A extensa querela do procurador xeral do Estado, José Manuel Maza, contra os cesados membros do Govern da Generalitat e da Mesa do Parlament, que xa conduciu a prisión o exvicepresident Oriol Junqueras e oito exconsellers, ten a aparencia dun documento impecábel, denso e confuso polos seus abundantes razoamentos xurídicos. Con todo, tanto esas argumentacións como a fulgurante instrución da xuíza da Audiencia Nacional Carmen Lamela están coalladas de buracos negros que poderían invalidalas.

El fiscal general del Estado, José Manuel Maza, a su llegada a la rueda de prensa en la que ha anunciado que la Fiscalía se ha querellado hoy contra el expresidente catalán Carles Puigdemont y el resto del Govern por delitos de rebelión, sedición y malver

Especialmente porque as ordes internacionais de detención cursadas pola maxistrada contra o expresident Carles Puigdemont e o seu catro exconsellers que permanecen en Bruxelas obrigará á intervención da Xudicatura belga, que pode examinar esas actuacións e motivacións cunha lupa que poña de manifesto todas esas contradicións e irregularidades, que ademais apuntan a razóns e obxectivos políticos para esa causa xeral contra os líderes independentistas cataláns.

Estes son o dez defectos xurídicos máis flagrantes deste complexo procedemento, segundo fontes xudiciais e letradas consultadas polo xornal Público:

1. Precipitación e alteración dos ritmos xudiciais

A velocidade imprimida por Maza e Lamela ás actuacións contra os procesados é tan desmesuradamente precipitada que na práctica está a negar as garantías de defensa e violando os dereitos fundamentais dos investigados, segundo denunciaron maxistrados e xuristas. Ademais, isto é algo moi perigoso en termos de xurisprudencia, xa que se van santificar procedementos xudiciais extremos que até agora non foran aceptados en ningunha causa anterior.

Para comezar, os ritmos xudiciais normais son moito máis lentos que os das decisións e medidas políticas, precisamente porque os maxistrados sempre apelan á necesidade de sosego, estudo e respecto das garantías procesuais. Así, no caso de calquera outra querela o xuíz non chama a declarar de inmediato a persoa querelada, senón que a convoca primeiro para lle dar copia dela e dos documentos en que se fundamenta, momento en que o (ou a) cita para lle tomar declaración máis adiante, cando puider ter estudado as acusacións con axuda da súa defensa letrada.

Porque a Lei de Axuizamento Criminal foi modificada parcialmente hai ben pouco, en 2015, para deixar claro que hai dereito a ter o atestado antes de ser chamado a declarar. Por suposto, sempre é preciso dar antes traslado da propia querela, mais tamén do atestado que a acompaña, porque cada unha das persoas quereladas ten que poder ver non só o que se di dela senón tamén do que se di das outras implicadas.

En consecuencia, non é de recibo que se cite as persoas procesadas nun feriado e que reciban esa citación menos de 24 horas antes da cita para declarar diante da xuíza, sen teren tempo para estudar unha querela tan complexa.

2. Actuación xudicial contra políticos en prazo electoral

Aínda que non está regulado de forma explícita, é unha norma non escrita da Xudicatura que as actuacións xudiciais en que ven implicados dirixentes políticos teñen que ser adiadas, mesmo detidas, durante o prazo -nunca demasiado longo, en termos dos procedementos xudiciais- previo a unhas eleccións. E esta norma foi referendada moi recentemente polo propio Tribunal Supremo, que en 2016 impediu ex candidatos políticos continuaren cos seus procedementos xudiciais en tanto non culminase un novo proceso electoral… a pesar de xa non se presentaren en ningunha lista e teren manifestado a súa decisión de abandonar a política.

Algunos delitos electorales recogidos en la LOREG.

Aliás, o artigo 139 da Lei Orgánica de Réxime Xeral Electoral (LOREG) adverte no seu punto sétimo que os funcionarios públicos cometen delito no caso de  “causaren, no exercicio das súas competencias, manifesto prexuízo a un candidato”. Por iso paralizan as súas actuacións os maxistrados en etapa electoral. Neste caso concreto, non hai dúbida de que Junqueras e os exconsellers en prisión serán candidatos ás eleccións do 21-D e resultarán electos, así que a dubidosa decisión xudicial de os encarcerar cáusalles, sen dúbida, “manifesto prexuízo”.

Porque o que non se pode impedir é que se presenten a cargo electo, xa que no Reino de España non existe a inhabilitación cautelar -só corresponde a sentenza firme-, mais o fiscal xeral e a xuíza da Audiencia están a actuar como se non puidesen volver a estar aforados. Mellor dito, parecen tratar de impedilo, o que se se demostrar suporía unha prevaricación delituosa.

3. A Audiencia envía a prisión sen ser da súa competencia

Fica aínda máis claro que o que se está tentando é impedir que os procesados, moitos deles xa presos, volvan ser consellers, cando se constata que a Audiencia Nacional non é en absoluto competente para axuizar por rebelión Junqueras e as outras persoas que acaba de enviar a prisión. E non é unha opinión de xuristas, senón que está clara e inequivocamente ditaminado polo auto de 2 de decembro de 2008, emitido polo Pleno da Sala do Penal da propia Audiencia Nacional, en que 20 maxistrados estableceron por unanimidade que “o delito de rebelión nunca foi competencia desta Audiencia Nacional”:

Todos os maxistrados do Pleno e da actual Sala de Apelación asinaron ese auto incuestionado a instancias do presidente do Penal, Javier Gómez Bermúdez, para resolver a causa sobre Memoria Histórica en que foi, precisamente, o fiscal quen advertiu a Baltasar Garzón que a Audiencia Nacional non tiña competencia para encausar por un delito de rebelión. Así que a xuíza Lamela toma resolucións durísimas, privando de liberdade cidadáns relevantes pola vía rápida e causando por tanto alarma social, sen ter nin sequera a competencia para iso. E o procurador xeral Maza sábeo perfectamente, porque el era antes maxistrado da Sala Segunda do Supremo.

4. A Mesa do Parlament non compete ao Supremo

Outro tanto ocorre, mesmo máis flagrantemente, co axuizamento de Carme Forcadell e dos membros da Mesa do Parlament de Catalunya por parte do Tribunal Supremo, xa que ao pertenceren á Deputación Permanente da Cámara continúan aforados e por tanto só poden ser procesada/os polo Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya (TSJC).

No entanto, o procurador xeral Maza aferrouse a un razoamento capcioso: os artigos 56 e 57 do Estatut de Autonomia din que o TSJC ten atribucións exclusivas sobre os aforados para os delitos cometidos en Catalunya, mais que se se trata dun delito cometido fóra da comunidade -e por suposto non son opinións vertidas ou votos exercidos en sede parlamentar, que teñen inviolabilidade- entón é competente o Supremo. Así que Maza di que o delito que atribúe a Forcadell e á Mesa do Parlament foi cometido fóra de Catalunya… porque pode ter efectos en todo o Estado.

Segundo os xuristas consultados por Público, iso é “unha construción xurídica aberrante”.

Máis aínda, Maza engade unha cláusula inexistente de protección da Xudicatura e di que ademais é conveniente afastar o caso un pouco da Xudicatura catalá, porque está sometida a presións. Iso é tanto como manifestar que desconfía do presidente do TSJC.

5. O fiscal xeral constrúe unha querela partidista

Xa se mencionaron dous casos claros de montaxe partidista na querela de Maza -cando obvia premeditadamente un auto do Pleno da Audiencia Nacional que nunca foi corrixido e cando pretende que a Mesa do Parlament delinquiu fóra de Catalunya-, mais esa elaborada construción contén moitos máis razoamentos abusivos. Porque, por suposto, a competencia dos tribunais non depende dos argumentos peregrinos que se lle ocorran ao procurador xeral.

Tan feble é o que aduce para atribuír a competencia da Audiencia Nacional no delito de rebelión (en contra do auto irrebatíbel do seu propio Pleno) que se ve obrigado a argumentar máis razóns para iso, xa que non pode acollerse a ningún artigo que claramente o dispoña. E alega que os supostos delitos dos membros do Govern foron cometidos en varias provincias e que transcenden a comunidade autónoma de Catalunya, polo que debe intervir a Audiencia.

Mais Maza sabe moi ben -porque é un bo xurista- que o Artigo 65 da Lei Orgánica estipula que competen á Audiencia Nacional os delitos con efectos en máis dunha comunidade autónoma só nos casos de tráfico de drogas ou organización criminal, ou ben en que causaren prexuízos evidentes e importantes á economía nacional no seu conxunto. Fica claro que de ningunha maneira poden ser cualificados así os actos en que participou a Mesa do Parlament.

Maza cita como elementos de xurisprudencia para avalar as súas teses que en ambos os casos asumidos polos xulgados centrais de instrución 2 e 3 -sobre desafíos independentistas de concellos cataláns- “ninguén discutiu a competencia”. Primeiro, iso é unha selección de xurisprudencia que algún maxistrado chegou a cualificar en privado como “vergoñosa”. Mais, sobre todo, o feito de que non se cuestione algo non fai xurisprudencia, mentres que o auto do Pleno da Audiencia de 2008 si o fai, mais Maza omite isto a pesar de ter perfecto coñecemento da súa existencia.

6. O fiscal non defende os dereitos dos procesados

Moitos cren que é só o Dereito anglosaxón o que dispón que o Ministerio Público ten a obrigación de investigar tanto o que é desfavorábel como o que é favorábel para o reo. Mais resulta que no noso ordenamento xurídico a Fiscalía tamén ten ese deber, porque o Artigo 2 da Lei de Axuizamento Criminal obriga o Ministerio Público español a consignar no sumario tanto os feitos que favorecen como os que prexudican o procesado.

Mais Maza non fai iso en ningún momento. Só se dedica a carregar as tintas das actuacións supostamente delituosas de cargos electos e compórtase como se fose un avogado da acusación, cando é a súa obrigación tamén velar polos dereitos fundamentais dos procesados e defender a legalidade das actuacións xudiciais. Fai todo o contrario, como veremos no próximo apartado.

7. Non se respectan os dereitos procesuais básicos

A falta de respecto cara aos dereitos procesuais básicos manifestouse na forma de comunicar os cargos aos procesados. Xa comentamos antes a precipitación e celeridade atípica das citacións a declarar. Mais no caso de Puigdemont foi aínda máis descarado, posto que nin sequera chegou a citar persoalmente, algo inescusábel na primeira comunicación dunha querela a un reo. O propio portavoz de Juíces por la Democracia (JxD), Ignacio González Veiga, subliñou que a primeira citación sempre ten que ser en persoa, cousa que non foi posíbel inicialmente porque estaba en Bruxelas.

A réplica conservadora para obviar ese principio do Dereito deuna o portavoz da Asociación Profesional de la Magistratura (APM), Celso Rodríguez Padrón, aducindo que o expresident fora a Bruxelas precisamente para evadir a acción da Xustiza e que non se podía deter esa maquinaria porque non fose posíbel encontralo, xa que se podería producir un “ciclo paralizante” que impedise iniciar as actuacións xudiciarias.

Argumento bastante forzado, cando iso é un criterio do século pasado e amparado na lei anterior á reforma do 2015. Agora, até o Supremo definiu que, ademais das primeiras 24 horas, hai que conceder tres ou catro días máis para dar traslado da querela. Puigdemont non está aínda fuxido e se solicitou declarar por videoconferencia é que o seu avogado designou un domicilio, unha dirección de internet e un teléfono con acceso a fibra óptica para efectuala por Skype ou outro medio, cousa á que ten dereito segundo a nova lei.

Nesas circunstancias, hai que cursar primeiro unha citación para entregar en persoa. Non vale con pretender que Puigdemont pode ser citado polos medios de comunicación. Todo o mundo ten dereito a unha primeira citación persoal, tentada seriamente, e só se pode cursar orde de captura cando se demostra que non foi atendida. Cousa que non é o caso, porque o expresident pediu declarar por videoconferencia e aínda non consta -xuridicamente falando- que pretenda evadir a acción da Xustiza. A pesar do cal se ordenou xa a súa detención e entrega mediante os mecanismos internacionais de Europol, como se fose un fugitivo.

8. A Puigdemont négase o dereito de defensa

Como consecuencia do anterior, cometeuse unha nova vulneración do dereito de defensa de Puigdemont: a de negar que estivesen presentes os seus avogados nas declaracións dos outros procesados. Iso é totalmente irregular, xa que cando finalmente declare -sexa por videoconferencia, detido, extraditado ou após ter regresado voluntariamente- terá que o facer sen saber o que dixeron os demais sobre el.

Por exemplo, Junqueras podería incriminalo na súa declaración, alegando que o forzou a executar determinados actos, sen que os letrados de Puigdemont tivesen coñecemento desa acusación por parte doutro dos acusados. Unha situación que é de evidente indefensión para os investigados que a padecen.

Aliás, coa última reforma legal de 2015 calquera persoa investigada pode fixar a súa residencia nun país do espazo Schengen -sexa Dinamarca, Alemaña, Francia ou Bélxica- e pedir que todas as dilixencias lle sexan remitidas a ese domicilio.

9. O xuíz decreta prisión sen valorar o “arraigamento”

A maxistrada Lamela ditou con grande celeridade ordes de prisión para Junqueras e oito exconsellers e exconselleras sen valorar o “arraigamento” dos procesados, un criterio que sempre se ten en conta antes de decretar encarceramentos. Pode parecer clasista, e probabelmente o é, mais o “arraigamento” sempre evita o encarceramento dos procesados aínda no caso de empresarios con desfalcos importantísimos que poderían darlles medios económicos suficientes para evadir a acción da Xustiza.

É dicir, se se demostra que o acusado ten un arraigamento social; ou sexa, fillos que van a un instituto ou a unha escola, que participa na asociación de pais, que pertence a organizacións culturais a que asiste todas as semanas, que conta con arraigamento patrimonial, laboral, social… nese caso, os xuíces non meten a persoa acusada en prisión, porque consideran que vai ir ao xuízo.

E, se existen dúbidas, sempre se poden aplicar medidas cautelares sen detención: vixilancia policial, obrigación de presentación diaria en comisaría, métodos electrónicos de seguimento… Só se decreta o ingreso en prisión inmediato para delincuentes sen arraigamento algún. Pensan Lamela e Maza que Junqueras e os exconsellers van abandonar a súa familia, os seus bens, o seu arraigamento en Catalunya, para darse á fuga? Todos eles?

10. Violación do segredo das comunicacións

Finalmente, existe unha irregularidade procesual que algúns xuristas estiman definitiva. Mesmo cren que podería levar á nulidade de toda a causa, como ocorreu no caso Naseiro de financiamento ilegal do PP no inicio desa formación.

Trátase das peticións de escoitas telefónicas ao titular do xulgado de instrución número 13 de Barcelona, o maxistrado Juan Antonio Ramírez Sunyer, que leva nove meses tramitando en segredo a denuncia do partido ultradereitista VOX contra o xuíz Santi Vidal por ter dito que tiña todos os datos fiscais dos cataláns.

Por mor desa suposta violación da lei de protección de datos, Sunyer ordenou 14 detencións, unha ducia de rexistros e innumerabeis escoitas telefónicas de relevantes dirixentes independentistas, como os dous Jordis (Sánchez e Cuixart, da ANC e Ómnium, hoxe presos) ou mesmo consellers. O problema é que a xuíza Lamela solicitoulle moitas desas gravacións, sob segredo de sumario, mais non pediu tamén os autos de Sunyer que deben xustificar esa vulneración do dereito fundamental do segredo das comunicacións privadas.

O contido desas comunicacións foi, por tanto, empregado para acusar as persoas imputadas, sen se verificar se os atestados de Sunyer -quen xa conta máis de 70 anos e ten no seu haber diversas actuacións imprudentes, como enviar a prisión incondicional independentistas que despois tiveron que ser absoltos e indemnizados polo tempo de encarceramento- avalan coa suficiente motivación xurídica esa vulneración dun dereito fundamental.

Após a reforma de 2015, agora a lexislación é moito máis restritiva e clara que antes: establece os principios de necesidade, de subsidiariedade, de proporcionalidade… a transferencia ao Ministerio Fiscal e moitas outras prevencións. Así que Maza e Lamela deberían extremar o coidado en empregar esas escoitas, quizá envelenadas por falta de xustificación legal e por seren recomendadas pola Garda Civil que xa as coñecía polo seu emprego nunha causa totalmente allea.

Esa podería ser a última “árbore envelenada” que intoxique mortalmente a causa contra os líderes independentistas cataláns. Mais, en calquera caso, a construción xurídica levantada por Maza e Lamela ten os alicerces na lama… e os tribunais europeos non xulgarán ese edificio legal cos evidentes criterios políticos que están a guiar unha actuación xudicial claramente teledirigida pola Fiscalía Xeral do Estado que depende hierárquicamente do Goberno de Rajoy.

Fonte: Público