O pleno aprobou por unanimidade unha moción na que se comprometía a non establecer relacións nin contratos con administracións e empresas israelitas até que finalice a ocupación. O alcalde rianxeiro, Adolfo Muiños, defende a decisión plenaria: “Os concellos tamén temos que achegar o noso grao de area para defender os dereitos dos palestinos”.

 

[Imaxe: Luís Miguel Bugallo Sánchez] Casa consistorial de Rianxo

 

Galiza e Israel están a case 6.000 quilómetros de distancia mais desde Tel Aviv semella que seguen polo miúdo o que acontece no noso país e poida afectar os seus intereses. Se en 2014 Israel declaraba “inimigo” o Parlamento de Galiza polo apoio dado na Cámara galega aos dereitos dos palestinianos e palestinianas; agora o Israel vén de denunciar o Concello de Rianxo. O motivo? Unha moción aprobada en maio pasado por unanimidade nuns momentos en que se intensificaba a represión sobre os palestinianos por parte do exército de Israel, con ducias de mortos por tiros de francotiradores.

Nesa moción, presentada por Rianxo en Común, declarábase Rianxo como “espazo libre do apartheid israelita” e dábase apoio á causa palestiniana. Ademais, aprobábase un boicote a institucións e empresas israelitas mentres non cesar a ocupación ilegal de territorios palestinianos. Non se establecerían, estipulábase, relacións nin se realizarían contratos con entidades de Israel mentres esa ocupación persistise.

O alcalde rianxeiro, Adolfo Muiños (BNG), afirmou este sábado en declaracións a Sermos Galiza que o motivo da demanda presentada por un bufete de avogados – por actuacións similares  anteriores actuou representando o goberno israelita- baséase en que “entenden que desde un punto de vista xurídico é ilegal que unha administración boicote os produtos israelitas”. O rexedor incide en que ese boicote sería case que simbólico (“eses produtos non adoitan atoparse aquí”) e que o fulcral da moción era “denunciar a masacre de civís palestinianos ás portas de Xerusalén e defender o dereito de Palestina a ser libre”.

A decisión adoptada polo pleno deste concello foi posta en coñecemento das embaixada de Israel e Palestina no Estado español. A resposta de Tel Aviv foi denunciar o Concello de Rianxo. Desde a delegación de Palestina agradeceuse a solidariedade dos rianxeiros e rianxeiras.

Neste sentido, Muiños lembra que desde Israel xa se denunciara anteriormente outros concellos galegos, como Compostela, por mocións deste tipo e que a xustiza acabou dando a razón a Israel. Salienta ademais que desde a Embaixada de Palestina “agradeceron o apoio do Concello e puxéronse á nosa disposición para o que poidamos necesitar”.

Fonte: Sermos Galiza