Onte, Baltasar Garzón escribiu un artigo en La Vanguardia que é dunha vergoña infinita mais que pode ser lido tamén cun doce saber de vitoria. Vergoña infinita de que, vinte-e-cinco anos despois, Baltasar Garzón tente reinventar a historia das torturas que tanta xente padeceu precisamente na Operación Garzón. E doce sabor de vitoria porque, vinte-e-cinco anos despois, Garzón, finalmente, se mostra preocupado. Ainda que non sexa polo que fixo senón polo dano que fai á súa imaxe.

Algunha vez tiven a tentación de facer un editorial dunha única liña. Por veces penso que as cousas son tan claras que non convén malgastar letras. Faríao hoxe. Diría “Garzón é un cínico e un covarde”, e deixaríao estar. Toda a xente entendería o que digo e a xente que me importa estaría dacordo na análise e, seguramente, non sería preciso dicir mais nada.

No entanto, o texto de onte merece esclarecermos algunhas cousas. Porque chama a atención que agora, vinte-e-cinco anos despois, recoñeza con tanta tranquilidade e naturalidade que naquel 1992 houbo torturas. E resulta vergoñento que pretenda furtarse á responsabilidade daquelas torturas dicindo que el, tecnicamente, non podía denuncialas. Precisamengte el, que cando se puxo a investigar a ditadura arxentina aludiu á doutrina da ‘xurisdición universal’.

O concepto de xurisdición universal baséase no feito de haber leis internacionais que impoñen obrigacións a todas as persoas e a todos os estados, sen que iso poda ser modificado mediante acordo en sentido contrario. Entre os crimes que todos os estados e xuíces do mundo teñen o deber lóxico e moral de levar a xuízo, acontezan onde aconteceren e sob a xuridición que for, destaca a tortura.

Para os torturadores, segundo a xustiza universal invocada por Garzón na Arxentina, non teria que haber ningún lugar seguro no planeta. Mais había como mínimo un: o seu gabinete na Audiencia Nacional española. Alí, os torturados explicábanlle as torturas sofridas e non pasaba nada. Xustamente nalquel gabinete era o único lugar do planeta onde non se podía facer nada?

Alén de perseguir os torturadores como fose, ocórreseme que podería ter denunciado os feitos ás autoridades xudiciais, que teria que ter organizado un escándalo o que podería ter escrito un artigo público explicando que o que dicían aqueles mozos, e tanta xente negaba que tivese pasado, era verdade. O podería ter demitido por incompatibilidade moral cun sistema xudiciario que permitía a tortura. O podería ter comparecido nos calabouzos para ver que pasaba e intimidar os torturadores para facerlles un pouco difícil o traballo. O podería, como mínimo, ter ollado á cara os torturados e terlles dito que o sentía, que lle sabía mal que iso pasase. Non fixo nada diso. Portanto, deixe o lector que escolla: ou Garzón é un cínico ou é un covarde ou é ambas as cousas á vez.

Tres comentarios telegráficos finais. Primeiro. Algúns dos argumentos a que Garzón recorre no seu artigo son vomitivos. Como por exemplo, sorprenderse de a Operación Garzón levar o seu nome e non o dos outros xuíces, ou dicir que entre os detidos había membros de Terra Lliure -como se quixesse inferir que non pasaba nada se eran torturados, os de Terra Lliure.

Segundo. Agradaralle ou non lle agradará, mais está ben que Baltasar Garzón saiba e entenda, vinte-e-cinco anos despois, que el é un dos grandes nomes que axudou a desespañolizar este país, á altura de José María Aznar. E alégrame que sexa consciente que pasará á nosa história por iso.

E terceiro. O seu plano narcisista non impresiona nin un chisco. Chega tarde e as cousas que fixo, as monstruosidades que consentiu, xa non teñen reparación posíbel. O seu nome está manchado para sempre e iso xa non poderá amañalo nunca máis.

Orixinal aqui.

Excerto da declaración dun detido independentista en 1992 diante do xuiz Garzón e asinada por el. Publicada por La Directa.