Kartik Raj, investigador de Human Rights Watch visita estes días Catalunya para elaborar un relatorio sobre as cargas policiais do 1 de outubro. O representante da ONG internacional percorre todo o país para falar con vítimas e testemuñas directas que sofreron a represión policial. O observador explica que se sente ultrapasado por toda a información que lle chega.
Kartik Raj, que mora en Londres, forma parte de Human Rights Watch e viaxa por toda a Europa e a Asia Central. Domingo pola mañá, en canto estaba na cociña cos seus fillos, escoitou pola radio a noticias das cargas policiais do 1-O. “Falaban de disturbios, malos tratos e violencia”, explica.
Kartik Raj, investigador de Human Rights Watch, con vítimas das cargas policiais en Escola Verd (Fotografía ACN)
Despois de falar co seu xefe, ambos acordaron que era “necesario” que a ONG enviase alguén a Catalunya “para investigar e comprobar eses feitos”. Sobretodo, tendo en conta que o maltrato policial teríase producido en asembleas “pacíficas e de libre expresión”.
O investigador de Human Rights Watch chegou a Catalunya o mesmo domingo pola noite. E desde ese momento até agora non parou. Xa pasou por Barcelona, Tarragona, Lleida e Girona. Admite que se encontra ultrapasado. “Estou só e non podo investigar todo; teño a sensación de que o que aconteceu domingo foi unha cousa un tanto estraña”, explica.
O obxectivo de RaJ é falar de primeira man coas vítimas e as testemuñas das cargas policiais. “Coa xente afectada directamente”, precisa. Por iso, o investigador da ONG entrevístase con aquelas persoas que aparecen en fotografías e vídeos e escoita as súas experiencias. Tamén documenta todo (entre outras cousas, toma nota dos seus datos, fai copia dos testemuños audiovisuais e tamén fotografa os informes médicos que lle levan).
Os policías “desfrutaban” mentres mallaban.
Despois de pasar por vilas e cidades -”hai tantas que de algunhas non lembro o nome”, escúsase- esta quinta feira Kartik Raj tivo un encontro con pais da Escola Verd. A reunión tivo lugar no concello de Girona, onde o investigador da ONG tamén falou coa alcaldesa, Marta Madrenas.
Raj escoitou de primeira man os testemuños dos pais (foron máis de vinte). Entre estes, o de Jordi Pibernat.
“Eu teño dúas contusións bastante fortes, mais a policía deixou un rapaz inconsciente que caiu redondo ao chan, e cando quixemos axudalo, os axentes non nos deixaban e batían en nós continuamente”, relatou Pibernat.
Outro dos pais, Ferrán Páramo, asegurou que “algúns policías desfrutaban; realmente querían meter medo a xente, afastándonos de malas maneiras e golpeándonos nas costas”.
Entre os que se reuniron con Kartik Rag tamén había unha nai, Georgina Vinyals, que ainda leva o colariño cervical que lle puxeron os médicos despois das lesións que sofreu. “Botáronnos no chan, puxáronnos polos cabelos, despois agarráronme entre catro e déronme pontapés e porrazos”, relata. “Tentaba protexer a cabeza cos brazos en tanto recibía as pancadas”, afirmou.
Difusión internacional
De todo o trabalho que está facendo Kartik Raj sairá un relatorio. O investigador da ONG explica que será longo e recollerá todos os casos que for posíbel, e que Human Rights Watch o divulgará internacionalmente. Antes de o emitir, no entanto, farao chegar ao goberno español “para que teña o dereito de resposta”. Antes de marchar, Raj tamén ten intención de reunirse co goberno da Generalitat e co da Moncloa.
“Até agora ouvin experiencias e testemuños, e teño fotografias de documentos médicos e de denuncias”, explica Kartik Raj. “Agora debo compilar e sistematizar todo, e se temos que facer unha denuncias colectiva, farémola”, avanza o investigador.
ONG polos dereitos humanos
Fundada no ano 1978, Human Rights Watch é unha organización non gobernamental que ten como obxectivo a defensa dos dereitos humanos. Está integrada por máis de 400 persoas de todo o mundo, entre as que hai avogados, xornalistas e académicos.
Human Rights Watch publica anualmente máis dun centenar de relatorios imparciais sobre as condicións en que se encontran os dereitos humanos en 90 países.
Segundo recolle a súa web, a ONG reúnese periodicamente cos gobernos, a ONU, a Unión Europea, as institucións financeiras e as corporacións locais. Alén dos relatorios que emite, o seu obxectivo é “presionar” para que haxa mudanzas na política e sexan impulsionadas accións “que promovan os dereitos humanos e a xustiza en todo o mundo”.
Artigo publicado en El Punt Avui (05/10/2017)