Fernando Blanco Arce, en nome e representación de EsCULcA, rexistrou Queixa o 16 de abril de 2018 xunto da oficina do Defensor del Pueblo. No escrito, Blanco Arce describe a insuportábel situación do penado R.M. no cárcere de Teixeiro (encerrado na enfermaría nun cubículo de vidro) e reclama a intervención inmediata do organismo. Lembra que o Comité para a Prevención da Tortura considerou o de Teixeiro o pior dos penais do Reino de España no que a atención psiquiátrica di respecto.

 

 

R.M. foi recentemente transferido do CP da Lama ao de Teixeiro, onde foi ingresado no módulo de enfermaría. Desde o ingreso permanece en confinamento solitario nunha cela envidrazada en que non dispón de mesa, cadeira ou outra mobilia non sendo a cama. Tampouco dispón de roupa ou úteis, nin sequera espello. Unha situación de vida incompatível co principio de dignidade que debe inspirar a execución da pena.

Por outra parte, o servizo médico da prisión impón a R.M. medicación non pautada anteriormente. Así trata o penado con Depakine, unha medicación que até o momento lle tiña sido pautada.

Institucións Penitenciarias sinala como xustificación destas medidas o risco de suicidio do penado, ainda que persoas próximas a el negan esa posibilidade, mais -mesmo que fose así- os medios para evitar o perigo en modo algún poden ser isolar un interno en cubículo de vidro en réxime de isolamento, unha situación contraria ao principio de dignidade que debe inspirar a execución da pena.

Unha situación ben coñecida

Infelizmente, non é esa a primeira vez que EsCULcA pon en coñecemento do Defensor del Pueblo feitos como o que motivan esta Queixa. En concreto, en xuño de 2017, o observatorio informou da situación en que se encontraba na altura A.M.C.B., encerrado en condición idénticas ás que padece agora R.M. na enfermaría de Teixeiro, e o propio Comité para a Prevención da Tortura do Consello de Europa sinala o CP de Teixeiro como o peor centro penitenciario do Reino de España en atención psiquiátrica.

“A peor situación observada pola delegación do CPT foi na prisión de Teixeiro, onde ningún psiquiatra visitara o centro desde 201 e, no entanto, o 6 por cento da poboación reclusa estaba recibindo medicación antipsicótica e o 60 por cento benzodiacepinas. Por último, non había ningún psicólogo clínico prestando asistencia aos internos en ningún dos centros visitados. Isto é inaceptábel” (Relatorio CPT – 2017, p.67).