Sobremedicación de psicofármacos, inadecuada utilización da inmobilización de pacientes con sistemas de suxeición como castigo, carencia xeral de recursos asistenciais, instalacións obsoletas, infradotación de profesionais sanitarios básicos como son os psicólogos clínicos ou o inadecuado rexistro e documentación de actuacións son algunhas das deficiencias e malas praxes detectadas por técnicos do Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura.

Cartel de entrada do Psiquiátrico de Conxo en Santiago

Cartel de entrada do Psiquiátrico de Conxo en Santiago | Fonte: A Mesa

 

A situación das persoas ingresadas no Hospital Psiquiátrico de Conxo, en Santiago de Compostela, é “moi grave e preocupante”. Así o denuncia o Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM), en base a un relatorio que, en exercicio das funcións do Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura, realizou o Defensor del Pueblo.

O relatorio “constata a vulneración de dereitos fundamentais dunhas persoas que, cómpre recordar, están vivindo durante períodos moi prolongados nese espazo sanitario (é un hospital) en condicións de internamento involuntario, o que aumenta a obriga de coidado e de respecto por parte do sistema sanitario e dos seus profesionais”, explican desde o MGSM.

O documento é o resultado dunha visita realizada ao centro psiquiátrico os pasados días 29 e 30 de novembro de 2017, sen previo aviso, durante a cal se analizou a evolución do hospital psiquiátrico, e foron entrevistados algúns membros dos equipos directivo, médico e de persoal. Tamén se examinaron expedientes persoais e historias clínicas, entre outros documentos. Así mesmo, os técnicos mantiveron entrevistas reservadas con algúns pacientes.

 

O relatorio destaca a “insuficiencia xeral de recursos adecuados para a atención extrahospitalaria e sociosanitaria dos pacientes”.

 

O relatorio salienta unha carencia xeral de recursos asistenciais para a adecuada atención dos pacientes e a súa insuficiente protección tutelar (en especial cando a devandita función corresponde á fundación pública). Ademais, cualifícanse as instalacións de obsoletas, fanse patentes inadecuadas condicións residenciais, recórdase a infradotación de profesionais sanitarios básicos como son os psicólogos clínicos —o relatorio advirte de que “traballa unicamente unha psicóloga clínica”— ou de facultativos internistas —só un, o cal é “insuficiente”, dise—. E chámase a atención sobre o inadecuado rexistro e documentación das actuacións e funcionamento.

 

Hospital psiquiátrico de Conxo, en Compostela

Hospital psiquiátrico de Conxo, en Compostela

 

A isto hai que engadir que “as traballadoras sociais que atenden aos pacientes no centro suplen na práctica as funcións propias dos titores”, o cal causa, “pola especialidade do centro”, que “a carga de traballo para estas profesionais é alta”.

O relatorio destaca ademais a “insuficiencia xeral de recursos adecuados para a atención extrahospitalaria e sociosanitaria dos pacientes” ou que existen “dificultades de adaptación que poden afectar a aqueles pacientes cun período moi longo de institucionalización”.

Tamén censura que “non existe un control oficial dos pacientes nos que se rexistren os historiais legais e administrativos” , “non hai un procedemento de seguimento por pacientes” e “o documento de ingreso voluntario non se asina por ningún facultativo”. E “no rexistro de control de enfermería onde se anota a supervisión en cada quenda non se cumpre o protocolo de boas prácticas”.

 

“O acceso dos pacientes do hospital psiquiátrico ao sistema de queixas e suxestións é practicamente nulo”.

 

Os técnicos alertan tamén de que “no expediente administrativo de cada paciente non se inclúe copia do ditame médico que se remite ao xulgado coa solicitude de continuar o internamento” ou que tampouco existe un libro de visita. Ademais, “o acceso dos pacientes do hospital psiquiátrico ao sistema de queixas e suxestións é practicamente nulo, dado que o rexistro é único para todo o complexo hospitalario do que este hospital forma parte”.

As deficiencias e vulneracións de dereitos non rematan aí. Hai “escasa participación dos pacientes no funcionamento diario do centro”, o centro “non conta cun modelo de rexistro de lesións” e hai “falta de procedementos de modificación da capacidade en beneficio da protección da esfera patrimonial do paciente”.

A todo isto hai que engadir que “o horario instaurado para as comidas supón que o tempo decorrido entre a cea e o almorzo do día seguinte sexa superior a doce horas”, “a intimidade entre pacientes abórdase con pouca naturalidade” e “os cuartos teñen aspecto  impersoaal”, xa que non hai avíos dos pacientes nin pertenzas”.

 

Os técnicos tamén fan referencia á utilización da contención mecánica como “medida de castigo” e a “casos de sobremedicación de psicofármacos”.

 

INMOBILIZACIÓN COMO CASTIGO

No devastador relatorio, os técnicos tamén fan referencia á utilización da contención mecánica (inmobilización de pacientes con sistemas de suxeición) como “medida de castigo”, segundo o testemuño de varios pacientes. Ao respecto, sublíñase tamén que “os cuartos individuais onde poidan realizarse contencións mecánicas non están adecuados a tal uso”. Tamén se pide a  “instalación dun sistema de videovixilancia nos cuartos reservados para a realización de contencións mecánicas en que se graven as imaxes durante un período de tempo razoábel para a eventualidade de vir acontecer algún incidente”.

O relatorio é moi duro contra algúns métodos aplicados neste centro psiquiátrico. Así, denúnciase que “foron detectados casos de sobremedicación de psicofármacos nas unidades destinadas a persoas con más difícil manexo”.

 

O relatorio salienta a actitude do persoal asistencial, que “trata aos pacientes con respecto, agarimo e proximidade”

 

Conxo só obtén unha valoración positiva a actitude do persoal asistencial, do que se di que “trata os pacientes con respecto, agarimo e proximidade”. E saliéntase que “o uso da historia clínica informatizada no ámbito do  Sergas, Sistema IANUS, permite unha boa sistematización da información e unha abordaxe integral da situación do paciente”.

“Ante todo isto, os órgaos competentes da Xunta de Galiza nin tan sequera responderon ao formulado polo Defensor del Pueblo. Pola contra, á luz do informado sobre o Hospital Psiquiátrico de Conxo urxe revisar canto antes o estado das institucións de hospitalización psiquiátrica prolongada de Galiza (os hospitais psiquiátricos públicos que, con diferentes nomes, aínda existen no noso país) e, por suposto, é fundamental un plano con responsabilidade definida que corrixa o denunciado polo Defensor”, expón ao MGSM.

 

GRAVES SIGNOS DE DETERIORACIÓN NA ATENCIÓN Á SAÚDE MENTAL EN GALICIA

Coincidente no tempo, o MGSM coñeceu que nalgunhas áreas sanitarias de Galiza o ingreso de persoas con trastornos psíquicos necesitados de asistencia en Unidades de Hospitalización Psiquiátrica para procesos agudos se estaba a producir con frecuencia fóra das unidades existentes para tal fin nos Hospitais Xerais, derivándose o seu ingreso ás Unidades de Coidados Especiais (UCE), situadas nos chamados Hospitais de Rehabilitación Psiquiátrica.

“É así que, por exemplo, no caso de Lugo téñense producido nos meses de abril e maio deste ano até catorce ingresos na UCE situada no Hospital de Calde que, ademais, carece do equipo asistencial indicado no Plano Estratéxico de Saúde Mental suspendido polo goberno do Partido Popular desde o 2009”, detallan desde o MGSM.

A causa inmediata destas actuacións, segundo os denunciantes, é “a carencia de camas por ocupación plena das Unidades de Hospitalización dos Hospitais Xerais, que é resultado á súa vez tanto da insuficiente dotación física e profesional das mesmas, como da incapacidade e infradotación dos dispositivos extrahospitalarios de saúde mental e dos recursos de apoio sociocomunitario, o que ocasiona agravamentos nos estados das persoas que acaban provocando a necesidade da  súa hospitalización”.

 

O Movemento Galego da Saúde Mental alerta da “desplanificación” posta en marcha polo Goberno de Feijóo desde 2009 en materia psiquiátrica

 

“Esa actuación dos responsables asistenciais e xestores dos centros hospitalarios do Sergas derivando a hospitalización psiquiátrica das persoas con estados/descompensacións psíquicas agudas fóra dos hospitais xerais discrimina inxustamente as persoas con padecementos psíquicos, cáusalles un dano evitábel, é estigmatizante, vulnera o dereito á igualdade das persoas e constitúe unha violación flagrante do ordenado na lexislación vixente (art. 20.2 da Lei Xeral de Sanidade; art. 10.1 do Decreto polo que se regula a Saúde Mental en Galiza), ademais de ser unha utilización ineficiente dos recursos asistenciais”, proseguen na súa denuncia os asociados no MGSM.

Para estes, tanto o relatorio do Defensor del Pueblo como o que está a acontecer coa hospitalización psiquiátrica son “signos da grave situación en que está a atención á saúde mental en Galiza”.

“Estanse a ver os efectos da desplanificación realizada desde o 2009, do incualificábel abandono no noso país dos planos de reforma iniciados en España xa hai máis de trinta anos nos que aquí se está a retroceder en componentes fundamentais, da infradotación persistente de recursos asistenciais en Atención Primaria e en Saúde Mental, dos cortes producidos nos eidos sanitario e social, do agravamento das condicións de vida daqueles sectores sociais que xa estaban en condicións de fraxilidade antes da crise, da pasividade responsábel de xestores sanitarios e xefes asistenciais ante  feitos como os aquí denunciados”, argúen.

O MGSM valora esta situación como de “especial gravidade”, en particular para os máis vulnerabeis da sociedade, xa que “segue un curso de deterioración progresiva, retrocede a situacións asistenciais pre-reforma psiquiátrica e non se adoptan decisións nin o Goberno da Xunta de Galiza pon os medios para mudar esta evolución”.

Fonte: Galicia Confidencial