No últimos nove anos o Ministerio de Defensa destinou 768.571 € a financiar a expedicíon de membros da Garda Civil e as Forzas Armadas ao santuario católico de Lourdes (Franza). O de Interior gastou 66.649 € no último lustro para enviar unha delegación dos seus axentes. Segundo datos facilitados polo portal de Transparencia, os dous departamentos destinaron 835.221€ a financiaren esta expedición que se celebra en maio e que ten unha axenda carregada de eventos relixiosos, como misas, vixilias ou unha “procesión mariana dos fachos”.

Conga ao ritmo de Que Viva España!

Após unha petición de información realizada por eldiario.es, o departamento de María Dolores de Cospedal asegura que esta é a “única peregrinación que recibe financiamento público”. A asistencia a esta actividade subsidiada a cargo dos orzamentos de cada Ministerio, non estiveron isentas de polémica. En maio volveu levantar balburdia pola difusión dun vídeo en que algúns dos seus asistentes, entre eles axentes, militares, curas castrenses e relixiosas; bailaban unha conga ao ritmo de Que Viva España!

Os Dous senadores, Jon Iñarritu (EH Bildu) e Maribel Moura (Unidos Podemos), preguntaron polo custo da participación e a finalidade deste evento. O Goberno aseguroulles que a cantidade orzada para o encontro este ano foi de 73.000 euros.

Con todo, da resposta a unha unha petición de eldiario.es a Transparencia decorre que a cifra podería ser maior. Isto é debido a que o Ministerio de Defensa asegura que se gastou esa cantidade (73.901 euros) mais engade que “os datos relativos á Garda Civil han de ser solicitados a esa institución”. Polo que non esclarecen se os gastos dese Corpo están incluídos nesa cifra final. O Ministerio do Interior cifra en 10.851 euros o orzamento público destinado á asistencia de 15 dos seus axentes ao santuario católico este ano. Nin Defensa nin a Garda Civil esclareceron este punto a eldiario.es.

23.437 euros gastados polo Exército do Aire

Desagregando a información de Defensa, este ano a representación do Exército do Aire en Lourdes foi a máis cara, supuxo 23.437 euros para as arcas públicas. A participación de membros do de Terra custou 12.912 euros e a da Armada, 11.493 euros. Ademais engaden dous conceptos máis que non detallan, un descrito como organismos alleos,  cifrado en 14.058 euros; outro ao que se refiren como gastos comúns e que ascende a 12.000 euros. Total, 73.901 euros en 2017.

A páxina web do Arzopispado castrense explica que no programa da última edición desta peregrinación internacional, a que asistiron 12.669 persoas procedentes de 43 países, incluíanse, entre outras actividades, unha vixilia de reconciliación, unha homenaxe aos caídos, unha misa internacional, unha eucaristía na gruta das aparicións e un vía crucis na montaña

 

Sempre que o Executivo central foi interpelado pola asistencia a este evento, aludiron ao seu carácter histórico. “España veu participando no encontro desde hai máis de 40 anos, no que, ademais de debaterse cuestións relacionadas coa paz e seguranza internacional, hai outras actividades de ámbito social”, apuntan na resposta remitida aos senadores. Entre os eventos do encontro, apuntan que se celebran actividades porque “nas súas orixes houbo unha alta participación de capeláns castrenses”.

Aínda que nesa contestación aseguran que a presenza da delegación española ten historia xa que se remonta a hai varias décadas. O departamento dirixido por Cospedal só facilitou a esta redacción información relativa ao últimos nove anos, a pesar de que eldiario.es solicitou ao portal de transparencia unha desagregación da información desde o 2002. E só detallada por exércitos desde o 2012. Pola súa banda, a transparencia en Interior foi máis limitada aínda ao remitir unicamente os datos relativos ao último lustro.

Financiamento durante o Goberno socialista

De acordo a esta documentación en ambos os casos o financiamento público para este evento foi diminuíndo. Aínda con José Luís Rodríguez Zapatero (PSOE) como presidente, en 2009 Defensa destinou 126.487 euros, 107.941 euros un ano despois e 99.897 euros en 2011. Após a chegada de Mariano Rajoy (PP) ao Goberno o financiamento público a esta peregrinación militar internacional reduciuse: 78.957 euros en 2012, ao redor de 69.000 o tres seguintes anos e 74.208 euros en 2016.

O custo da participación da Garda Civil nesta peregrinación non variou tanto: 12.331 euros en 2012, 10.910 euros en 2013 e 10.852 euros anuais desde entón. Con esa cantidade a Dirección Xeral deste Corpo asumiu a expedición de 15 axentes no mes de maio.

A senadora Moura tamén preguntou ao Goberno polo resto de asistentes dos Corpos de Seguridade. Nesa contestación o Executivo asegurou que acudiron seis representantes da Unidade Militar de Emerxencias, once da Garda Real, 15 do Exército de Terra, 14 da Armada, 31 do Exército do Aire e tres do órgano central (Ministerio). En total, 95; catro deles capeláns. Pola súa banda, o diario El País chegou a cifrar en 129 os participantes que acudiron cos gastos pagos con diñeiro público. Defensa non respondeu a esta cuestión.

A delegación española que acudiu este ano estivo formada por 351 persoas, segundo o Arcebispado castrense. Non todos tiveron a viaxe financiada e ademais de axentes e militares tamén acudiron alumnos das academias, familiares e traballadores civís de Defensa.

Participación voluntaria

A participación do persoal é voluntaria”, aseguran na resposta do Executivo. Segundo apuntan, “a representación oficial regúlase mediante unha instrución da Subsecretaría de Defensa” e decídeno autoridades do Ministerio, do Arcebispado e representantes das Forzas Armadas.

A Asociación Unificada de Gardas Civís (AUGC) foi a que máis criticou que se financie a participación a este evento con diñeiro público. ” AUGC debe volver denunciar un dispendio alleo á función da Garda Civil, xerado ademais por unha actividade impropia dun corpo policial dun estado democrático e aconfesional”, aseguraron nun comunicado previo á edición de 2017. Esta organización foi a que difundiu o vídeo dos representantes españois bailando unha conga mentres cantaban ‘ Que Viva España!’ para protestar pola súa celebración.

“O gasto que supón a realización de determinados eventos, como o son as peregrinacións, é un insulto á dignidade dos militares”, incide Jorge Bravo, Secretario de Organización da Asociación Unificada de Militares Españois (AUME) e aluden aos problemas das infraestruturas de acuartelamentos, como falta “de mantemento e conservación en aloxamentos”. “Faise necesaria unha revisión en profundidade de toda esta actividade participativa, entrando ao fondo das normas que regulan e permiten devanditos actos”, finaliza.

Pola súa banda, desde a Asociación de Militares de Tropa e Mariñeiría (AMTM) lamentan que Defensa destinase máis de 700.000 euros a esta actividade cando as organizacións que representan os profesionais das Forzas Armadas “non reciben ningún tipo de subvención”. E cuestionan se o departamento dirixido por Cospedal tamén financia as peregrinacións doutras confesións relixiosas. “Conforme evoluciona a sociedade, deberíase redefinir a normativa que regula a confesionalidade nos Corpos de Seguranza”, aseguran fontes desta organización.

Fonte: eldiario.es