Unha reprimenda por escrito. É a única medida que o PP, como grupo coa maioría absoluta no Parlamento e na súa Mesa, pode adoptar contra o deputado do BNG Luís Bará por rachar dúas fotografías do rei no marco da defensa dunha iniciativa contra a ‘lei mordaza’ e a persecución penal da “discrepancia” política. Despois de que Bará nin sequera fose apercibido dende a Presidencia da Cámara -ocupada nese momento polo vicepresidente, Diego Calvo (PP)- durante a devandita intervención no seo do PP gañou peso a vontade de promover “consecuencias legais” para o nacionalista. Foi así como o órgano reitor da institución encargou aos servizos xurídicos un informe que, no entanto, deixou claro que non tiñan marche ningunha de manobra dentro da legalidade.

O informe, que foi presentado este venres á Xunta de Portavoces -onde sentan todos os grupos- e ao que tivo acceso Praza.gal, parte da análise do dereito “fundamental” á liberdade de expresión e da “inviolabilidade” dos membros do Parlamento que consagra o estatuto de Autonomía. Diversos tribunais, cita o documento, deixaron claro durante as últimas tres décadas que esa inviolabilide “protexe os votos e opinións emitidas” polos membros do Parlamento, que gozan dunha “ampla consideración da liberdade de discurso”.

O informe dos letrados resalta a “inviolabilidade” dos membros do Parlamento e que non cabe a imposición de medidas contra el alén do propio debate

Se ben, resalta, o mesmo informe, o Regulamento da Cámara contempla que deputados e deputadas poden ser chamadas á orde cando profiran “conceptos ofensivos ao decoro da Cámara” e dos seus membros, “das institucións do Estado e de Galicia e de calquera outra persoa”, o certo é que esta “potestade disciplinaria” ten como marco “o seo dos debates” e debe “levarse a cabo con estrito respecto aos dereitos fundamentais e dentro do marco da seguridade xurídica”. Ese “valor prevalente dos dereitos fundamentais sobre as disposicións do dereito penal que ten sinalado reiteradamente o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos” -cuestión, paradoxalmente, abordada por Bará no propio debate-, “non impide a adopción de medias correctoras de respecto á orde parlamentaria”, pero no marco da propia Cámara e non nos tribunais de Xustiza, conclúe.

 

No debate Bará non foi chamado á orde polo vicepresidente Diego Calvo, que dirixía a sesión

 

Deste xeito, os letrados do lexislativo galego evidencian que condutas como as descritas “poden dar lugar ás chamadas á orde” que prevé o Regulamento e que non existiron durante a intervención de Bará. Polo tanto, advirte, o “axustado ao dereito parlamentario” é que a Mesa poida “lembrar” ao deputado do Bloque “os deberes de respecto da orde e disciplina parlamentaria”. Non caben, deste xeito, sancións como a suspensión dos dereitos de deputado -como asistencia a plenos ou a percepción do salario- que segundo fontes parlamentarias consultadas por este diario, xa se barallaban para Bará na contorna dos conservadores.

 

Olalla Rodil (BNG): “Non estamos ante unha cuestión regulamentaria, senón diante dunha gravísima utilización política da Xunta de Portavoces para converter o Parlamento nunha terminal do PP”

 

Unha vez avaliado o informe nunha longa reunión da Xunta de Portavoces a Presidencia do Parlamento emitiu un comunicado admitindo que a Mesa “carece de competencias sancionadoras (económicas ou de dereitos parlamentarios)” unha vez que o debate en cuestión xa rematou. Deste xeito o órgano reitor “reitera” que considera “unha conduta digna de reproche” a “destrución da imaxe gráfica do xefe do Estado nunha sesión da Cámara” e “reprenderá ao deputado por escrito” pola acción que, durante o pleno, Calvo non apercibiu de ningún xeito.

O BNG, pola súa banda, concluíu tras estes feitos que “non estamos ante unha cuestión regulamentaria, senón diante dunha gravísima utilización política da Xunta de Portavoces para converter o Parlamento nunha terminal do PP e amedrentar e amordazar quen pensa diferente”, advertiu a vicevoceira da formación, Olalla Rodil. A intervención de Bará, salienta, “transcorreu con normalidade absoluta”, e calquera medida “retroactiva” non sería máis ca un “ataque á liberdade de expresión”. “Reafirmámonos no que se dixo e se fixo porque se exerceu o dereito á liberdade de expresión e non imos permitir que lle poñan mordazas a este Parlamento”, advirte Rodil.