O proceso pola morte de José Ángel Serrano chegou ao Constitucional, onde Encina ve difícil o percorrido tal e como funciona o sistema. Asegura que tentará facer xustiza aínda que teña que chegar a tribunais europeos, por José Ángel e por todas as persoas presas en isolamento, así como as familias, que padecen unha situación de «abusos continuados».

A última autopsia realizada a José Ángel Serrano, meses despois de aparecer unha mañá morto nunha cela de isolamento en Zuera, concluíu que sofrera asfixia por se ter engasgado, «contradicindo totalmente» o informe inicial, segundo explicou no seu día Silvia Encina. A familia ten aínda moitas interrogantes que esclarecer sobre as circunstancias que rodearon a morte do preso natural de Bilbo. Son tantas que a pesar de a Audiencia de Zaragoza ter arquivado o caso, Encina recorreu ante instancias superiores. A súa historia, un relato en primeira persoa dun trato «cruel e ilegal» deu lugar á creación dunha asociación, Familias contra a Crueldade Carceraria, co fin de facer denuncia documentada do que acontece nas prisións, de como funciona o sistema en todas as ordes e, á vez, axudar presos e familias a pór doses de humanidade nese círculo de sofrimento, desamparo e deterioración.

 

Resultado de imagem para silvia encina abogada jose angel serrano

 

Que camiño segue nos tribunais a morte en prisión de José Ángel Serrano?

Teño idea de chegar ao Tribunal europeo dos Dereitos Humanos. Previamente á morte de José Ángel, xa estábamos a traballar en todo o tema de malos tratos e falta de asistencia sanitaria continuada. Esta era unha morte anunciada. En diferentes queixas e recursos que apresentáramos puxemos sobre a mesa esta cuestión, que nas condicións de vida en que estaba en calquera momento podía aparecer morto, e así foi. De momento, hai dous procesos xudiciais e un administrativo aberto. Digo de momento porque en función de como se desenvolveren estes procedementos, se se actúa con transparencia e se esclarecen as circunstancias e as responsabilidades, terán o seu percorrido. Se non, abrirei novos procedementos, porque é un asunto complicado e hai moitas e diferentes responsabilidades civís, penais e administrativas. De momento collín esas vías, a penal porque cando morre unha persoa en prisión automaticamente ábrense dilixencias, aínda que tamén case inmediatamente son fechadas, e a vía administrativa para pedirmos responsabilidade, xa que considero que a Secretaría Xeral é responsábel non só da morte de José Ángel, senón de máis de 200 mortes ao ano, a maioría nos módulos de isolamento. E despois, unha vía, de momento civil, fronte á dentista que o atendeu en Estremera, que lle fixo unha avaría e se negou a pasarlle consulta.

O proceso pola morte xa está posto no Constitucional. Previamente puxera outras sete demandas, por falta de asistencia médica, catro, e por malos tratos en todas. Nunca me admitiron as demandas. Supostamente vivimos nun estado democrático e de dereito e suponse que as leis de procedemento garanten que ti poidas exercer efectivamente o teu dereitos mais opino que todo isto é unha montaxe que discrimina as persoas pobres, porque acceder a esas instancias é moi difícil, non tes acceso á xustiza gratuíta, un procedemento xudicial deste calibre custa moitísimo.

 

Resultado de imagem para silvia encina abogada jose angel

 

Por que non acreditan na versión da prisión?

Porque desde que o coñecín comezamos a expor queixas perante os xulgados de vixilancia penal polas malleiras, pola falta de asistencia médica… non vou facer todo o relato de vulneración de dereitos porque sistematicamente se vulnera todo o regulamento penal, téntanse cubrir os temas formais, mais cométense todo tipo de delitos, malos tratos, omisión de socorro, sancións desproporcionadas, falsificacións de documentos públicos. Todos os procedementos, tanto nos xulgados de vixilancia como cando chegas á Audiencia Provincial correspondente, era máis do mesmo, non se investiga, sempre se dá a razón á administración penal, póñense obstáculos para conseguir a documentación, para conseguir probas, négase sistematicamente o acceso ao expediente penal, nin sequera se pode ver. É unha negación sistemática do expediente completo, do que conseguimos unha parte despois de morto. Eu tiña poderes notariais de Jose Ángel para acceder a todo tipo de documentación, mais nunca se me permitiu. Isto foi unha constante en todos os procedementos. Cheguei sete veces até o Tribunal Constitucional e hai moitos procedementos máis abertos por todo tipo de cuestións.

Estas persoas non son tratadas nin sequera como animais, son tratadas como cousas. As dúbidas veñen daí, da présa depois da morte, de non permitiren nin comparecer no procedemento, nin aos pais nin a min. Aí é que se acenden todas as alarmas. Sindicatos de funcionarios están a denunciar que estiveron meses de noite sen médico de garda. Pedía que testemuñase o médico que estivo esa noite e o xulgado fixo a 13-14, chamou o outro médico. Estabamos a agardar os testemuños dos presos, que nos foran negadas todo o tempo e que eran os únicos que estaban alí con el, e finalmente pechouse o procedemento sen practicar toda a proba. Teño a dúbida de se realmente había un médico de garda esa noite, dubídoo moito. Vexo que cando un preso denuncia a prisión, normalmente cando hai malleiras, despois sempre é denunciado el por atentado, e sempre o condenan, non se investiga. A denuncia do preso sempre se arquiva. Teño dúbidas porque teño probas contundentes de que a vara de medir é completamente diferente: se un funcionario pon unha denuncia vai o médico forense, fanlle as periciais. Se a demimcoa a pon un preso obstaculízase e dilátase todo o posíbel, para non ficaren marcas das malleiras, para ficaren pegadas, non hai cámaras… Debería habelas mais sempre que as pedín nunca hai gravacións.

José Ángel pasou 18 anos en isolamento. Segundo relatou o cárcere foi alén da privación de liberdade.

José Ángel, como moitas persoas, padecía patoloxías mentais que normalmente son duais, que quere dicir que son politoxicómanos. ben previamente ou ben polas condicións de vida en prisión, e máis nos módulos de isolamento, esas patoloxías agrávanse ou xorden outras novas. Cando ti non te adaptas ás normas internas dunha prisión, son moi estritos, é unha obediencia absoluta, tes que participar do que eles che ofrecen ou se non considérante un inadaptado. Que pasa coas persoas con trastorno mental? Loxicamente non poden ter un comportamento axustado, e como é desaxustado son destinadas aos módulos de isolamento, moitas veces por recomendación médica.

Atópome que se lle nega asistencia médica, porque os psiquiatras os ven cada dous, tres ou catro anos e é o medico de atención primaria, cunha noción moi básica en psiquiatría, o que decide que medicación há de tomar. Como os comportamentos son desaxustados, é xente que mentalmente e emocionalmente está fatal e, ademais, debido a que se lles impón o castigo constante de afastamento da familia, de condicións de cumprimento moi duro… porque en teoría son 21 horas en cela mais costuman estar 22 e 23 horas, o médico veos através do ‘carangeixo‘, abren a outra porta un pouco e sempre diante dun funcionario, non hai intimidade nin confidencialidade. Esas persoas deterióranse absolutamente e teñen sancións constantes, sancións de isolamento, que quer dicir que poden estar sen saír da cela unha chea de tempo… Como o máximo de cumprimento en isolamento son 14 días, neste fermoso país o que fan é que cumpres 14, paras entre unha e dúas semanas, cumpres 14, paras… e entón hai xente que agora mesmo ten un ano ou máis dun ano de sancións pendentes de cumprir. Estas son garantías e respecto aos dereitos fundamentais? Esa é a situación en que morreu José, en que viven moitas persoas e en que morreron moitas outras neste país.

Nesas circunstancias, os achegados son o vínculo cos coidados, coa humanidade, por iso crearon Familias contra a Crueldade Carceraria?

A partir da morte de José e da segunda autopsia, e despois de conseguir as cinzas, que foi outra agonía, comecei a contactar con persoas a quen aconteceu o mesmo para comprobar se isto era algo puntual ou algo sistemático. As familias que perderon fillos… o que pretendían é que isto acabe, que se dea apoio ás familias porque, no meu caso, era avogada mais se non o desprezo é total, porque ou tes un monte de cartos ou o avogado é moi próximo, amigo… ou fai o xustiño e non vas conseguir nada. Por unha banda queremos dar asesoramento, porque a xente está moi perdida, non sabe como moverse, non coñecen os seus dereitos nin os da persoa presa, como funciona o sistema… e despois facer denuncia, non nos xulgados, porque nestes momentos excede das nosas capacidades, senón documentar situacións de toda a familia, a persoa que está en prisión e quen está fóra, e facer denuncia pública e documentada ante institucións como os valedores do pobo, Prevención da Tortura, Amnistia Internacional… da situación que existe de vulneración de dereitos fundamentais e de incumprimento da Declaración Universal dos Dereitos Humanos e do Convenio Europeo de Dereitos humanos. Visibilizar esa situación para conseguirmos apoio social e xerarmos un debate sobre as condicións de cumprimento e sobre o funcionamento da administración penal e a de Xustiza.

Parte do traballo da asociación é tamén tratar de axudar as familias e, através delas, as persoas presas

Na miña opinión, que vén das conversas e encontros con familias afectadas por penas de prisión de máis de dous anos, esas condicións destrúennas completamente física, mental, emocional e economicamente. As reunións cústannos moito porque as persoas teñen moito sufrimento, moita dor, a maioría non tivo acceso a recursos, moitas acceden a medicación, que é o que teñen na rede pública porque non hai ningún tipo de apoio para poderen xestionar estas situacións, comprendelas e enfrontalas dunha maneira positiva. Daí xurdiu a idea de facer obradoiros cunha terapeuta para traballar diferentes cuestións, porque non podemos facer un traballo serio con persoas con problemas de saúde mental, emocional e físicos polo sufrimento que teñen que soportar. A maioría son familias traballadoras moi humildes, que ao entrar o home en prisión perderon os recursos económicos, viven ao día, tampouco teñen moito tempo para dedicar á asociación ou para buscar outros recursos. Pensamos que o principal é proporcionar recursos para o autocuidado emocional, á parte do asesoramento xurídico. Por iso comezamos con obradoiros para traballar dós e perdas, a comunicación, manexar a tensión, a ansiedade…

Nerea GOTI|GASTEIZ

Fonte: Naiz