Como mero instrumento xurídico formal, o debate sobre dereito á liberdade de expresión podería ficar para a análise de constitucionalistas e semellaría algo alleo, por formal, á reflexión do activismo social. Mais se definimos a liberdade de expresión como instrumento para os grupos sociais e a cidadanía controlaren o Poder e oporen resistencia aos seus intentos de control social , a liberdade de expresión adquire un contido funcional para aquelas persoas que pulan por un mundo mais xusto e igualitario , facendo esquecer as tentacións de calificar este dereito como un dereito formal ou “burgués” fronte aos dereitos económicos e sociais.

Portanto , a defensa radical da liberdade de expresión fronte ao Poder e fronte ás nosas propias tendencias colectivas á súa restrición debe ser radical. Máis radical canto mais forte for a nosa pulsión a coarctar a liberdade de expresion dos que nos son ideoloxicamente alleos. Machistas, homófobos, racistas, galegófobos, fanáticos das relixións… han ter recoñecido o dereito a expresarse sen límite do Poder . Non habemos ser nós, que defendemos a liberdade de expresión, quen bote por riba deles o Estado en forma de leis, tipificación de delitos de odio ou ordenanzas. Esta há de ser, na nosa opinión, a liña de principio, sen outro límite que o que decidamos pór para ao caso de seren os poderes con posibilidade de coerción os que utilizan este dereito para actuar violentamente contra minorías.

Mais como é absurdo negar que esta liña de principio non é argumento suficiente para moitas persoas, tiramos estoutra carta da manga: a liña estratéxica.

O Poder alimenta, non inocentemente, as nosas pulsións a restrinxir a liberdade de expresión do “outro” para dispor da artillaría legal e burocrática (xulgados especiais, forzas policiais diversas) con que castigar selectivamente aquela/es que , por concepción ética e política , defenden a ruptura do statu quo, os dereitos individuais e colectivos e unha sociedade maís xusta. Os feitos mostran que berrar o 12 de outubro “Non son refuxiados, son invasores” non ten consecuencias policiais nin xudiciais, mentres si as ten berrar “A policía tortura e asasina” diante da Garda Civil de Arteixo. Que se unha Fundación fai apoloxía da Ditadura non pasa nada. Mentres que se unha asociación defende pública e pacificamente a soberanía nacional de Galiza, a reacción penal do moderno T.O.P . é fulminante. E todo isto coa forza legal que damos ao Poder cada vez que pedimos coerción das liberdades do “outro”.

A forza de pedir silenciar aquelas persoas e colectivos cuxo pensamento detestamos abrimos o camiño para o Poder fechar a boca, dende a legalidade que nós lexitimamos, de quen ainda pensa que a crítica e o desvelamento das mentiras son ferramentas de intervención política, úteis e efectivas, entre voto e voto, entre manifestación e manifestación.

E van gañando …..!

Fonte:  Tempos Novos (Novembro de 2017)