Na pasada terza feira o PP propuxo ao Pleno do Congreso dar poder ao Executivo para interceptar as informacións que circulan pola rede, analizar a súa veracidade e proceder ao seu “selado” como noticia falsa no caso de estas non responderen aos estándares dun organismo controlado desde Moncloa. A iniciativa só recibiu o apoio de Ciudadanos e a cámara impediu que prosperase.

 

Not Found                                                                 Foto: Sergio Rozas

“O Goberno, por vía administrativa e sen control xudicial, quere censurar unha información en base a unha falsidade que o propio Goberno determina. Iso é un campo minado que vai en contra dos dereitos fundamentais”, denunciou o PSOE.

Apesar da aversión socialista, non é a primeira vez que un goberno quere decidir administrativamente sobre os contidos que se publican na Internet, sen pasar por un xuíz. En 2009, un anteproxecto de lei do Executivo de José Luís Rodríguez Zapatero propuxo que un organismo nomeado tamén desde Moncloa fechase por vía administrativa calquera páxina web acusada de violar dereitos de autor. Promovido pola que era na altura ministra de Cultura Anxos González-Sinde, terminou coñecéndose como Lei Sinde.

Rosalía Lloret era daquela a directora de medios interactivos de RTVE. Os portais dixitais dos grandes medios de comunicación estaban lonxe de ser a súa principal cara ante a súa audiencia. Tiñan un público moi específico, que parecía residual en comparación co da televisión ou as aínda vivas edicións impresas dos xornais. Lloret foi unha das promotoras do manifesto En defensa dos dereitos fundamentais na Internet, que articulou a potente oposición dos internautas á Lei Sinde e decenas de millares de persoas subscribiron en poucas horas.

O texto foi redactado colaborativamente por decenas de profesionais e usuario/as e apareceu en todas as cadeas de televisión, radios e xornais impresos. En menos de 24 horas, a ministra citou Lloret e outras trece persoas, profesionais das redes, a unha reunión. O éxito do manifesto demostrou a grande capacidade das redes para xerar un movemento de repulsa descentralizado, sen caras, capaz de organizarse e chamar á acción de forma instantánea.

Nove anos despois Lloret non comparte a denuncia de “censura” contra a medida anti-noticias falsas do PP mais cre que, mais unha vez, o goberno arroga “a un órgao administrativo, a un ‘organismo público’ como din eles, non independente, a posibilidade de cualificar contidos ante os cidadáns”.

“O comité de propiedade intelectual que quería crear a Lei Sinde tampouco era independente. Niso ambas as propostas parécense. Supón dar as rédeas ao Goberno para decidir o que é malo e o que é bo, o que é fake e que non é fake. É inconcibíbel e portanto imposíbel de aceptar”, denuncia a xornalista. Após a reunión dos internautas coa ministra, a Lei Sinde continuou en marcha até a indignación que provocaba acabar confluindo con outras no movemento 15M. A experiencia de activistas dixitais que se opuxeron á Sinde foi vital para que todo o movemento comunicase os seus principios através das redes e máis xente se achegase a el.

Aquilo ocorreu en 2011. En 2018, unha mobilización así tería serias consecuencias legais para aqueles que a promovesen e os que a apoiasen a través das redes.

A mordaza cae sobre as redes
Este sábado terán lugar manifestacións contra as leis mordaza en todo o Reino de España. Coincidirán co terceiro aniversario da súa aprobación. Aínda que normalmente son denominadas en singular, realmente esa mordaza fórmase a través de tres normas: a Lei de Seguranza Cidadá, a reforma do Código Penal e a Lei de Axuizamento Criminal. A través delas o Reino de España fixo un “uso abusivo” da lexislación co obxectivo de recortar a liberdade de expresión, e así o denunciaron organizacións como Amnistía Internacional.

O Goberno “non deu puntada sen fío”, avisa Yolanda Quintana, secretaria xeral da Plataforma en Defensa da Liberdade de Información (PDLI), unha das convocantes das concentracións. O paquete lexislativo das leis mordaza “oriéntase de maneira precisa a combater as novas formas de protesta”, precisa. A análise xurídica da organización revela que as mudanzas normativas dirixíronse a ilegalizar todo aquilo que fixo posíbel o 15M e as mareas posteriores.

Chamar á mobilización através de calquera medio, chiando consígnas dunha manifestación como facían os activistas en 2011, é agora un delito que pode acarretar un ano de prisión. Ocupar unha praza, rodear o Congreso ou calquera outra institución pública, terrorismo. A práctica dos yayoflautas de irromperen por sorpresa en edificios públicos ou privados como os bancos está penada con até seis meses de prisión. Tamén ficou prohibido divulgar fotos de axentes de policía para denunciar violencia policial.

“Non hai ningún motivo xurídico que aconselle penalizar como agravante o uso dunha rede social”, expón Isabel Elbal, avogada dun dos primeiros damnificados da mordaza, o cantante de Def Con Dous César Strawberry. Sinala que o obxectivo real do poder lexislativo non foi impedir unha maior difusión de determinados delitos grazas á rede, senón controlar a información que circula por elas: “O poder de convocatoria por medio dunha rede social é sumamente perigoso para o poder. Non ten a capacidade de freala, reprimila ou manipulala con mensaxes alternativas, porque vai demasiado rápido”.

 

Chámano xornada de reflexión e Urdaci traballando? Hoxe 13M, ás 18h. Sede PP, c/Xénova 13. Sen partidos. Silencio pola verdade. Pásao!

 

 

O escarmento do “Pásao”

O 15M non supuxo a primeira manifestación espontánea grazas a dispositivos dixitais. O PP sufriuno en primeira persoa o 13 de marzo de 2004, cando a indignación pola versión oficial falsa sobre os atentados do 11M estalou fronte á súa sede grazas a unha cadea de mensaxes como o anterior que comezou un cidadán anónimo. Aínda non existían as redes sociais, mais en Génova estaban as unidades móbeis das televisións preparadas para cubrir a xornada electoral, mesmo de medios internacionais. A protesta, espontánea, sen responsabeis directos, foi retransmitida a todo o mundo.

“O delegado de Goberno recibiu a instrución concreta de non carregar contra a xente, porque podía ser unha catástrofe. Aquilo desbordou. Aí déronse conta do poder de convocatoria de instrumentos que non tiñan controlados”, lembra Elbal. Para ela, asesora do Centro Europeo polos Dereitos Constitucionais e Humanos, a campaña para controlar as fake news é o último movemento da estratexia para “controlar a información” na Internet e impor a versión oficial cando for preciso.

“Pretenden introducir un mecanismo corrector aos medios de comunicación”, esgrime a letrada, pondo como exemplo as imaxes de brutalidade policial do referendo do 1 de outubro, que para o Goberno pasaron a ser “fake news“. “[O ministro de Exteriores, Alfonso] Dastis foi entrevistado en directo pola BBCy alí mesmo díxolles na súa cara que esas imaxes son falsas. Afortunadamente, a BBC tiña as súas propias tomas das cargas e puido confrontalas”.

As posibeis medidas contra as noticias falsas están a debaterse actualmente na comisión mixta Congreso-Senado de Seguranza Nacional. A fiscal do Tribunal Supremo e coordinadora nacional contra a criminalidade informática, Elvira Tejada, compareceu recentemente para explicar os mecanismos xurídicos españois na materia. Expresou “con orgullo” que após a reforma de 2015 estes “están moi adaptados ás necesidades reais da loita contra a ciberdelincuencia”. Ante as preguntas do PSOE sobre a posibilidade de perseguir as fake news, Tejada tivo que explicar ás súas señorías que “non todo o reprobábel que ocorre na rede é delito”.

A fiscal informou que o Ministerio Público pode actuar de oficio nun bo número de situacións, que a lexislación española ten mecanismos de protección suficientes para dereitos individuais como a honra, así como varios delitos tipificados para perseguir as verdadeiras noticias falsas. “Desinformar para alterar as cotizacións do mercado de valores é un delito contra o mercado e os consumidores. Desinformar para dicir que houbo un atentado e que saia toda a policía, os bombeiros e as ambulancias, tamén é un delito, de desordes públicas”, expuxo Tejada. De momento, non hai ningún delito que prohiba as noticias incómodas para o poder político, parecía suxerir a fiscal.

Fonte: El Diario