As asociacións mencionaban no seu escrito en primeiro lugar “as intromisións do poder político” no Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), “con ausencia de criterios de mérito e capacidade no nomeamento de altos cargos da xudicatura” e lembraban que no Relatorio Greco sobre o Reino de España xa se expresaban “preocupacións acerca das interferencias do Goberno no nomeamento dos membros do CXPX e indirectamente nos altos cargos xudiciais” e que o propio Consello de Europa tivera “de recordar que o método de selección debería ser percebido como libre de toda influencia política”.

“A falta de independencia do CXPX foi constatada recentemente tamén polo Consello Consultivo dos Xuíces Europeos do Concello de Europa, que afirmou non se ter podido garantir a división de poderes do Estado”, subliñaban a este respecto.

Igualmente advertían da “ausencia absoluta de diálogo cos operadores de xustiza” nas “nove reformas que sofreu a Lei Orgánica do Poder xudicial na décima lexislatura a instancia do Goberno ou do grupo parlamentar popular, aprobadas co apoio unicamente dese partido e que supoñen unha merma adicional á independencia xudicial”.

As organizacións mostraban tamén a súa preocupación polas “interferencias políticas mentres os xuíces están desempeñando as súas funcións” cunha “presión” que “lamentabelmente converteuse en algo común” e que “procuran influir sobre eles para mudaren as súas decisións”.

Por outra parte, perguntábanse se a reforma da Lei de Axuizamento Criminal iria axilizar a administración de xustiza en termos de recursos e de sobrecarga de traballo e, neste sentido, lembraban que xuíces, fiscais e outros profesionais do dereito argumentaran que “a redución de prazos de instrución unida á falta de recursos contribuirá na práctica a unha maior impunidade, nomeadamente nos casos de corrupción política, e a un aumento da desconfianza nos tribunais así como que a lei non se aplica a todos por igual”.

Fonte: El Independiente