A notificación recibida por un dos presos informa que a publicación foi retida porque o seu contido ‘ten como obxectivo a desestabilización dos sistema penitenciario’ e portanto, a dirección do centro ‘considera non conveniente a súa entrega’.

 

O número 451 da Directa -publicado no pasado 4 de abril- incluia a reportaxe “Revifa la lluita dins dels murs”, (‘Reavívase a loita dentro dos muros’) que explicaba a proosta de loita colectiva que iniciara un grupo de persoas presas de diferentes centros penitenciarios do Estado español co obxectivo de visibilizaren e denunciaren as constantes vulneracións que sofren diariamente nas prisións. Para o elaborar, a Directa contactou por carta cunhas cuarenta persoas presas que participaban na proposta de loita e que colaboraron explicando as súas experiencias e testemuños de primeira mao. Unha vez publicada a reportaxe, e como fan habitualmente, o colectivo decidiu enviar a publicación a todas as persoas que colaboraran -entre elas 35 presos que lles fixeran chegar os seus depoimentos. Até onte non tiñan constancia que ningún deles recibira a publicación, embora faga xa dous meses que lles foi enviada, nin tampouco lles fora devolto ningún exemplar ou enviada ningunha notificación por Institucións Penitenciarias. Grazas a un documento de intervención de correspondencia que lles fixo chegar o avogado dun destes presos, agora saben os motivos polos cales a Directa está ‘intervida’.

Unha censura amparada

Ainda que o dereito á liberdade de prensa é un dereito constitucional para todas as persoas e que, portanto, debería ser respectado tamén dentro dos centros penitenciarios, a realidade é ben diferente. Segundo Iñaki Rivera, director do Observatori del Sistema Penal i els Drets Humans de la Universitat de Barcelona, ‘hai moito tempo que se aplica a censura de publicacións dentro das prisións e para a xustificar sempre utilizan conceptos moi pouco claros, normalmente sob a escusa de que atentan contra a seguranza do centro’. O da Directa -explica- é un caso moi claro ‘de atentado contra a liberdade de expresión e información do preso porque non poderá recibir unha publicación que é completamente legal pola súa situación de interno’.

Para Rivera, toda esta relación entre o recluso e Institucións Penitenciarias entra dentro da teoría de suxeición especial, en que o interno ten unha posición de inferioridade e subordinación na institución que o obriga a acatar unha serie de normas e regulamentos e a manter un réxime disciplinar: ‘esta situación perpetúa a desigualdade e a devaliación dos dereitos das persoas privadas de liberdade, e no caso da liberdade de prensa, trátase dunha vulneración máis de todas as que xa padecen os presos diariamente.’

A última hora do serán da segunda feira, o senador de Euskal Herria Bildu Jon Iñarritu presentou unha apregunta escrita na cámara alta solicitando información sobre este veto. O membro do grupo mixto no Senado formulou un total de tres preguntas -que tamén terán de ser contestadas por escrito- onde en primeiro lugar pregunta a razón pola cal Institucións Penitenciarias considera que a Directa ten como obxectivo ‘desestabilizar o sistema penitenciario’, requerendo os artigos que xustificarían a medida. En segundo termo, Iñarritu pregunta en que centros penitenciarios foi retida a publicación e para concluir reclama unha listaxe das ocasións en que se levou a cabo a mesma práctica durante a última década.

Vicent Almela | @La_Directa