O 29 de xaneiro, Fernando Blanco Arce, en nome e representación de EsCULcA, rexistrou Queixa dirixida á Oficina do Defensor del Pueblo en que se solicita a abertura de expediente en relación cos violentos malos tratos que alegadamente inflixiron funcionarios do cárcere de Teixeiro ao penado P.E.G. Os feitos aconteceron o pasado 21/01 e deixaron secuelas ainda visíbeis varios días despois como puido constatar un representante de EsCULcA.

 

Resultado de imagem para defensor pueblo españa

 

No seu escrito, Fernando Blanco Arce demanda a abertura de expediente por posíbel violación dos dereitos fundamentais consagrados no art. 10 (dignidade), 15 (integridade física e moral) e 17 (seguranza) da Constitución Española de 1978.

“Son dunha enorme gravidade -sinala- porque non hai xustificación algunha legal ou regulamentar para unha actuación tan desproporcionada e desmedida”. E lembra que a Defensoría del Pueblo ten coñecemento por outras queixas apresentadas no seu día que estes feitos acontecen amiúde no módulo de isolamento de Teixeiro, como constata no seu relatorio o Comité para a Prevención da Tortura do Consello de Europa despois de visitar o cárcere no ano 2016.

“Este relatorio é coñecido pola Defensoría del Pueblo”, subliña Blanco Arce, que acrescenta: “Interesámos da Oficina del Defensor del Pueblo que extreme o celo na tramitación das queixas por malos  tratos nos Centros Penitenciarios por canto, salienta, “o CPT constatou ‘un padrón de malos tratos inflixidos por funcionarios de prisión'”.

 

Resultado de imagem para funcionarios c.p. teixeiro

 

“Se a Defensoría del Pueblo non quer ficar reducida a unha mera institución lexitimadora, debe adoptar unha posición máis activa na investigación destas queixas. É lamentábel que un órgao integrado no Consello de Europa constate un padrón xeral de malos tratos sen que o Defensor del Pueblo teña adoptado máis do que unha posición meramente burocrática na tramitación de queixas por estes motivos”, conclúe, para a seguir lembrar que o CPT tamén sinala no seu relatorio a graves eivas detectadas na actuación dos servizos sanitarios prisionais e o incumprimento sistemático da obrigación de emitir partes de lesións e de enviar copia á Dirección do Centro Penitenciario, o Xulgado de Garda e á persoa presa que padece as lesións, así como de incorporar tamén copia ao seu expediente médico.

Neste caso, o médico do Centro non só non emitiu parte algún, senón que mesmo se negou a prestar a atención e os cuidados que o estado do preso requerían, polo que o representante de EsCULcA interesa no escrito de Queixa à Oficina do Defensor del Pueblo que sexa aberto igualmente expediente en relación coa actuación dos servizos sanitarios do cárcere.

Notícia anterior.

Escrito de Queixa.