O documentario, producido por Jaume Roures para Mediapro, con guión de Jaume Grau, é resultado de nove meses de traballo de investigación e análise. Revela por primeira vez unha rede de ilegalidades e corrupción no seo do ministerio de Interior.

O traballo ten un grande valor documental grazas ao testemuño de catro policías que falan, por primeira vez, diante dunha cámara: Marcelino Martín Blas, ex xefe de Asuntos Internos da Policía; Jaime Barrado, comisario de policía; Jose Orella, sarxento da Garda Civil, e un alto funcionario de Interior que preferiu conservar o anonimato.

O ano pasado o xornal Público sacou á luz unha serie de fraudes do Ministerio do Interior co conservador Jorge Fernández Díaz ao mando. A trama parte das conversas entre o exministro e o exdirector da Oficina Antifraude de Catalunya, Daniel Alfonso, cando deseñaban a estratexia para involucrar rivais políticos do PP, especialmente dirixentes soberanistas cataláns, acusándoos de corrupción. A partir de aquí, un fío vai desmascarando outros casos do ministerio, tanto no pasado, como na guerra suxa policial do Estado no caso dos GAL, como con outras institucións como as policiais ou xudiciais. As investigacións dos xornalistas Patricia López e Carlos Enrique Bayo, destapan as diferentes tramas que confluíron na policía.

O documentario comeza coas gravacións que o diario Público deu a coñecer en xuño de 2016 entre o ex ministro de Interior, Jorge Fernández Díaz, e o ex xefe da Oficina Antifraude de Cataluña, Daniel de Alfonso. Tómase o caso Trias como punto de partida, aproveitando que sae mencionado nas conversas entre o ex ministro Jorge Fernández e De Alfonso, e puxando polo fío acaba desvelando as malas prácticas e o modus operandi da guerra suxa do Estado.