As persoas da esquerda sionista obxectan, mesmo utilizando medios violentos, que os árabes se instalen nas súas comunidades

Por que os israelís calan diante dos comentarios do presidente estadounidense Donald Trump sobre as ”moitas persoas estupendas” que participarían na manifestación de supremacistas brancos en Charlottesville?

Israel non ten dereito moral a xulgar o presidente estadounidense Donald Trump en relación coas súas declaracións xustificando os neonazis do seu país. En primeiro lugar, Israel realmente non se sorprendeu polo que dixo. Despois de todo, está disposta a aceptar calquera cousa de calquera persoa que apoie a ocupación israelí. Iso é axiomático xa. Ben se trate dun fascista húngaro ou dun estadounidense neonazi, a condición de apoiren a ocupación – aínda que en segredo odien os xudeus – son considerados amigos de Israel e persoas morais.

Os mellores “amigos de Israel” hoxe en día son fascistas e evanxélicos, xenófobos e islamófobos. O máis importante é que apoien a ocupación. Só quen se opón á ocupación son antisemitas, e farase todo o posíbel para os combater. Perdoaremos todos os demais.

Mais tamén hai outra razón para o silencio dos israelís. Lembra o refrán andaluz sobre o recoñecemento involuntario da propia culpa: “pensa o ladrón que todos son da súa condición”. Neo-nazis?. Temos bastantes “Made in Israel”, equivalentes hebraicos dos neonazis, e achan menos oposición en Israel do que os neonazis nos EUA. Os progresistas organizaron unha indignada contra-manifestación contra a marcha en Charlottesville. Que tal en Israel?

A simetría sacra que Trump tentou crear entre atacante e atacado, entre asaltante e asaltado, entre provocación e protesta, entre a xustiza e o mal, todo iso foi inventado en Israel. Aquí temos o ocupante e o ocupado, unha dereita violenta e, ás veces, mesmo asasina e unha esquerda que nunca matou, mais coa que é comparada.

Calquera asalto por colonos matóns contra agricultores palestinos na súa propia terra é considerada un “choque”. Calquera protesta palestina contra a violencia do ocupante é considerada unha “perturbación da paz.” É unha pelexa simétrica entre pastores de dous pobos. Despois de todo, hai persoas boas e malas entre os colonos – como dixo Trump polo que respecta á súa “dereita alternativa”.

A dereita alternativa israelí non é neonazi. Mais mil flores neonazis florecen nas súas marxes e ninguén pensa en arrincalas. O fascismo foi aceptado en Israel hai moito tempo. Os neonazis non, mais a distinción entre os dous é vaga. Se a organización extremista Lehava non é neonazi, que é? Se os siareiros da Familia do clube de futbol Beitar de Xerusalén non son neonazis, que son? Se o bombardeo da casa da familia Dawabsheh na localidade cisxordana de Duma e o secuestro e asasinato de Mohammed Abu Khdeir non son actos neonazis, que son? E que pasa co sinal da estrada en árabe preto do asentamento de Halamish: “Esta zona está sob control dos xudeus. A entrada dos árabes é prohibida e constitúe un risco para as súas vidas!”

O desfile xudeu de bandeiras o Día de Xerusalén é unha provocación neonazi patrocinada polo Estado, como os disturbios de Purim en Hebrón . A comunidade xudía de Hebrón é en esencia neonazi. Vaian ver, xulguen por vostedes mesmos. E as piscinas e as comunidades xudías ao longo do camiño pechadas aos árabes? Que farán a calquera árabe se rompe as regras e se mete na piscina xudía en Kochav Yair – unha comunidade israelí da xente virtuosa de centro-esquerda, onde unha maioría dos votantes apoia os ilustrados partidos Yesh Atid e a Unión Sionista? E que van facer na comunidade Nofit de Galilea se os árabes constrúen casas alí após os planos de expansión? Despois de todo, non é difícil imaxinar que estas persoas da esquerda sionista obxecten, mesmo utilizando algúns medios desagradabeis [violentos], que os árabes se instalen nas súas comunidades.

O plano proposto polo parlamentario Bezalel Smotrich (Habayit Hayehudi) é neonazi, a pesar de todas as súas protestas. Entre as tres opcións que ofrece aos palestinos, non hai nin sequera una que sexa humana – e a terceira esixe a súa expulsión e destrución. Que máis necesitamos? E a obxección da súa muller a dar á luz no mesmo cuarto que unha muller de raza inferior é tamén neonazi.

As redes sociais están cheas de declaracións neonazis terribeis – desde desexar a morte de todas as crianzas palestinos, até desexar o mesmo a todos os que contan as historias desas crianzas. Non se pode simplesmente descartar todo iso como “un fato de desviados.” Iso, tamén, é o espírito da época.

Non podemos ignorar os sentimentos neste país, onde hai unha política organizada e institucionalizada de racismo contra os solicitantes de asilo africanos. Os sentimentos pre-fascistas están a enraizar tamén aquí – con manifestacións neonazis patrocinadas polo estado – máis que en calquera outro país occidental.

En Occidente, as peores acusacións son dirixidas contra os estranxeiros. En Israel, diríxense sobre todo contra as persoas orixinarias do país. Queixarse de Trump? Sería o cúmulo da hipocrisía!.

Haaretz. Tradución para español Sinpermiso: Enrique Garcí (Revisada por La Haine)

Versión galega EsCULcA.