A Audiencia de Gipuzkoa condenou a dous anos de cárcere o ertzaina acusado de bater coa porra na senadora de Amaiur Amalur Mendizabal durante uns incidentes acontecidos en Hernani en 2013 en que esta sufriu lesións na cabeza. Segundo a sentenza, o axente, que deberá indemnizar a senadora con 3.600 euros, tamén será suspendido de participar durante dous anos na Brigada Móbil da Ertzaintza. A gravación dun vídeo foi determinante para comprobar a actuación do ertzaina.

 

.

A Sala considera probado que o día dos feitos, cando a Garda Civil concluíu un rexistro na sede de Herrira e saíu á rúa coas persoas detidas no operativo, producíronse incidentes por parte de quen protestaban na rúa Maior, mais non así na zona da rúa Juan de Urbieta, onde estaba a senadora e “a situación era máis tranquila”.

Os maxistrados indican que, após visionaren as imaxes gravadas ese día, cuxa calidade melloraron técnicos da Ertzaintza,  constátan que o procesado levanta e baixa a porra en catro ocasións, despois do cal Mendizabal, que se achaba en primeira fila e mostrara antes as súas credenciais de senadora aos policías, cae ao chan boca arriba e posteriormente vese como “sangra abundantemente” da cabeza.

Para o tribunal, as imaxes “non son compatibeis” coa versión do acusado e si da denunciante, que ademais “foi persistente na súa versión dos feitos ao longo da causa”, que tamén corroboraron varias testemuñas no xuízo, celebrado o pasado decembro na Sección Primeira da Audiencia guipuscoana.

Agrega que non se considerou probado que o acusado e os compañeiros que estaban na súa liña de contención “recibisen orde de avanzar”, como manifestou o axente. Pola contra, precisa, o ertzaina que estaba ao cargo dunha furgoneta da Brigada Móbil declarou que el “non deu orde de ataque en ningún momento”.

“Aínda que non vexamos o punto exacto onde bate o axente coa porra, a dedución de que bateu con ela na cabeza da muller e con iso produciulle o sangue que manaba da cabeza momentos despois, tal como ela declarou, resulta a única conclusión racional”, aseveran os maxistrados.

E engaden que a afirmación do axente de a súa pretensión non era bater en Mendizabal, senón nunha persoa que estaba atrás dela cos brazos levantados “só é comprensíbel en termos de defensa”, porque “non é compatíbel co que mostran as imaxes”.

“Trátase dun policía profesional, destinado na Brigada Móbil da Ertzaintza, formado e adestrado para actuar en situacións similares e coñecedor, sen dúbida, das consecuencias do uso dun instrumento como a porra regulamentar que portaba. O dolo, polo menos eventual, na súa actuación resulta palmario”, sinala o tribunal.

As penas de cárcere e suspensión a que foi condenado este axente por un delito de lesións foran solicitadas tanto polo fiscal como pola acusación particular que exerceu a vítima, mentres que o avogado do policía reclamara a súa libre absolución.

Minuto 2,28

Fonte: Insurgente