compostela para denunciar o despexo e tapado do CSOA Escarnio e Maldizer empregando porras, bolas de goma disparadas a escasa distancia do/as manifestantes e gases lacrimoxéneos. Para hoxe, dia 30, ás 21:00, está convocada unha nova concentración na Praza Galiza.

As cargas producironse na Rúa do Preguntoiro e repetíronse uns metros máis adiante, na Praza do Pan. “Levaron alxemado un rapaz que estaba inconsciente, dixéronnos que dun porrazo, avisamos o 112”, comentou unha manifestante.

A marcha saíra da Praza 8 de Marzo e na mesma tomaban parte por volta de 500 persoas. Decorría de forma pacífica e sen incidentes até a intervención policial, indican varias fontes. Pelotazos de goma e porrazos que crearon momentos de preocupación e tensión nunha zona vella moi concorrida a esas horas. Tamén foron empregados gases lacrimoxéneo. Hai un detido, militante da organización xuvenil independentista Briga.

Como xa acontecera pola maña, cando se procedeu a tapar as entradas do edificio que ocupaba Escárnio e Maldizer -unha medida controvertida polos danos estéticos causados á fachada-, a envergadura do dispotivo policial e a actitude hostil dos seus membros parecen ter sido os detonantes da gravidade dos incidentes.