Deixei a metade da miña vida nas miñas terras persas, e cando aterrei nesta península de acollida, entrañábel plataforma de reclamo de pan e paz para todos, púxenme a exercer o desconcertante oficio de exiliado: coñecer, aprender, admirar, transmitir, revelar e denunciar, estes últimos aproveitando as aulas da Universidade, os medios de comunicación e unha ducia de libros como ‘Robaiyat de Omar Jayyam’ (DVD edicións, 2004), ‘Kurdistán, o país inexistente’ (Flor do vento, 2005), ‘Iraq, Afganistán e Irán, 40 respostas ao conflito do Oriente Próximo’ (Lingua de Trapo, 2007) e ‘O Islam sen veo’ (Bronce, 2009).

Imaxínense un campo de concentración con dous millóns de persoas, sen posibilidade de saír. Pensen nuns carcereiros que entre outros obxectivos estudan o comportamento humano en situacións ao límite e para iso recorren ao uso cotián do terror, a tortura e isolamentos durante un longo período de tempo; privación de alimentos e medicamentos; derruir as vivendas (tendo en conta que o ser humano é tobo), destruír o resultado do seu durísimo traballo (aplicando un Ecocidip sistemático e arrincando uns 2.000.000 de árbores froiteiras despois de golpear e asasinar decenas de mulleres e homes campesiños); impedir que reciban auga e luz suficientes, que traballen, que teñan lecer, que se relaxen someténdoos a diferentes graos de tensións; lanzarlles toneladas de bombas, mísiles e sustancias químicas como o fósforo branco, non só para eliminaren a poboación sobrante do campo, senón tamén para analizaren o estado de shock e o complexo sentimento de dor e sufrimento dos sobreviventes ao ver con impotencia o corpo esnaquizado dos seus fillos, dos seus seres queridos diante dos seus ollos.

A estes experimentos iniciados hai 10 anos en Gaza, como nun macabro Reality Show, os israelís engadiron un nova proba: simular a Idade de Pedra, cortándolles as horas de electricidade de 7 a 2,5 horas ao día, para ver como conservarán os bancos de sangue ou como se manterán con vida os recén nacidos nas incubadoras, os doentes de cancro ou os pacientes en diáleses; como aguantarán a calor asfixiante deste verán sen ventiladores ou conservarán os alimentos sen frigorífico, ou como depurarán a auga para ser lavaren, cociñar, regar os seus cultivos, etc.

Os destartalados xeradores dos hospitais non puideron salvar a vida dunha vintena de pacientes, entre eles Yara, un bebé de tres anos. A única planta de enerxía de Gaza pechou en abril por falta de combustíbel, e desde entón, Israel converteuse no seu fornecedor de electricidade.

Mais, Tel Aviv aínda que é o principal responsábel desta traxedia, non é o único. A nova medida foi solicitada pola Autoridade Palestina (AP) que así pretende castigar o Hamas pola falta de pagamento das facturas de luz de Gaza. O castigo colectivo está á orde do día. Aquí hai un pulso entre a burguesía palestina polo poder a expensas de millóns de compatriotas esfarrapados: trátase da loita de clase no medio dun movemento nacional de liberación contra o colonialismo israelí.

Para non esquecer as orixes da crise

O bloqueo significa que os soldados de ocupación impediron Rula Ashtiya, a piques de dar á luz, e o seu marido a pasaxe para chegaren a un ambulatorio. Deu á luz deitada no chan e ante as olladas indecentes daqueles homes armados. O bebé morreu e só entón deixárona ir a pé ao hospital en Nablus, co seu fillo morto nos brazos. Esta é a punta de Iceberg da brutalidade do bloque, dos inhumanos métodos utilizados polo réxime israelí, que ao puro estilo do Estado Islámico, lava o cerebro dos seus soldaditos de 18 anos, converténdoos en monstros.

Os obxectivos de Israel

Israel, un pequeno punto no mapa para ser unha potencia rexional hexemónica, ademais das armas e o diñeiro que recibe dos aliados occidentais, necesita territorio, petróleo e auga, e estes elementos están nas terras veciñas. De feito, Israel foi o principal gañador das guerras dos EUA contra o Iraque, a Libia e a Siria e as sancións e ameazas que sofre Irán. Agora pretende matar lentamente os esquecidos palestinos de Gaza, para quen o debate deixou de ser “un estado ou dous”, senón como conseguir auga e pan.

O proxecto do Gran Israel pretende “fabricar” palestinos doentes, mutilados, analfabetos, incapaces no presente e futuro de protexeren os seus dereitos sobre a súa terra. Acosando a poboación, Israel pretende forzar os líderes palestinos á rendición total polas boas, se non, provocar unha Intifada e conseguila pola guerra. A tentación de ficar co gas de Gaza no Mediterráneo e trazar o gasoduto para o 2025 é irresistíbel: de alí, en parte, o silencio cómplice de Bruxelas

Aínda que sexa un Estado de Apartheid, ningunha potencia trata Israel como a “paria”. Até é considerado un estado democrático a pesar de ser rexido polos intereses dun grupo relixioso-étnico cunha ideoloxía arcaica! Se ás veces Occidente critícao polos asentamentos, débese a unha estratexia de distracción co fin de non esixirlle a desocupación ou o levantamento do bloqueo. É o que Obama fixo antes de marchar, mentres se negaba a esixir a Israel o cumprimento da legalidade internacional e lle asignaba unha axuda militar valorada por 38.000 millóns de dólares. Tempos atrás, os presidentes dos EUA que temían un achegamento dos árabes á Unión Soviética impúñanse a un Israel desbocado: en 1956 despois da crise de Suez, Dwight Eisenhower ameazou o seu pequeno aliado con castigos económicos se non se retiraba do Sinaí; Gerard Ford en 1975 negouse a proporcionar máis armas ao Estado xudeu até completar a súa saída do territorio exipcio; Carter en 1977 esixiulle evacuar o Líbano, e acudir a Camp David, se quería máis bombas e mísiles.

Hoxe Israel non está sob ningunha presión, e salvo que as estrelas se aliñasen para que se formase a nivel internacional un movemento progresista que pare os pés aos pequenos e grandes países imperialistas, pouco se pode facer, mesmo para o salvar de si mesmo e facerlle entender a lóxica dos vasos comunicantes. Para Netanyahu o custo dun acordo de paz é moito maior que manter a situación actual, debido á oposición dos ultra ortodoxos e colonos xudeus e unha crecente presenza da extrema dereita relixiosa no seo do exército.

Manter o bloqueo non escandaliza a opinión pública mundial, todo o contrario: pode presionar os réximes árabes, incluíndo Arabia Saudita, para un achegamento a Israel para “solucionar o conflito”.

Nas próximas semanas a tensión pode converterse en conflito, cando Israel comece as escavacións ao redor da Faixa de Gaza para crear unha barreira subterránea e evitar que Hamas constrúa túneles transfronteirizos. Obviamente, Israel está a provocar unha nova Intifada, mentres Hamas espera un milagre que rehabilite a súa lexitimidade.

Non hai un conflito israelo-palestino, senón unha política sionista deseñada para acabar cunha poboación desarmada e secuestrada. Os partidos políticos e movemento sociais progresistas deben incluír na súa axenda política o obxectivo de pór fin ao bloqueo a Gaza.

Propuxo Ayelet Shaked, a deputada israelí, “matar todas as nais palestinas para deixar de pariren ‘pequenas serpes'”, ignorando que as “solucións finais” finalmente estalan na cara dos seus ideólogos.