Queixa urxente de EsCULcA á Defensora del Pueblo sobre preso de Teixeiro con graves patoloxías mentais (epilepsia e transtorno da afectividade), incluído no programa de prevención de suicidios, que non recibe atención psicolóxica nin psiquíatrica, nin apoio de traballador social, e é obrigado a permanecer en cubículo acristalado 23 horas ao dia sen contacto con outros penados.

 

O pasado día 16 de xuño, Fernando Blanco Arce, avogado de EsCULcA, pudo comprobar a difícil situación en que se encontra  A.M.C.B., interno no cárcere de Teixeiro, por falta de cuidados médicos adecuados e atención do traballador social, a pesar das graves patoloxías (epilepsia e transtorno de afectividade) que padece e as inhumanas condicións da súa reclusión.

Desde a súa chegada a Teixeiro, A.M.C.B., que foi transferido do penal da Lama, non foi examinado por psicólogo nin psiquiatra. E iso a pesar de estar incluído no programa de prevención de suicidios e mostrar tendencia a autolesionarse. De feito, na visita do 16 de xuño o avogado de EsCULcA observou un corte no pescozo realizado ese mesmo día.

Por outra parte, ainda que se encontra suxeito legalmente ao réxime de vida establecido no art. 91.2 RP, a A.M.C.B. só lle é permitido desfrutar dunha hora de paseo ao día, o que supón aplicarlle unha situación reximental máis restritiva (a contemplada nos arts. 75 ou 72 RP) que a que lle corresponde.

A esta xa grave situación temos ainda de acrecentar que durante as 23 horas que debe permanecer encerrado, A.M.C.B. está recluido na enfermaría nun cubículo acristalado transparente, sen contacto con outros presos.

Esta situación provoca que o interno viva en estado de permanente alteración a pesar da medicación pautada, como igualmente pudo comprobar o avogado de EsCULcA,

Os feitos descritos non sö supoñen infracción dos dereitos fundamentais á dignidade e á integridade moral e física do penado (arts. 10 e 15 da CE), senón que determinan unha situación de extremo risco para a súa vida, obviamente exposta a un desenlace faltal de que sería responsábel a administración penitenciaria.

En consecuencia, EsCULcA insta a Defensora del Pueblo a abrir de inmediato investigación sobre a situación de A.M.C.B., a acordar entrevista persoal co penado por medio de Comisionado da oficina da D. del P. e sexan tomadas as medidas precisas para garantir a integridade física do penado, o seu dereito aos mínimos reximentais e a recibir unha atención médica adecuada a patoloxías que padece.

Queixa de EsCULCA

http://esculca.gal/wp-content/uploads/2017/06/IMG_20170621_0001-1.pdf

http://esculca.gal/wp-content/uploads/2017/06/IMG_20170621_0002-1.pdf

http://esculca.gal/wp-content/uploads/2017/06/IMG_20170621_0003-1.pdf

http://esculca.gal/wp-content/uploads/2017/06/IMG_20170621_0004-1.pdf

http://esculca.gal/wp-content/uploads/2017/06/IMG_20170621_0005-1.pdf