Cando cada aspecto da vida cotiá está sometido á ocupación sionista, cada acción e decisión significa unha resistencia por reconquistar esa vida

Oh pícaros, nenos e nenas de Gaza
que sempre me incomodábades
berrando baixo a miña xanela
que enchíades cada mañá con présas e caos.

Vós, que rompestes o meu testo
e roubastes a flor solitaria do meu balcón.

Voltai
e berrai canto quixerdes
e rompei todos os testos
e roubai todas as flores

Voltai…
só voltai!

(Khaled Juma, poeta palestino)

A imaxe de Ahed desafiando efectivos do exército israelí percorre o mundo e bate no orgullo da ocupación israelí. Por unha banda, porque referentes políticos e formadores de opinión gustan gabarse da superioridade das súas forzas armadas, a forza pola que conquistan o dereito dos ocupantes. Non poden deixar pasar que unha nena poña en dúbida a impoñente autoridade dos conquistadores.

Mais tamén se debe a que a situación -o arresto dunha adolescente menor de idade sacada da súa casa pola forza xunto á nai, Nariman, a altas horas da noite-, expón os límites morais que continuamente son ignorados pola ocupación militar israelí do territorio palestino.

 

A familia Tamimi é recoñecida na zona polo seu activismo no Comité Popular de Nabi Salih que organiza á comunidade. Cando nos coñecemos en outubro de 2016, compartillando un café no súa casa xunto á nai e o pai Bassem, Ahed levaba con orgullo a carga posta sobre a súa adolescencia. Para a súa idade mostrábase enormemente consciente do significado dos seus actos. Iluminábaselle un sorriso pouco modesto ao contar o recibimento que lle deron na escola após o seu primeiro encontro cos soldados. Na aula atinxira a talla dunha pequena heroína. Puxo rostro a unha mocidade palestina que non se resigna a aceptar a rendición que por anos quixeron impor ao seu pobo.

Ela enfronta unha corte militar dun Estado estranxeiro que ocupa a súa terra e podería pasar até dez anos de prisión por incitación e ofensas contra a autoridade. O seu desafío supón unha ameaza potencial e por iso debe de servir un castigo exemplar. Demóstrano as reaccións de boa parte da opinión pública e a clase política local dentro da sociedade de Israel, que demandaron man dura contra Ahed e a familia Tamimi por ousaren humillar a imaxe dos soldados israelís.

 

 

O ministro de Eduación israelí, Naftali Bennett, dixo que as Tamimi “deberían terminar a vida en prisión”. Polo seu lado, o ministro de Defensa, Avigdor Lieberman, prometeu os xa comúns castigos colectivos, ao dicir que “todos os involucrados, non só a moza senón tamén os pais e aqueles ao redor seu, non escaparán do que merecen”.

A triste realidade é que ela tivo a “fortuna” de ser acompañada pola atención e indignación internacional; non poden dicir o mesmo os centos de nenos e nenas que viron a súa vida ocupada, e as decenas que morren cada ano por balas israelís e a impunidade que as acompaña. Entre estes está Musaab Firas Tamimi, de 17 anos, primo de Ahed, o primeiro palestino morto de 2018, asasinado por soldados israelís que “creron” que estaba armado, durante unha protesta na aldea de Deir Nitham.

***

A regularidade e cantidade das accións demostran que o asedio sobre a mocidade palestina forma parte dun accionar sistemático que involucra as forzas de ocupación, mais é acompañado polo sistema xudicial e a maquinaria mediática e cultural israelí. A súa deshumanización torna permisíbel todo tipo de acción a modo de “represalia preventiva”.

O obxecto disto leva a desarticular a infancia, brutalizar e criminalizar a mocidade palestina, forzala a carregar cunha adultez tan incompleta como prematura. Os prazos en prisión interrompen ciclos escolares. Os deslocamentos fraccionan familias, rachan relacións persoais e fan do desarraigamento un elemento da personalidade. A violencia é asimilada no entendemento do mundo por parte dos menores.

 

 

Cando non é o fútbol, os mozos no acampamento de refuxiados de Jalazón xogan a “xudeus e palestinos”, ás veces con pequenas pezas de madeiras que simulan armas ou con pedras. Para a grande maioría a única interacción que tiveron cun israelí foi con policías e soldados.

Na entrada ao campo de refuxiados de Aida, Shadi Obeidallah sorrí aos visitantes desde un poster coa súa fotografía. Tiña 13 anos cando un soldado israelí disparou desde unha das torres de vixilancia que franquea Aida, na cidade de Belén. A bala perforoulle o corazón, matándoo no acto. Era outubro de 2015.

Defense Children International – Palestine (DCIP) realiza o monitoreo da violencia sistemática contra a mocidade palestina por parte do Estado israelí. As cifras en “tempos de paz” falan por si só. En 2015 rexistráronse 31 mortes de menores de idade; 35 en 2016 e 14 en 2017, por accións que involucran efectivos do exército e a policía israelís, ou civís armados dos colonatos ilegais espallados ao longo da Cisxordania.

 

 

Durante a última operación militar a grande escala contra a Faixa de Gaza (entre o 9 de xullo e o 26 de agosto de 2014) foron asasinadas 533 menores de 18 anos, 380 como resultado do bombardeo indiscriminado contra a poboación civil.

Un caso emblemático golpeou a familia Bakr, aos poucos días de comezada a agresión. Ahed e Zakaria, de dez anos idade, xogaban ao fútbol na praia cos seus curmáns, Mohamed e Ismail, de once e nove anos. Un proxectil disparado por un navío de guerra israelí acabou instantaneamente coa vida de todo o grupo, a plena luz do día e ante os ollos e cámaras de reporteiros que estaban nun aloxamento próximo.

Gaza converteuse nun caso de estudo en si mesmo pola magnitude de secuelas, físicas e psicolóxicas, rexistradas en menores de até 9 e 10 anos que rexistran síntomas de stress post-traumático. O colapso da infraestrutura provocado pola agresión militar e o bloqueo israelí deixan a millares de persoas sen acceso suficiente a tratamentos necesarios e a un ambiente de contención. Para unha infancia forzada a asistir a máis funerais que festexos e a convivir co ruído de explosións e avións militares, a guerra continúa máis aló de cada “tempada” de violencia.

 

 

***

No seu sitio web, DCIP estima que cada ano entre 500 e 700 nenos e nenas de até 12 anos son detidos e procesados polo sistema de cortes militares de Israel. A “ofensa” máis común que se lles imputa é atirar pedras aos soldados.

DCIP tamén informou que entre o 6 e o 19 de decembro de 2017, 77 menores de idade foron apresados; é dicir, nas primeiras dúas semanas despois de o goberno de Donald Trump decidir recoñecer deliberadamente Xerusalén como capital de Israel. Os testemuños abundan sobre o abuso e a humillación que os grupos de soldados desatan sobre os mozos, que a miúdo deben atravesar días de detención e interrogatorio sen acceso a avogados e sen poderen contactar ás súas familias.

As evidencias son desbordantes e as análises abundan, encheriamos libros enteiros con tan só pór nome e rostro a cada unha das historias de vida atravesadas pola ocupación israelí. Desde a última Intifada, ou insurrección popular de principios do século XXI, houbo un esforzo sistemático por facer da mocidade palestina un obxectivo específico da violencia institucional israelí, exercida a través do aparello policial/militar, xudicial e dos medios de comunicación.
Vistos como “ameazas en desenvolvemento”, o aparello da ocupación israelí propúxose disciplinar e amedrentar á poboación palestina desde a infancia.

 

 

A organización de dereitos humanos e prisioneiros Addameer describe en pormenor o funcionamento da “xustiza” israelí. Nos últimos anos, unha serie de ordes militares e fallos xudiciais permitiu a detención de menores de até 12 e 13 anos de idade durante 24 horas antes da súa transferencia ao xulgado; 48 horas no caso de 14 e 15 anos, extensibeis por outras 96 para interrogatorios pola policía. A partir dos 16 anos xa se establecen criterios similares aos que reciben despois da maioría de idade.

Un aspecto fundamental dentro de todo isto: os civís xudeus israelís son levados perante xulgados civís, e axuizados como adultos a partir dos 18 anos, coas garantías e obrigacións que iso confire. No caso de persoas de orixe palestina, son xulgadas como adultas a partir dos 16 anos fronte a un corte militar, onde os impedimentos para acceder a avogados, o acoso e os malos tratos físicos e psicolóxicos durante o encerramento preventivo e os interrogatorios son sistemáticos. Isto reflicte o racismo institucionalizado que forma os cimentos do proxecto social e político sionista.

Esta é a realidade que desafían nenos e nenas como Ahed, a realidade de creceren sob e apesar da ocupación. Nesa aptitude de buscar a vida e defendela está o golpe que fere a arrogancia do ocupante. Cando cada aspecto da vida cotiá está sometido á ocupación, cada acción e decisión significa unha resistencia por reconquistar esa vida.

Julián Aguirre

Orixinal: La Haine