Diversos colectivos sociais concentráronse na mañá de onte (02/09) na T1 do aeroporto de Barajas, en Madrid, en solidariedade con cidadáns saharauís que levan cinco días en folga de fame, na sala de non admitidos do aeródromo, en protesta polo trato que reciben das autoridades españoles que lles están denegando a petición de asilo mentres comezaron as expulsións.

Concentración en Madrid en apoio aos saharahuis en folga de fame esta mañá.
Os saharauís que empezaron o luns a protesta, entre 45 e 55 persoas segundo as fontes, queixanse dos obstáculos que lles puxeron para iniciar os trámites de asilo, mesmo ficaron sen asistencia xurídica das organizacións especializadas.

Entre as deficiencias, os colectivos sociais sinalan tamén aos servizos de tradución. Explican que mulleres solicitantes de asilo tiveron que facer o seu relato diante de homes, ou que as historias traducidas non se corresponden co que dixeron nas entrevistas por descoñecemento dos tradutores da súa lingua.

As asociacións que convocaron a concentración, entre elas SOS Racismo, a Red Española de Inmigración y Ayuda al Refugiado e a CGT Confederal, condenan a “arbitrariedade do proceso de non admisión, denegación e admisión a trámite” e denuncian que, nalgúns casos, houbo violencia física por parte da Policía nas expulsións.

En total, cifran en 61 as expulsións nestes días, sen que aos solicitantes se lles garantira o regreso aos campos de refuxiados de Tinduf de onde procedían. E tamén advirten que as persoas en folga de fame están en condicións hixiénicas precarias e con pouco espazo para durmir.

Orixinal: Sermos Galiza