A orde do Goberno de Nafarroa regula a convocatoria de axudas por unha importancia total de 30.000 euros para investigacións sobre vulneracións de dereitos humanos en contextos de motivación política na comunidade. A esta convocatoria foron presentados tres proxectos, dous da Universidade Pública navarra e un da Universidade do País Vasco, á que foron concedidos 17.900 euros. O goberno español, por medio da súa Delegación en Nafarroa, recorreu a orde.

 

Ollo-barkosA conselleira Ana Ollo, que defendeu a necesidade de realizar o relatorio sobre as torturas, xunto a Uxue Barkos, nunha imaxe de arquivo. (Iñigo URIZ/ARGAZKI PRESS)

 

A Delegación do Goberno español informou de que, por medio da Avogacía do Estado, presentou un recurso contencioso-administrativo ante a sala do Tribunal Superior de Xustiza de Nafarroa (TSJN) contra a citada orde da Consellería de Relacións Cidadás e Institucionais.

«O Goberno -indica a Delegación en Nafarroa- considera que o Executivo foral, ao publicar esta convocatoria de axudas, estaría vulnerando a resolución do Tribunal Constitucional, que suspendeu a Lei foral recoñecemento e reparación das vítimas por actos de motivación política provocados por grupos de extrema dereita ou funcionarios públicos após o recurso de inconstitucionalidade presentado polo Goberno da Nación».

O Executivo español entende que, coa orde foral, encarrégase a outras institucións faceren os relatorios que o Constitucional prohibiu realizar.

«Queren demonizar»

Este recurso coñeceuse coincidindo coa comparecencia da conselleira de Relacións Cidadás e Institucionais, Ana Ollo, sobre esta cuestión. Na súa intervención afirmou que «algunhas voces» quixeron «demonizar» o Instituto de Criminología do País Vasco, que concorreu a unha convocatoria de subvencións do Goberno navarro para elaborar o relatorio sobre torturas en Nafarroa.

Ollo compareceu en comisión parlamentar a petición de UPN e PPN para explicar a subvención de 17.900 euros ao citado instituto da UPV, no cadro da orde sobre investigacións de vulneracións de dereitos humanos en Nafarroa por grupos de extrema dereita ou funcionarios públicos.

«Algunhas voces quixeron ‘demonizar’ este Instituto de Criminoloxía do País Vasco, deslizaron insinuacións que cuestionan a validez dun grupo universitario altamente cualificado«, dixo.

Na sesión, Ollo lembrou que o Instituto de Criminoloxía do País Vasco presentouse cun proxecto de investigación sobre a práctica da tortura e malos tratos en Nafarroa desde 1960, e recibiu un financiamento de máis de 17.000 euros para 2017.

Ollo indicou que estes fondos foron destinados á procura de información en fontes tanto primarias como secundarias, así como á obtención de datos para a localización de quen alega ter sido vítima de tortura e á elaboración dunha base de datos, alén da a recollida de testemuños.

«Os límites temporais da convocatoria fan que esta sexa só unha aproximación, restan bastantes tarefas», precisou, e «lamentou» que a demora na tramitación deste expediente e os recursos interpostos imposibilitasen que outros dous proxectos previstos puidesen ser levados a cabo.

A conselleira referiuse así ao recurso presentado polo PPN no mes de novembro, e ao interposto pola Avogacía do Estado ao entender que a iniciativa se refire a os artigos da Lei Foral de reparación de vítimas de grupos de extrema dereita ou funcionarios públicos suspendidos polo Tribunal Constitucional español.

Após apuntar que o estudo subsidiado «é un primeiro paso ao achegamento á verdade», Ana Ollo subliñou que «en varias ocasións, organizacións internacioinais fixeron constar a súa preocupación polo feito de a tortura no Reino de España ser algo máis do que unha práctica esporádica e casual dun pasado afastado».

«Espero que non esteamos a nos erixir en xuíces e a fixar quen si e quen non pode realizar investigacións académicas», matizou, despois de garantir que o Goberno leva dous anos e medio traballando no recoñecemento e reparación das vítimas «sen equiparacións nin dilucións de ningún tipo», atendendo cada unha delas «segundo as súas necesidades».

Para Iñaki Iriarte, UPN, un estudo similar realizado na CAV «ten moitas lacunas e conduce, nunha cuestión tan delicada, a conclusións malintencionadas», «non se trata de demonizar ninguén, mais si poden expresarse dúbidas, é algo lexítimo» e «non pode demonizarse quen expresa dúbidas».

Considerou ademais que este estudo non debería ser emprgado para «sustentar a teoría de que todos usaban a violencia na mesma medida», nin para estender a sensación de que as forzas de seguranza «son bandas de matóns».

A portavoz do PP, Ana Beltrán, denunciou que o Executivo navarro «utiliza as vítimas» e criticou que, «a petición» de EH Bildu, o Goberno pretende «denigrir os corpos e forzas de seguranza do Estado», así como ao «resto de funcionarios públicos, incluídos os xuíces».

Por Geroa Bai, Koldo Martínez subliñou que «impedir a investigación só acontece nas ditaduras», mentres que Bakartxo Ruiz, de EH Bildu, apuntou que «se é prohibido documentar unha serie de acontecementos» habería que «pensar se isto é realmente un Estado de Dereito».

Laura Pérez, de Podemos, criticou a «apoloxía do negacionismo» de UPN e PPN ao se mostraren remisos a que sexan investigdos estes feitos cando «o único que se pretende é esclarecer a verdade« e, polo PSN Inma Jurío cuestionou o estudo realizado na CAV e advertiu que esta violencia «non se pode xustificar coa existencia de ETA», mais tampouco pode ser usada para «diluír a exercida pola banda terrorista».

Por último, o portavoz de IE, José Miguel Nuin, declarou o seu «total apoio á realización do estudo» e rexeitou o recurso interposto pola delegación do Goberno español ao entender que con el se pretende «agachar feitos de enorme gravidade».

Fonte: Naiz