O Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Vigo celebrou o pasado 6 de xuño cinco xuízos en que migrantes ilegais recorrerían contra unha orde gobernamental de expulsión. A maratona de vistas durou toda a mañá e a semana anterior houbera máis vistas similares. Hai dous ou tres procedementos cada semana. A concentración de xuízos débese a unha cuestión de programación da axenda do tribunal. No 2017, os dous xulgados do contencioso celebraron 32 xuízos por expedientes de Estranxeiría que propuñan a expulsión do migrantes mais a cifra aumenta este ano debido ao impacto que causou a sentenza do tribunal europeo do 2015 que obriga as autoridades do Reino de España a aplicar de forma máis eficaz a repatriación de migrantes en situación administrativa irregular sen darlles oportunidade de pagar unha multa.

 

 

Detrás de cada un destes xuízos hai certo desánimo e indignación dos profesionais que examinan os expedientes destas persoas sen documentos en regra.

As posibilidades de os sen papeis ficaren no Reino de España son moi escasas porque, segundo recoñecen fontes xurídicas, agora a lexislación europea obriga a facer unha expulsión fulminante do territorio. Por exemplo, un traballador con papeis que non os renovou durante tres meses pasa a ser considerado ilegal e hai orde de expulsión sen debate posíbel. Son ordes que emanan directamente do Tribunal de Xustiza da UE, que reprendeu o Reino de España por interpretar a lei á súa maneira e non aplicar correctamente as directrices comunitarias. O tribunal declara ilegal, por contraria á directiva de retorno, a substitución da expulsión de inmigrantes por unha sanción económica que contemplaba a lexislación española, o que xeraba unha bolsa de persoas en situación administrativa irregular porque seguían na rúa.

«Bótante sen rodeos nin escrúpulos»

Nos corredores do xulgado de Vigo, o impacto desta sentenza causou pesar. Algún letrado lamentaba onte que a sentenza da UE é moi dura porque «se estás en situación irregular, bótante sen rodeos». A sentenza foi publicada hai tres anos e, desde aquela, os xuíces xa non atenden ás condicións persoais da persoa afectada senón que emiten a orde de expulsión. No caso dos xuízos celebrados no 6 de xuño, aínda non se coñece a resolución.

Na sesión foron analisados os casos de dous arxentinos e tres senegaleses aos que Estranxeiría propuxo para ser deportados por careceren de permisos de traballo e residencia. Os africanos irregulares viñeron acompañados dun membro da comunidade subsahariana. Eran mozos traballadores que residían en Vigo mais que, recentemente, foron descubertos cando os inspectores de traballo entraron a examinar a documentación do persoal dunha empresa e foron localizados sen os papeis en regra. «É xente encantadora e non se pode facer nada», lamenta alguén próximo a eles.

Unha sentenza do TSXG subliña que a situación de permanencia ilegal no Reino de España dun inmigrante é un factor determinante da expulsión cando non hai un sólido arraigamento ou vontade de inserción social, nin acreditou razóns humanitarias. A deportación é agora a regra xeral e o impacto comeza a verse agora nos xuízos.

E.V.Pita

Fonte: La Voz de Galicia