O Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos condenou hoxe o Reino de España pola devolución en quente a Marrocos de dous inmigrantes no valado de Melilla sen teren sido identificados, o que “supón unha expulsión de carácter colectivo”, contraria ao Convenio Europeo de Dereitos Humanos. O fallo unánime conclúe que o Reino de España tamén vulnerou o dereito a un recurso efectivo. O 13 de agosto de 2014 os inmigrantes foron alxemados e entregados ás autoridades marroquinas “contra a súa vontade” e “sen ningunha medida administrativa ou xudicial previa”.

A sentenza impón unha indemnización de 5.000 euros a cada un dos demandantes, N.D. de Mali e N.T. de Costa do Marfil, por danos morais. O xuíz ruso Dmitry Dedov foi o único do sete membros da Sala que votou en contra da reparación económica.

 

Inmigrantes subsaharianos encaramados a la valla de Melilla.- AFP

O tribunal destaca que a versión dos demandantes, apoiada por varios vídeos, foi corroborada por varios testemuños recolleitos pola Axencia da ONU para os Refuxiados (ACNUR).

Segundo o fallo, os demandantes foron expulsados inmediatamente, “sen que antes tivesen acceso a intérpretes e a unha asistencia xurídica que os informase das disposicións pertinentes do dereito de asilo ou dos procedementos contra a súa expulsión”. Por iso, “foron privados de toda posibilidade de recurso”, que lles permitise ter acceso a unha autoridade xudicial e “beneficiar dun control atento e exhaustivo” da súa demanda antes da súa devolución.

A Sala da corte europea incide en que, ao baixaren dos valos, os demandantes “estaban sob o control continuo e exclusivo das autoridades españolas”.

N.D. chegara a Marrocos en marzo de 2013 e acampara durante nove meses no acampamento improvisado do monte Gurugú, mentres que N.T. chegara a final de 2012 e aloxáse no mesmo lugar. Os demandantes saltaron o valado cun grupo de subsaharianos. O primeiro desceu do valado ás dúas da tarde e o segundo fíxoo unha hora despois. Ambos foron levados, xunto con outros 80 inmigrantes, á comisaría de Nador e posteriormente a Fes.

Ambos voltaron tentar saltar o valo de Melilla en outubro e decembro de 2014. N.D. foi reenviado a Mali o 31 de marzo de 2015 e a situación actual de N.T. é descoñecida. A sentenza non é firme, e o Reino de España pode apelar á Gran Sala de 17 xuíces do Tribunal para que revise o fallo da Sala.

Denunciada pola ONU, permitida pola lei mordaza
A entrada en vigor da Lei de Seguridade Cidadá (coñecida como lei mordaza) permitiu amparar as devolucións en quente do Goberno español. Sob a nova figura xurídica do ‘rexeitamento en fronteira’, permite que os inmigrantes interceptados na fronteira poidan ser expulsados sen pasaren polos procedementos legais aos que até agora tiñan dereito, é dicir, abrir un expediente, proporcionarlles asesoría xurídica, pescudar a súa procedencia e a posibilidade de que se acollan a asilo.

A reforma establecía que “os estranxeiros que sexan detectados na liña fronteiriza da demarcación territorial de Ceuta ou Melilla mentres tentan ultrapasar os elementos de contención fronteirizos para cruzar irregularmente a fronteira poderán ser rexeitados a fin de impedir a súa entrada ilegal en España”. E matizaba que “en todo caso, o rexeitamento será realizado respectando a normativa internacional de dereitos humanos e de protección internacional da que España é parte”.

A práctica das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado non segue o procedemento establecido legalmente e foi denunciado por numerosos organismos internacionais e pola ONU.

No relatorio Expulsiones en caliente: cuando el Estado actúa al margen de la Ley, 16 catedráticos e profesores de Dereito de varias universidades españolas sinalan que esta práctica “vulnera frontalmente o ordenamento xurídico, sen que resulte posible dotalas de cobertura legal por resultaren contrarias á normativa comunitaria e ao dereito internacional dos dereitos humanos”.

Os xuristas sinalan que este tipo de devolucións violan normas de diferentes rangos, comezando pola propia Constitución, ademais da lei de estranxeiría, a lei de asilo e o Código Penal. A nivel europeo, cada vez que a un inmigrante que cruza a territorio español lle é negada a posibilidade de presentar unha solicitude de asilo, viólase a Carta de Dereitos Fundamentais da UE, o Convenio Europeo de dereitos Humanos, e as directivas de retorno e a de asilo.

A nivel internacional, sinala o informe, este tipo de devolucións van contra a Convención de Xenebra, o Estatuto dos refuxiados, a Declaración Universal dos Dereitos Humanos e o Pacto Internacional dos Dereitos Civís.

Sentenza

Artigo publicado en Público (03/10/2017)