O acordo asinado entre Defensa e Educación para incluír contido no currículo educativo sobre os símbolos nacionais e as Forzas Armadas continúa avanzando. Segundo confirmou o Goberno nunha resposta parlamentar, alén da materia relacionada cos símbolos españóis (himno, bandeira e escudo) tamén incluirán temario para reforzar a imaxe das Forzas Armadas e da monarquía.

 

Vista de la Tribuna Real al paso de la Compañía de la Guardia Civil

 

Na resposta do Goberno á deputada socialista Mª Luz Martínez Seijo (PSOE), a maior parte do contido detallado sobre o futuro temario educativo está relacionado coas Forzas Armadas. Alúdese a elas como un elemento que proporciona “á sociedade un servizo público esencial: a paz”, que “dispoñen de medios e arriscan [os seus membros] a súa vida” ou que interveñen no estranxeiro para “evitar que a poboación deses países se vexa privada dos seus dereitos básicos”.

Tamén haberá sitio nas aulas para falar da Coroa. O Executivo explica que se fará referencia ao Rei como “símbolo da unidade e permanencia do Estado”. E engaden que, cando estes documentos estiveren finalizados, serán postos “a disposición da comunidade educativa”.

Martínez Seijo preguntou ao Goberno polos contidos que se están “expondo”, sobre a súa previsión de “secuenciación “e o seu “encaixe” no currículo educativo, despois das noticias publicadas sobre a reactivación deste convenio.

Segundo confirmou o Ministerio de Defensa através do portal de transparencia en outubro, o Centro Nacional de Innovación e Investigación Educativa (CNIIE), organismo dependente de Educación, foi encomendado da elaboración das unidades didácticas para que serán empregadas como orientación polos docentes para algúns dos seus proxectos ou actividades.

Información sobre o “soldado e o mariñeiro”
O Ministerio de Educación non quixo achegar máis información sobre os contidos lectivos que están a elaborar amparados por este acordo. Na resposta parlamentar, o Executivo detalla que incluirán unha presentación “do soldado e o mariñeiro”, así como o “respecto ás ordes superiores durante o traballo en equipo”.

Entre os obxectivos que se pretende atinxan os estudantes, destacan chegar a diferenciar os membros dos exércitos de “outros servizos públicos” e adoptaren unha “visión conxunta” das misións dos corpos de seguranza do Estado.

“A Policía Nacional, a Garda Civil e as policías autonómicas velan para que os delincuentes e terroristas non poñan en perigo os nosos dereitos”, detalla o Executivo sobre este contido escolar, “as Forzas Armadas actúan para evitar os riscos e as ameazas á nosa seguranza que se orixinan no exterior ou en circunstancias excepcionais”.

Tamén prevén explicar ao alumnado en que consiste a Unidade Militar de Emerxencias (UME) e cal é o seu papel nas Forzas Armadas como un elemento que apoia as administracións e os cidadáns “en situacións especiais: seguranza, catástrofes e incendios”.

Algúns dos contidos que recolle este acordo xa estaban contemplados nas materias deseñadas pola LOMCE como alternativas a Relixión, Valores Éticos (Secundaria) e Valores Sociais e Cívicos (Primaria). Segundo explicaban no documento, estes dous ministerios queren que con estas medidas o/as xovens adopten unha “posición activa” e incentivar os estudos de investigación sobre temas de seguranza e defensa.

Sen calendario de implantación
O currículo da normativa educativa actual xa recolle “o significado dos símbolos nacionais, a bandeira, o escudo de España, o himno nacional como elementos comúns da nación española e do conxunto dos españois”. Mais o Goberno esclarece que tamén pretenden incluír contido relativo á rojigualda para simbolizar “o compromiso de todos os españois pola paz” e “presente nos lugares do mundo en que actúan as nosas Forzas Armadas”. Nesta contestación, o equipo de Mariano Rajoy non esclareceu que “previsión de secuenciación” prevé para incluír estas epígrafes. É dicir, o calendario para que os temas cheguen ás aulas.

O acordo que impulsa este contido foi asinado polo ministro de Educación e o exministro de Defensa, Pedro Morenés, en decembro do 2015. O convenio tamén contemplaba que os profesores reciban formación, xa que estes dous ministerios queren que se “melloren os coñecementos” dos docentes sobre asuntos relacionados coa paz, a seguranza e a defensa de España. Sobre este último punto, o Goberno non detallou información.

Para promover estes contidos foron creados tres grupos de traballo. Un, para a elaboración de materiais educativos. Outro, para a formación do profesorado e un terceiro, de colaboración coas comunidades autónomas. O traballo deste terceiro colectivo é fundamental, xa que os gobernos ‘rexionais’ son os que terán a última palabra sobre a inclusión deste temario no currículo.

Cospedal asina un convenio con colexios privados
O pasado martes, a ministra de Defensa, María Dores de Cospedal, asinou outro convenio coa Asociación de Centros Autónomos de Ensino Privado (ACADE) para que os seus profesores e alumnos coñezan o labor das Forzas Armadas. Cospedal asegurou que desta forma pode ensinarse aos mozos que as FFAA  “é unha boa maneira de vertebrar a nosa nación”.

Este Ministerio confirmou con esta ratificación facilitarán que os estudantes destes centros poidan visitar cuarteis e unidades militares, mais que non “é excluínte” do acordo que subscribiu Morenés. Ademais, encadran este acto no plano xeral de cultura de defensa que anunciou Cospedal durante a pascua militar e que será aprobado no primeiro semestre deste ano. Con el, o Goberno pretende que os españois se sintan ” orgullosos dos nosos militares” e recoñezan “o importante labor que realizan para garantir o estado de benestar”.

Fonte: El Diario