Desde que o PP reformou o código penal no 2015, o delito de enaltecemento do terrorismo converteuse no pesadelo da liberdade de expresión no estado español. Segundo o artigo 578, calquera manifestación que subestime ou humille as vítimas dos detlitos de terrorismo ou as súas familias, pode ser susceptíbel de entrar en prisión, xa que se prevén penas dun a tres anos de cárcere. Pablo Hasel, Cassandra Vera, Arkaitz Terrón, son algunhas das moitas persoas afectads por esta lexislación. Mais o caso de Valtònyc é especialmente significativo, xa que de terse aforrado a pena de dous anos por enaltecemento de terrorismo -tamén foi sentenciado a un ano por calumnias e inxurias graves á coroa e a 6 meses por ameazas-, agora non pesaría sobre el unha orde de detención estatal, internacional e europea.

E é que o delito de enaltecemento do terrorismo, tal como se entende no estado español, está a punto de caducar- E isso por unha directiva da Unión Europea de obrigado cumprimento para todos os estados membros, que impón unha nova maneira de entender este delito moi afastada da visión do PP.  Basicamente, a UE di que só é posíbel considerar enaltecemento de terrorismo “a difusión de mensaxes ou imaxes (..) que tiveren por obxectivo apoiar causas terroristas” e se esta conduta comporta que “poidan ser cometidos un ou diversos delitos”. E acrecenta, en defensa da liberdade de expresión, que se ten de analisar o caso concreto: “Deberán ser tidas en conta as circunstancias específicas do caso, do autor e do destinatario da mensaxe, así como o contexto en que se tiver cometido o acto”.

A directiva entrou en vigor no ano pasado mais os estados non están obrigados a incorporala aos seus códigos penais, quer dicir, na súa lei orgánica, até finais de setembro de 2018. No entanto, o Tribunal Supremo xa incorporou esta directiva nas súas decisións. Fíxoo por vez primeira en febreiro pasado, cando ratificou a absolución da Audiencia española a Terrón, para quen a procuradoría pedía dous anos de prisión por uns chíos sobre Irene Villa ou Carrero Blanco. Un mes máis tarde, o mesmo Supremo absolveu Cassandra Vera por uns chíos sobre Irene Villa.

A medio destes dous casos, o Supremo tivo que decidir se ratificava a sentenza a Valtònyc. E así foi, sen considerar a directiva europea. Tampouco o fixo o Tribunal Constitucional. No recurso o avogado do cantor non citaba esta directiva que terá de ser incorporada ao código penal a partir de setembro.

Un delito contra a liberdade de expresión
Amnistia Internacional xa alertara que o delito de enaltecemento do terrorismo facía perigar a liberdade de expresión. No Relatorio anual  ‘A situación dos Dereitos Humanos no Mundo‘ dicía: “Persiste o uso do delito de enaltecemento do terrorismo” para procesar persoas que exercen de maneira pacífica o seu dereito de liberdade de expresión”. E lembraba o caso dos marionetistas que pasaron cinco días na prisión por teren mostrado unha faixa que dicía “Gora Alka-ETA” nunha obra de teatro. Amnistía tamén critica a dilixencia da xustiza nestes asuntos, en contraste coa falta de vontade de esclarecer casos como por exemplo o de torturas.

ETA renunciou á loita armada no 2011, o mesmo ano que o PP recuperou o poder con maioría absoluta e Mariano Rajoy foi investido presidente. A audiencia xulgou aquel ano cinco casos de “enaltecemento do terrorismo”. A cifra duplicouse no 2012. Nos anos seguintes mantívose por riba da decena: quince e catorce casos. Mais o punto de inflexión sitúase no 2015.

En febreiro de 2015, Mariano Rajoy e o líder do PSOE, Pedro Sánchez, acordaron un novo pacto “antiterrorista” para faceren frente á “ameaza jihadista”. O pacto foi a antesala da reforma do código penal que entrou en vigor no 1 de xullo: a maioría parlamentar do PP introduciu unha modificación para endurecer o castigo ao delito de enaltecemento do terrorismo através da internet ou as redes sociais. Aliás, tamén endureceu as penas, que podían chegar aos tres anos de prisión, de maneira que podía implicar o ingreso en prisión apesar de non se ter antecedentes. Desde ese momento, o número de sentenzas disparouse: no 2016 rexistráronse 33, no 2017, 23 e este ano xa van 9.

Fonte: VilaWeb