Malia aos movementos parlamentarios que apostaron pola súa derrogación o certo é que a norma segue en marcha e con ela, un dos seus artigos máis controvertidos, o que sanciona as “faltas de respecto” á Policía á marxe dos procedementos penais. Nos primeiros dous anos da lei só en Galicia foron ditadas máis de 2.000 denuncias por este motivo

Segundo a resposta a unha pregunta escrita formulada no Senado por Jon Iñarritu (EH-Bildu), dende o inicio da aplicación desta lei en xullo de 2015 e até finais do pasado agosto os corpos policiais dependentes do Ministerio do Interior formularon en todo o Estado un total de 45.122 denuncias por “faltas de respecto e consideración cuxo destinatario sexa un membro das Forzas e Corpos de Seguirdade no exercicio das súas funcións de protección da seguridade”. Delas, un total de 2.174 foron emitidas en Galicia; máis de 500 entre xullo e decembro de 2015, máis de 900 durante 2016 e practicamente 700 nos primeiros oito meses deste ano.

 

Entre 2015 e 2016 máis de 350.000 euros

Como avanzaran os partidos e colectivos opostos á lei, que o PP continúa a defender, é que este tipo de sancións policiais obrigan a cidadanía que as recibe a internarse en recursos e litixios para tentar evitalas. Así, despois de todos estes procedementos resultou que no ano 2015 de todas as denuncias interpostas en Galiza por supostas faltas de respecto á Policía chegaron a converterse en sancións efectivas algo menos da metade, 280, cun montante total de algo máis de 50.100 euros en multas. Algúns destes procedementos continuaron durante 2016 e sumáronse aos dese novo ano. Deste xeito, no que até agora é o único exercicio completo de vixencia da norma a poboación galega sufriu un total de 1.194 sancións por este motivo ao abeiro da lei mordaza que sumaron case 300.000 euros en multas. En total, nos dous anos o Estado recadou uns 350.000 euros, segundo os balances públicos do Ministerio.

Alén das devanditas “faltas de respecto ou consideración” á Policía, as denuncias e sancións ligadas a esta lei esténdense tamén por outros moitos ámbitos. No caso galego o maior número de denuncias están ligadas ao consumo ou ao tráfico de drogas, con algo máis de 15.700 sancións en 2015 e 2017 que supuxeron, atendendo aos datos do Ministerio, 7,8 millóns de euros en multas en territorio galego. O manexo ilegal de armas ou explosivos motivou 332 sancións polas que se impuxeron 115.000 euros en multas, mentres que os procedementos sancionadores ligados á seguridade -entre eles, os da “faltas de respecto- foron máis de 3.300 e as multas, de case un millón e medio de euros entre 2015 e 2016.

Fonte: Praza Pública