Os funcionarios documentan no libro de incidencias tentativas de suicidio de internos que pasan pola cela 61, destinada a períodos curtos para sospeitosos de portaren no seu interior sustancias prohibidas e adverten ao director que a estadia dos internos na cela prolóngase mesmo no caso de non expulsaren obxectos sospeitosos ou nos casos en que xa os expulsaron. No entanto, a secretaría de Institucións Penitenciarias asegura que do investigado até o momento “non se desprende actuación que non se axuste a dereito”.

Samy S levaba 24 horas na cela 61 do Centro Penal A Moraleja, en Donas, Palencia, cando comezou a dar cabezazos contra a parede até cair desmaiado. Os funcionarios foron conscientes do que acontecía porque o preso estaba vixiado por cámaras as 24 horas. Ocorreu o pasado 6 de abril e ficou reflectido no libro de incidencias. As duras condicións de isolamento impostas aos presos que pasan por esa cela “de observación” derivan en autolesións para que os saquen de alí.

Con todo, a pesar das reiteradas de denuncias do sindicato de funcionarios de prisións Acaip, que acudiu aos tribunais para que se pronuncie sobre as medidas “degradantes” que se aplica aos internos, Institucións Penitenciarias nega prácticas ilegais. “Do investigado até o momento non se desprende actividade que non se axuste a dereito”, comentan.

Mais si que se abriu unha información reservada aos funcionarios da prisión presentes nunha conferencia de prensa o pasado mes de xuño en que se desvelou o uso inadecuado da cela de observación, creada para unha estadia de horas, non de días.

Na cela 61, a auga só circula no inodoro, case non hai ventilación natural, e durante as primeiras 72 horas, o isolamento é total: non teñen ningunha das súas pertenzas, nin radio, nin televisión, nin libros, non poden fumar, nin comprar no economato, nin realizar chamadas e non saen ao patio. Pasan tres días encerrados nun pequeno espazo e escrutados polas cámaras até nas súas actividades máis íntimas. Aplícaselles o artigo 72 do Réxime Penal, un método coercitivo que autoriza sempre o director e que neste caso supón un isolamento provisorio que debe ser comunicado ao xuíz de Vixilancia Penitenciaria.

Aínda que é unha medida excepcional, a prisión palentina aplícaa desde marzo a presos que saían dun vis-à-vis e sospeitosos de recibiren un ‘pase’ de droga que ocultan no interior do corpo. Institucións Penitenciarias non quixo pronunciarse sobre a pregunta máis obvia: por que se somete o interno a un isolamento tan extremo en lugar de trasladalo a un hospital para facer probas radiolóxicas que confirmen ou desmintan que portan droga no seu interior.

O water ten un cano que comunica directamente coa cela de abaixo, o número 25. Nela, un preso de confianza vixiado por un funcionario, ten que diluír as feces do outro interno en buscar de drogas. Institucións Penitenciarias tampouco quixo pronunciarse sobre esta práctica.

Despois de pasar tres días en isolamento total, ao presos élles aplicado o artigo 75.2, unha medida que lles permite saír ao patio, mais deben continuar na cela 61, co conseguinte desgaste psicolóxico.

Jesús H, foi un pouco máis aló da autolesión o 26 de abril. Tentou esganarse, levaba seis días na 61. Esta tentativa de suicidio tamén ficou reflectida no libro de incidencias, ademais da anotación de que se elevaría un parte. Segundo Institucións Penitenciarias, “o interno non chegou a pendurarse, só dixo que o faría”. Segundo fontes de Acaip, “houbo que o baixar”, ademais foi levado á enfermaría “en plena noite” e pouco despois a unha cela de isolamento, non voltou á 61.

Aritz S, chegou á 61 o día 18 de maio. O quinto día engoliu unhas láminas de barbear. A sucesión de incidentes fixo que os funcionarios elevasen un escrito ao director de prisión o pasado 23 de maio. Nel dicíase que Aritz estaba na cela de observación “sen auga na ducha e o lavabo, a xanela obstaculizada por unha grade de buracos, incomunicado e observado mediante un monitor na cabina de Ingresos, feitos que non concordan co réxime aplicado a calquera interno en artigo 75.2”. Relatan tamén como ese interno requiriu servizos médicos de urxencias en dúas ocasións, unha por unha forte dor no peito e outra por ter engolido as láminas. “Durante todo este tempo [cinco días] que permaneceu este interno no departamento, non expulsou ningunha sustancia sospeitosa”.

Na mesma data do escrito, precisan, após as súas queixas, foi autorizado a realizar chamadas no teléfono do departamento. Ademais ordénanlles que apliquen de novo o artigo 72. “Constatamos que o tempo de permanencia na cela de observación en artigo 75.2 ven prolongándose apesar de que na orde de aplicación deste réxime se menta a provisionalidade da medida, sendo o caso dalgún interno que se prolongase a súa estadiia apesar de ter expulsado sustancias sospeitosas”.

Entre a documentación a que tivo acceso eldiario.es está tamén a comunicación que se fai ao xuíz de Vixilancia Penal sobre a aplicación do artigo 75.2 a un preso. Di textualmente que sairá ao patio xunto co resto de internos que estiveren tamén sob ese artigo. Mais a comunicación ao preso di o contrario: gozará do tempo de patio “en solitario”. Ademais o xuíz recibe esta comunicación dous días despois que o preso. Institucións Penitenciarias non quixo explicar por que o director da prisión, que é quen asina a comunicación ao xuíz, asegura que o interno sairá ao patio con outros compañeiros cando dous días antes notificou o contrario ao afectado.”Institucións Penitenciarias quere salientar a honestidade e profesionalidade dos funcionarios desa prisión. Os presos teñen revisión médica constante e a cela 61 é unha ferramenta máis”, indicaron.

Laura Cornejo

Ler máis.