A ‘Directa’ puido enviar un cuestionario ao escritor turco Hamza Yalçin, encarcerado en Brians. Turquía acúsao de ‘propaganda terrorista’ e ‘ofensas ao xefe de estado’. Publicamos as súas respostas na íntegra.

O escritor turco Hamza Yalçin está preso no cárcere de Brians desde o pasado 4 de agosto, cando foi detido no aeroporto de El Prat cunha orde de busca e captura ditada polo goberno turco á Interpol. Turquía acúsao de “propaganda” terrorista e vínculos co THKP-C (Partido/Frente Revolucionario de Liberación Popular), unha organización marxista-leninista armada que, desde os anos 80, atenta na Turquía contra membros e instalacións militares e de seguranza do Goberno. Asi mesmo, atribuélle insultos e críticas ao presidente Erdogan, através de Odak, unha publicación de esquerdas, coa que Yalçin colabora desde o exilio na Suecia. O pasado cinco de setembro, foi presentado un manifesto no Colexio de Xornalistas da Catalunya asinado por diferentes entidades de dereitos humanos, xornalistas e escritores en que se pedía a súa liberdade. Á espera de ser liberado ou deportado a Turquía, Yalçin responde ás preguntas da Directa através dunha carta escrita a mán, que transcribimos na íntegra.

Por qué crés que a orde emitida polo Goberno turco á Interpol para capturarte non se fixo efectiva cando pasache por Italia e Grecia e sí no Estado español? Por qué crés que o Estado español colabora coa Turquía?

Antes de mais, quero subliñar a diferenza entre os opresores que hai na Turquía e a identidade turca. Faise un mal uso da identidade turca para manipular a xente. Non entendo por qué me detiveron nin por qué me manteñen en prisión. Talvez é que dei con mala xente en España! Doutra banda, compre dicir que a orde da Interpol no consta nos checkpoints de todos os aeroportos. Se callar no primeiro que apareceu foi nun tren en Suiza. Na fronteira, un axente da policía colleu o meu pasaporte e escribiu e comprobou algunha cousa. Pediume o pasaporte turco e díxenlle que non o tiña. Despois dalgunhas chamadas telefónicas, devolveume o pasaporte e continuou facendo comprobacións doutras persoas. Descoñezo como colaboran as autoridades dos dous países. Os dous axentes que me interrogaron no aeroporto e o xuiz que me arrestou parecían tomar moi a serio as acusacións do goberno de Erdogan. Mais as acusacións non recollían accións violentas: unha organización terrorista sen accións terroristas, mesmo sen acción violenta! Todas as acusacións eran sobre liberdade de expresión. Algo así como: “Tu me criticas, daquela es un terrorista!”. Ás autoridades españolas non lles importa a miña nacionalidade sueca nin a miña residencia na Suecia. Non me preguntaron como tiña podido viaxar por Europa, apesar da orde emitida pola Interpol.

Qual é a situación actual de Odak, a revista en que participabas?

Agora mesmo, Odak e o Eğitim ve dayanışma hareketi (Movemento pola Educación e a Solidariedade) están estigmatizados pola Interpol e polas autoridades españolas. A Interpol tamén nos considera terroristas, non só Erdogan. Portanto, moita xente pensa “se até o di a Interpol, mellor será afastarmonos un pouco desta xente”. O Tribunal de Madrid [Audiencia Nacional española] redactou acusacións ridículas do goberno de Erdogan e arrestáronme, encerráronme no cárcere como un criminal. A maiores, rexeitaron o recurso do meu avogado por risco de fuga! Tanto a Interpol como as autoridades españolas contribuíron á miña estigmatización. A ditadura de Eerdogan conseguiu o seu obxectivo grazas ás autoridades españolas. Dixéronme que algúns dos meus camaradas se desmoralizaran, non entenden por qué as autoridades españolas actuaron así. Esta actuación despertou tanto decepción e raiba como resistencia e solidariedade.

Hai anos que che concederon asilo politico na Suecia e temes as represalias do réxime se o Estado español te deporta a Turquía. Estes factores son tidos en conta?

O Tribunal non o tivo en conta na súa decisión. As autoridades turcas queren xulgarme naTurquía pola miña actividade política legal na Suecia e noutros países europeos. O Goberno de Erdogan fixo mal uso da Interpol, utilizándoa para os seus propósitos politicos. Queren privarnos do noso dereito democrático a expresarnos libremente e criminalízasenos através da Interpol. Tamén deslixitimaron o sistema sueco, como se o goberno da Suecia dese apoio a actividades terroristas. O Tribunal de Madrid tampouco o cuestionou. É humillante. Non podo entender por qué as autoridades suecas están caladas. Debater sobre a miña deportación a un país sen sistema xudicial independente é debater sobre o meu dereito á liberdade de expresión. E é tamén un debate sobre a lexitimidade do sistema legal sueco.

Dixeche que Erdogan está disposto a iniciar unha guerra civil para eliminar a oposición. Que lle falta para o facer?

A oposición en Turquía é tímida, está dividida e desencoraxada. Erdogan traballou para a eliminar paso a paso, como quen mata unha rá escaldándoa gradualmente. Conseguiu mudar o sistema político da Turquía, mais ainda non pudo desenvolver un novo sistema estábel. Por iso declarou o estado de emerxencia e goberna mediante decretos, pasando sobre o Tribunal Constitucional e o Parlamento. A xente está atemorizada, mais o descontento crece, e iso preocupa a Erdogan. Por iso está disposto a comezar unha guerra civil. Houbo unha guerra entre o Estado e o movemento político curdo, mais a populación da metade occidental do país calou. Erdogan destruiu cidades como Cizre, Sur ou Yuksekova, en canto a populación do oeste calaba. A oposición, a excepción do movemento curdo, quer gañar sen loitar. Durante Occupy Gezi, no 2013, millóns de persoas manifestáronse en case todas as cidades da Turquía durante máis de vinte días, mais despois marcharon a casa. Talvez están esperando unha oportunidade mellor para actuaren.

Que papel xogan os servizos de intelixencia turcos (MIT) no control e persecución da disidencia na Turquía e no estranxeiro?

O MIT estivo tan activo en Europa que mesmo o Goberno alemán chegou a expresar o seu descontento. É unha organizaicón que enviou centenares de camións carregados de armas e munición a jihadistas da Siria. O golpe militar de xullo de 2016 parecía unha conspiración, unha manipulación do MIT. A chantaxe é talvez un dos seus métodos máis efectivos contra a oposición. Recollen información sobre a xente e utilízanna para ameazala. Infíltranse na oposición, recrutan informadores e manipúlana, tentando dividir a xente de esquerda. Mediante a chovinismo e a relixión están levantando un gran muro entre os turcos e o movemento politico turco. Mobilizan a xente e isolan os grupos da oposición e os individuos destacados, tanto na Turquía como na Europa. Posicionan as masas contra os socialistas e os curdos. Por veces cometen atentados, mesmo en Europa, como fixeron en París.

Como crés que pode solucionarse e reconducirse o conflito, tanto desde a esfera parlamentar como desde o movementos sociais?

O proceso político en Turquía é moi inestábel. Ainda que Erdogan concentrase todo o poder do estado nas súas mans, dificilmente pode dirixir o país. Goberna sob o estado de emerxencia, emitindo ordes de arresto masivo á Interpol para cazar a oposición fora de Turquía. Está obrigado a manter o poder do estado, para el sería catastrófico perdelo. Está eliminando todos os actores efectivos da esfera política. A xente necesita esperanza e coraxe. Se a oposición pode desenvolver a unidade e colaboración, tanto no ámbito parlamentar como nos movementos democráticos, daquela as alternativas para desfacérmonos de Erdogan poden aumentar.

Dixeche que crés e traballas pola unión entre socialistas turcos, o movemento curdo e os sectores democráticos kemalistas do partido CHP. É realmente unha opción viábel, apesar do papel que xogou o CHP votando leis contra os curdos? É viábel coa represión e desarticulación que padece o partido pro-curdo HDP?

É a mellor oportunidade para os kemalistas demócratas do CHP. Erdogan está obrigándoos a capitular. Teñen de escoller entre resistir ou renderse, e como non poden resistir sós, necesitan o movemento curdo e o marxismo turco. Sen a unión destas tres forzas é case imposibel aspirar a ter un novo país democrático. O movemento marxista turco pode axudar as dúas bandas a entendérense mutuamente e a axustaren as súas accións e a súa linguaxe en favor da unidade e a colaboración. Este traballo tamén pode beneficiar a unidade dentro da esquerda marxista en Turquía.

Foche detido durante a ditadura militar dos 80 e tamén preso e torturado nos 90. A Turquía arrastra unha longa historia de vulneración de dereitos humanos, tortura e asasinato, sobretodo nas prisións. Na esfera represiva, mudou algunha cousa nestes anos? Por qué cres que a tortura é unha práctica tan constante e arraigada na Turquía?

A tortura e a violación dos dereitos humanos foron mudando ao pasar o tempo, mais infelizmente son prácticas constantes en Turquía. Durante os primeiros anos de mandato da AKP parecía que a cousa estaba mellorando, mais tratábase apenas de enganar a esquerda. A AKP quería tempo para conseguir o control do estado e da sociedade. De feito, foron construindo unha ditadura moito peor. As minorías son as que sofren máis a crueldade. Socialistas preminentes, Mihri Beli e Sevim Belli, dixeron que a tortura contra a esquerda turca és unha táctica de contraguerrilla liderada e treinada por forzas internacionais. Hai moita crueldade na nosa historia, como na historia de todos os países.

Que trato recebeche da policía cando foche detido en El Prat?

Os axentes que me detiveron no aeroporto eran boa xente, ou polo menos parecían. Despois, os dous axentes que me conduciron do aeroporto á prisión maltratáronme. As alxemas apertábanme moito e mancábanme, e non fixeron caso cando lles pedin que as afrouxasen un chisco. Talvez pensaban que estaba esaxerando. “É o protocolo catalán”, foi o único que me dixeron. Tamén recibin malos tratos no ingreso na prisión por parte de dous gardas.

Como o vives? Notache algunha mudanza na túa situación despois da presión mediática, institucional e o apoio de entidades?

Normalmente acordo antes de sair o sol. Non sei que hora é, porque non teño reloxio. Fago algúns exercicios para me manter en forma. Se ainda está escuro, volto á cama e tento durmir. Se non podo, penso nas miñas cousas, na política… Se hai luz, leo ou escribo. Ás 7:30 fan a contaxe. Os funcionarios abren a porta para ver se estou. Nesa altura, vamos ás duchas comunes. Anuncíanche estas actividades antes de abrir a porta. Outra vez á cela, a ler ou escribir até a hora de almorzar. Imos ao andar de arriba, facemos fila para almorzar e esperamos que todos acaben e os gardas den orde de sair. Non podes marchar sen permiso. Despois baixamos a outra sala onde hai máquinas e podemos comprar cigarros, coca cola, café… Eu non fumo e, como non hai té, non consumo nada. Todo se paga cunha chave que ten cada un. A sala dá a un xardin, vémolo mais non nos é permitido acceder a el. É unha sala ruidosa, hai televisión, por veces xogo ao xadrez ou falo con outros presos, mais case sempre estou só, escribindo ou lendo. Ás 13:00 comemos e até ás 17:00 estamos novamente nas celas. Entón hai unha segunda contaxe, vamos á sala de estar e ás 19:00 ceamos. Ás 21:00 hai unha última contaxe, e, non sei nunca a que hora, apagan as luces e vou para cama. Sempre teño a xanela aberta, apesar dos mosquitos. En cada cela hai 2 ou 3 persoas, durmindo en liteiras. O lavabo é aberto e ás veces é moi ruidoso e molesto, cando compartillo cela. Para a miña seguranza, non me transferiron a un módulo con mellores instalacións ou actividades sociais. Crían que o meu caso duraría unhas poucas semanas, mais agora parece que levará máis tempo. Cústame tres días comprar un bolígrafo, un caderno ou pasta de dentes. Tes que escribir peticións para todo e demoran moito tempo en responder, se é que a solicitude non se perde e tes que facer todo outra vez. Podes chamar cinco veces por semana con oito minutos por chamada. Se chamas a algúen que está ocupado e outra persoa colle o teléfono, perdeche unha oportunidade. Axustarme a miña nova vida sen internet nin teléfono está resultando difícil. Escribir a man é máis complicado e tamén me fai perder moito tempo. Pensaba que estaría moito menos tempo aquí dentro, a verdade. Como non entendo o castellano, a televisión non me axuda e estou realmente isolado do mundo. Os fins de semana podes recibir visitas. O meu avogado ven con algunha información, mais non é útil. A mudanza máis importante durante a miña estadía aquí, despois do apoio e solidariedade que chega de fora, é que pasei a unha cela para min só. Os compañeiros que tiña fumaban constantemente e tiñan a televisión sempre acesa. Agora, o garda das chaves parece máis simpático. As autoridades penitenciarias iniciaron unha investigación sobre malas prácticas de algúns funcionarios. Por veces coñezo traballadores sociais que me preguntan como estou e que necesito. Antes das mostras de solidariedade e apoio, cría que estaba nun país fascista. Agora sei que fora hai boa xente, e iso faime sentir moi ben.

Guille Larios.

Orixinal en La Directa