En maio de 2017 o Pleno da Corporación de Cádiz decidiu conceder a Medalla de Ouro da cidade á Virxe do Rosario. A proposta contou co apoio de dous concelleiros do PSOE e do edil de Ciudadanos. Gañemos Cádiz, marca municipal de EU e socio de goberno do alcalde José María González, Kichi (Cádiz Si se Puede, marca local de Podemos), abstívose favorecendo así que a proposta saíse adiante. Hoxe coñeceuse que esta decisión pode levar ao alcalde de Cádiz ante os xulgados. Europa Laica interpuxo o 22 de marzo unha demanda ante os tribunais contra o Concello de Cádiz pola concesión desta Medalla de Ouro da cidade á Virxe do Rosario.

 

 

A demanda de Europa Laica

Europa Laica interpuxo o 22 de marzo unha demanda ante os tribunais contra o Concello de Cádiz pola concesión desta Medalla de Ouro da cidade á Virxe do Rosario. A demanda fundaméntase en dúas cuestións importantes. Unha, na propia vulneración do Regulamento de Honras e no carácter aconfesional que é esixíbel ao simbolismo institucional, e outra, no irracionalismo en que o Concello basea a concesión, atribuíndo á Virxe varios milagres como acabar coa peste, a febre amarela e o maremoto que arrasaron a cidade en séculos pasados. Algo que resulta de todo punto inaudito e nada serio tomar en consideración en pleno século XXI. Neste sentido, a demanda achega documentación e ditames científicos concluíntes en contra do irracionalismo e a superstición desta milagrería de intercesión virxinal.

Esta demanda contra a concesión de forma irracional honras a seres inanimados ten o seu antecedente na que tamén Europa Laica interpuxo contra o Ministerio do Interior pola Medalla de Ouro ao Mérito Policial á Virxe do Amor de Málaga en 2014. A sentenza final de Tribunal Supremo avalou tal concesión.

Restituír a legalidade

Antonio Gómez Movellán, presidente de Europa Laica, declarou: “O Tribunal Supremo atrincheirouse no formalismo, do mesmo xeito que fixo o Tribunal Constitucional, para non analizar o fondo do asunto; a saber, se é legal ou non o uso de símbolos relixiosos católicos polas institucións públicas. En xeral os tribunais, até agora, viñeron apoiando este simbolismo católico institucional amparándose en xustificacións ideolóxicas máis que de legalidade; non debemos esquecer que os tribunais están trufados e penetrados polo clericalismo, e xa o Pleno do Consello Xeral do Poder Xudicial advertiu no ano 2000 dos perigos de penetración do Opus Dei e outras seitas católicas na magistratura española”. Conclúe o presidente afirmando de que “no caso de Cádiz estamos convencidos que a demanda pode restituír a legalidade e racionalidade, anulando esta concesión que en ningún caso debería terse producido por parte dun Concello cuxa composición debe ser reflexo de aspiracións máis democráticas, laicas e republicanas”.

Fonte: Europa Laica