A xuíza de Instrución 3 de Ourense recolle no seu auto de 21/01 numerosos “indicios racionais” que apuntarían á suposta participación dos policías xémeos Bernardo e Roi D.L. no homicidio do tamén membro do CNP Celso Blanco, os tres da Comisaría de Ourense, en 2016. Impútalles igualmente roubo de 6 armas, tenza ilícita, revelación de segredos, simulación de delitos, acusación ou denuncia falsa, inxurias e calumnias. Delitos en que tamén tería participado, segundo a xuiza, o falecido.

 

Un coche condujo a los imputados a su casa de Toén para un registro domiciliario.                                Inspección na casa de Toén dos policías investigados

 

A sorprendentemente longa relación de delitos (homicidio, roubo e porte ilegal de armas, revelación de segredos, simulación de delito,acusación ou denuncia falsa, inxurias e calumnias)  en que, segundo os indicios, poderian ter cometido os dous policías xémeos D.L. e o propio falecido Celso Blanco, e o feito de eses delitos non teren sido resolvidos polos funcionarios da comisaría de Ourense, apesar de todos eles se teren producido nesas dependencias policiais por axentes da propia comisaría, levanta algo máis que unha leve sospeita sobre a calidade (e esperemos que non complicidade) das investigacións levadas a cabo polos inspectores e mandos a cargo da chamada “Operación Zamburiña”.

Lembremos que foi a xuíza de instrución, Eva Armesto, quen iniciou as indagacións que levarían a concluir non seren convincentes as probas aceptadas pola policía do suposto suicidio de Celso Blanco, o que despoletou unha investigación en que se ensarillan os xa mencionados delitos imputados aos policías xémeos de Ourense outros (supostos) como colaboración e encobrimento de traficantes de droga que levou a imputación doutra ducia de axentes da mesma comisaría de Ourense segundo algunhas fontes (ver El Español)

 

Agora a xuíza Eva Armesto recolle no seu auto 12 indicios “racionais” que sinalan os policías xémeos como autores do homicidio de Celso Blanco

 

Cámara fotográfica

O 9 de abril de 2010 Roi D.L. adquiriu unha cámara Nikon en San Sebastián de los Reyes (Madrid) relacionada, segundo a instrutora, “coa subtracción das armas e a elaboración dos anónimos” remitidos a Asuntos Internos e medios de comunicación para incriminar de forma fraudulenta compañeiros do Grupo Operativo de Resposta (GOR) en corrupción policial. Partindo desta premisa, a autoría dos anónimos e o roubo das pistolas exclúe a veracidade da mensaxe de correo electrónico enviado desde o computador do falecido Celso Blanco en que este, supostamente, se autoinculpaba de todo. É dicir, é outra persoa ao que escribe e envía esas comunicacións.

Acceso á Comisaría

Roi entrou e saíu da comisaría nas horas nas que se produciu a morte (entre as 15,12 e as 17,11 horas). Deixou estacionado marcha atrás o seu Volvo XC90 nun lugar non visíbel polas cámaras. Todo iso, segundo a maxistrada, “despois de acudir pola mañá sen explicación coherente”, con contradicións, para deixar outro vehículo (Audi) estacionado.

Pasase oculta

Nas proximidades de onde ficaron estacionados os seus vehículos, hai unha porta dun metro de altura sen fecho que dá acceso a un pasadizo que conduce á galería de tiro, quer dicir, ao interior das dependencias policiais, sen ser detectado polo servizo Seguranza.

Pegadas

Apareceron “pegadas de mans recentes” seguindo un caleira no interior do pasadizo. Nese lugar, segundo responsabeis policiais, non entraba ninguén desde que en 2014 foi reformada a galería de tiro.

Localización dos teléfonos

O teléfono móbel de Roi non pode situarse entre as 14,46 e as 15,15 horas do 9 de abril. O dato máis curioso é que o repetidor que dá cobertura á vivenda do falecido, en Monte Penamá, sitúao en varias ocasións pola mañá na zona (estaba co seu irmán).

Pola súa banda, está acreditado que Bernardo “non realizou nin enviou comunicación algunha no tempo en que se produciu a morte” (durante a tarde).

Contradicións

A maxistrada aprecia contradicións nas declaracións dos irmáns. Roi en explicacións posteriores xustificou a súa presenza na comisaría aducindo “motivos diversos aos relatados na primeira declaración” cunha “exhaustividade” que sorprendeu a instrutora dado os meses decorridos. Canto a Bernardo, non acredita -engade- a súa presenza no Complexo Deportivo Monterrei, con “un relato moi inconcreto ao redor do que fai”.

Manobras anómalas

Á hora de estacionar no garaxe os días 9 de abril e días anteriores á morte de Celso.

Reunión coa vítima

Consta por declaracións dunha compañeira policía que Roi e a vítima reuníronse un día antes, ás 11,30 horas. Celso, segundo esta testemuña, “saíu alterado”.

Exculpación

O correo electrónico enviado a varios axentes desde o computador profesional de Celso (pedía perdón polo dano causado aos compañeiros) supuña acreditar a hipótese do suicidio e así a exculpación dos xemelgos.

Unha testemuña ve a Roi nervioso

Consta nas dilixencias de Instrución 3 a declaración dun axente que ve a Roi o 8 de abril “moi nervioso” entre as 14,45 e as 15,15 horas. Estaba no exterior dunha cafetaría en Vistahermosa á que acudía Celso Branco con frecuencia a tomar café. Estaba a manipular o teléfono e mirando cara a dentro.

ADN

Na arma que tiña o falecido na súa man esquerda había ADN alleo. É compatíbel con familiares dentro do terceiro e cuarto grao dos xemelgos, o que permite inferir, a xuízo da instrutora, a localización das pistolas roubadas no domicilio familiar.

Confianza

A confianza entre os imputados e o falecido explicaría, segundo recolle a instrutora nos seus razoamentos, a ausencia de loita cando lle dispararon no seu despacho da quinta planta das instalacións policiais. Ademais, pon de relevo que ese día acudiu á comisaría sen a arma carregada, algo que facía sempre, manifestou a familia.

Noticia anterior.

Fonte: La Región