A Agrupación de Tráfico da Garda Civil presentou aos catro ventos ante os medios canarios 18 novas motocicletas para o Destacamento de San Cristóbal de La Laguna e a Comandancia de Las Palmas. A Benemérita, afirma a AUGC, non podía deixar pasar a ocasión sen mostrar o seu apego á máis rancia pompa: un sacerdote procedeu solemnemente en ambos os actos a asperxir con auga bendita tanto as motocicletas como os axentes que formaban xunto a elas.

 

 

As motos recibiron o bendito líquido elemento, ficando así ‘protexidas’ non só contra inimigos da alma, mundo, demo e carne, senón tamén fronte a delincuentes e infractores, tanto crentes como agnósticos, ateos ou cidadáns que profesen calquera outro credo.

Como cousas que son, os vehículos non mostraron conmoción algunha ante esta bendición. Non é o caso dos gardas civís que tamén recibiron a católica graza, apesar de algúns deles seren mesmo fieis doutras relixións.

A Asociación Unificada de Gardas Civis (AUGC) lamentou xa en numerosas ocasións o feito de se manter inalterado no tempo este vínculo entre a Igrexa e a Garda Civil, unha institución de seguranza pública que debería estar á marxe de calquera representatividade relixiosa, respectando así a diversidade de crenzas que existe na cidadanía española á que serve.

A seguranza pública non é unha cuestión de fe, senón de medios técnicos e humanos. Porque a delincuencia ou a ameaza terrorista non se combaten con peregrinacións a Lourdes nin con auga bendita, senón con petos antibalas individuais, vehículos e instalacións adecuados, unha formación actualizada e coordinación policial. O contrario é seguir ancorado nos tempos do branco e preto.

Por iso, AUGC vai solicitar a apertura dun proceso de información reservada co fin de depurar as responsabilidades derivadas desta cuestión.

Fonte: Insurgente