Hoxe comeza na Audiencia Nacional española o xuízo contra os mozos de Altsasu, marcado por unha serie de irregularidades que analizamos con Amaia Izko, unha das avogadas da defensa.

Neste caso empregouse a palabra desproporcionado para cualificar a petición fiscal.

Desproporcionado, sen ningunha dúbida. Mais a primeira palabra que utilicei creo que foi despropósito, do punto de vista xurídico, mais tamén social. É un disparate e este despropósito leva a que as penas que se piden non teñan nada a ver coa realidade dos feitos e sexan dunha desproporción insuperábel.

Hai outro elemento que denunciaron no seu momento e é que non se admitiron probas das defensas. É algo insólito e supón unha conculcación de dereitos brutal.

Os precedentes que se poden contar están na Audiencia Nacional e refírense ao rexeitamento dalgunhas probas. Mais nunca nos ocorreu que nos deixasen, como neste caso, sen practicamente ningunha proba. A algunha das defensas rexeitáronlle todas as probas que presentou, todas: testemuñais, documentais, periciais, soportes videográficos… Todo foi rexeitado coa xenérica alusión de que non son necesarias ou non son pertinentes porque non se refiren aos feitos concretos do día 15 de outubro. A cuestión é que non se están xulgando estes feitos en si mesmos, senón dentro dun contexto en que se basean as acusacións para os cualificar de delito de terrorismo. Contodo, en relación a ese contexto non se nos permitiu presentar ningunha proba. Mesmo foron rexeitadas testemuñas presenciais ou documentación gráfica de como é o bar. Porque se fala de que nese lugar ocorreron determinadas cousas que fisicamente, a priori, parecen imposibeis. Foron rexeitados os planos do bar ou unha gravación de minutos despois de que tivesen acontecido os feitos e que ilustran moito sobre cal é o ambiente que alí se vive. Xa en instrución ante a xuíza Carmen Lamela tratamos de presentar probas que avalasen a versión dos investigados, que sinalaban que non participaran nos feitos. Foron rexeitadas dicindo que a instrutora tiña moi claro o que pasara e que achegásemos as probas no xuízo oral. Agora, rexéitansenos no xuízo oral. A conclusión é que se vai celebrar un xuízo no que non hai garantías reais e que se priva estas persoas do dereito á defensa e do dereito a un xuízo xusto.

Os únicos testemuños que se van a escoitar na vista son os que sustentan as teses da Procuradoría e das acusacións?

Maioritariamente. Por exemplo, no que ao contexto real, social, histórico e político en que se levaron a cabo as dinámicas de Alde Hemendik di respecto, que é no que se sustenta a formulación de terrorismo, só vai ser ouvida a voz da Garda Civil, axentes que como peritos irán alá contar que fixeron un informe en que concluíron que, efectivamente, Alde Hemendik nace, crece e desenvólvese sempre por orde e ao abrigo de ETA, e, portanto, Ospa Mugimendua participa desa natureza e estas persoas, ao estaren relacionadas con Ospa, están tamén relacionadas con ETA.

Isto supón someter os acusados a unha situación de indefensión enorme.

Á partida, a Audiencia Nacional ofrece moitas menos garantías que un tribunal natural porque está excepcionalmente creado para xulgar determinados feitos. Ademais, puidemos comprobar que é moi permeábel a decisións ou criterios políticos. Mais que che pidan 50 anos e que non che permitan achegar probas na túa defensa colócate ante un procedemento en que non se dan garantías.

Un dos motivos polo que este xuízo se celebra na Audiencia Nacional é a denuncia de Covite.

Efectivamente. O que converte estes feitos en terrorismo é unha denuncia de Covite. É moi grave. A opinión que plasma Covite nunha denuncia é admitida cos ollos pechados pola Audiencia Nacional, que pide á Garda Civil un informe que avale esa tese e terminan sendo considerados terrorismo e xulgados na Audiencia Nacional. E todo iso fronte a un primeiro informe da Policía Foral, a un primeiro informe da Garda Civil e ao criterio do Xulgado de Iruñea e a propia Procuradoría. A Procuradoría da Audiencia Nacional en ningún momento reclama esta causa. O Xulgado Central de Instrución tampouco. Apesar de a causa ter unha proxección pública e mediática importante. Ningún xulgado e, en principio, ningunha policía actúa na dirección de poida sospeitarse que sexa terrorismo. De súpeto, unha denuncia de Covite muda completamente a situación.

Tamén é determinante que a Garda Civil realizase a instrución, arrebatándolla á Policía Foral.

Desde o principio vese unha animosidade de dar a este procedemento unha dimensión que non ten. Colléronse estes feitos e convertéronse en algo que non son. Mais nin con esa intención, que é clara porque a Garda Civil pide á Policía Foral seren eles os que instrúan, apuntan a terrorismo. Apuntan a delito de odio. É discutíbel e discutirémolo no xuízo porque algunhas acusacións manteñen que isto é delito de odio. Cara alí encamíñano baseándose na relación con Ospa e Alde Hemendik. Non é un elemento que aparece a posteriori, senón que xa se relaciona nese primeiro informe da Garda Civil.

A situación complícase cando unha das xuízas que forman a sala é Concepción Espejel, condecorada pola Garda Civil e cuns estreitos vínculos co instituto armado.

Rexeitóusenos a recusación sen ningunha argumentación. Demos moitas voltas a esta situación. A composición da sala non se determinou claramente até o momento en que expomos a recusación. Cando este procedemento chega á Sección Primeira, a composición da Sala é completamente diferente. Concepción Espejel aínda non é presidenta da Sala do Penal e, portanto, tampouco forma parte da Sección Primeira. Hai un maxistrado relator que falece durante a tramitación da causa. Cando nos notifican definitivamente cal é a composición da Sala é cando decidimos, após unha análise profunda, que os vínculos de Espejel coa Garda Civil poden influír na forma de axuizar estes feitos, xa que se relacionan co que as acusacións chaman un «clima de fustigación, de asedio e humillación á Garda Civil e aos seus familiares». Atopámonos con que preside a Sala unha persoa que é familiar dun garda civil e que, ademais, foi condecorada polo propio corpo por axudar a fomentar o seu bo nome. Cremos que esta persoa pode ter un interese nesta causa e que esta relación contamina a forma en que poida ver a causa.

A sorpresa foi que nin sequera se entra a analizar. Agárranse a un formalismo dicindo que eses elementos xa os coñecemos anteriormente e que a nosa formulación é extemporáneo. A indefensión faise máis profunda.

Ademais, o caso vén marcado por unha criminalización mediática de alta intensidade.

Agora hai un interese de Estado de que estes feitos sexan considerados delito de terrorismo. Ese é o camiño que decidiu tomar o Estado para parar o proceso en Catalunya. Ten un interese maior mesmo en que este tipo de feitos poidan ser considerados delito de terrorismo. Sabemos que ese interese pode condicionar notabelmente o procedemento. Insisto, estamos nun xuízo en que calquera pode ver que o tribunal que nos vai xulgar é especialmente permeábel a estas decisións políticas e a estas cuestións de Estado.

Unha manifestación «histórica e emotiva» que copou titulares dentro e fóra de Euskal Herria

A manifestación deste sábado foi «histórica e emotiva. A maior que viviu Nafarroa en décadas». Así o sosteñen os pais e as nais dos mozos de Altsasu, que onte puxeron rumbo a Madrid, onde hoxe arrincará o xulgamento. Van coas pillas carregadas pola «enerxía e o agarimo que recibimos. Foi algo incríbel, non se pode contar». O certo é que a manifestación, en que participaron decenas de millares de persoas, tivo un amplo eco nos medios vascos e nos de ámbito estatal. Mesmo The Guardian publicou este fin de semana unha reportaxe sobre o caso.

Martxelo Diaz

Fonte. GARA