No pasado 6 de xuño, EsCULcA enviou ao grupos do Concello da Coruña escrito en que mostra a súa preocupación pola actuación da policía municipal nos feitos acontecidos no despexo do C.S. A Insumisa o 24 de maio. O observatorio cre que existen razóns fundadas para pensar que nesa intervención producíronse irregularidades que deben ser recoñecidas e evitadas no futuro, nomeadamente agresións a persoas con armas perigosas (gas lacrimóxeno, porras extensíbeis…).

 

Resultado de imagem para desalojo a insumisa coruña

 

 

No seu escrito, EsCULcA lembra que, infelizmente, non é esta a primeira vez constatou con preocupación intervencións irregulares de axentes da Policía Local da Coruña.

“Ao longo destes últimos anos foron moitas as queixas que recibimos en relación con actuacións irregulares de axentes deste corpo, algunhas de carácter violento e non poucas de connotacións xenófobas contra persoas migrantes que practican a venda ambulante na cidade ou rebuscan nos colectores de lixo en procura de comida ou outros bens.

A práctica recorrente de identificacións de perfil étnico nos espazos públicos, o acoso, o trato vexatorio, as ameazas e mesmo as agresións físicas a migrantes foron denunciadas en numerosas ocasións por entidades como o Foro Galego da Inmigración e outros colectivos cidadáns, e levaron á presentación de denuncias nos xulgados, Queixas xunto do Valedor do Pobo, denuncias diante dos responsábeis do Concello da Coruña, etc., apesar das obvias dificultades con que deparan as persoas migrantes para faceren frente a este tipo de violencia institucional.

Un caso que ilustra ben o viés xenófobo destas actuacións é a aplicación policial da ORDEANZA DE XESTIÓN DE RESIDUOS MUNICIPAIS E LIMPEZA VIARIA -que sinala como sancionábel a manipulación dos residuos unha vez depositados nos colectores- para fustigar persoas dunha determinada nacionalidade, neste caso a romanesa: segundo fontes públicas en 2014 de 50 persoas sancionadas por esta infracción, 33 serían desa nacionalidade”.

 

Resultado de imagem para desalojo a insumisa coruña

 

Por outra parte, chama a atención sobre as advertencias do Comisario de Dereitos Humanos do Consello de Europa, quen xa en 2013 subliñara que no Reino de España se produce un uso abusivo destas porras extensíbeis. Unha advertencia que, se ben non foi ouvida polo Ministerio de Interior, responsábel das actuacións dos corpos e forzas de seguranza do estgado, si foi recollida por concellos como o de Pamplona, que optou en 2016 por prohibir o seu uso e, máis recentemente, en Galiza, pola corporación municipal de Santiago de Compostela, que no ano 2017 adoptou unha medida similar, incluindo neste caso a prohibición de uso de bolas de goma ou pistolas Taser por axentes de todos os corpos de seguridade.

En consecuencia, EsCULcA solicita a todos os grupos do Concello da Coruña que expresen o seu rexeitamento ao uso de prácticas e armas de especial perigosidade por parte en primeiro lugar dos axentes da Policía Local e, por extensión, dos axentes de todos Corpos de Seguridade e emprendan a elaboración dun novo regulamento que determine con precisión como han de ser os principios que guíen a actuación da/os axentes da Policía Local da Coruña, nomeadamente naqueles ámbitos en que a práctica anterior demonstrou ser en todo inadecuada.

Escrito de EsCULcA aos Grupos do Concello da Coruña