O señor Garzón, no artigo publicado en La Vanguardia no 31 de xullo, di que “a postverdade é a mentira emotiva, cando aquilo que aconteceu en realidade ten menos importancia que a percepción que pode terse do feito en si”. No caso que nos toca, aquilo que aconteceu e, segundo el, ten menos importancia, son as torturas a que someteu a garda civil no verao do 1992, pouco antes dos Xogos Olímpicos, diversos militantes independentistas. Un delito de lesa humanidade.

Cun comezo de artigo como ese, o ex-xuiz Garzón desaproveitou unha ocasión de ouro para facer autocrítica e desmarcarse das cloacas do estado, das cales nalgún momento da súa vida quixo tirar proveito para facer carreira política. Compre lembrar que traballaba para a Audiencia Nacional, a instancia xudicial herdeira directa do Tribunal de Orden Público franquista que continuou facendo as novas funcións sen ningunha revisión, limpeza ou ruptura.

O motivo polo que o pasado mes de xullo uns cuantos encausados deron o paso de o agardaren no Parlament de Catalunya é que fora o responsábel xudicial da operación no marco da cal foron torturados. Un responsábel innegábel, xa que foi el quen ordenou as detencións. É difícil de aceptar que un xuiz que ve pasar os corpos chagados de moitos dos detidos, sinxelamente non poida pensar que acontece algo deste xénero. Fixéronlle esa pregunta o día do parlamento e el non quixo contestar. Era inxenuo ou cómplice?

O día 16 de decembro de 2012, no programa Salvados da Sexta, o señor Garzón afirmou taxativamene que, das persoas que compareceron diante del, nin unha soa tiña denunciado torturas. Obviamente, cando fixo esta afirmación, mentía. Está rexistrado e el mesmo se desmente de maneira implícita neste último artigo. En abril do 2013 o semanario da Directa fixo públicas as actas das nosas declaracións, en que se demonstrava que sete das persoas detidas denunciaran torturas diante del. Temos de sinalar que, antes de declararmos diante do xuiz, os axentes da garda civil ameazárannos con voltarmos a ser torturados se non repetíamos as declaracións que tomaran cando estábamos nas súas maos. Demostrárannos avondo que non se trataba de ningunha postverdade, señor Garzón, e os xuízos foron fundamentados sobre esas declaracións, feitas sob ameazas, que nunca foron anuladas.

Apesar de todo, sete persoas denunciaron torturas diante do xuiz, e cando comezaron a falar de todo ao que foron sometidas, el, o señor Garzón, lembroulles que quen facía as preguntas era el, e que calquera referencia ao trato recibido se faría ao final. Deste xeito desconstextualizábase a declaración da práctica das torturas recibidas.

O ex-xuiz di que non podería ter feito máis que o que fixo, que a competencia era do xuiz ordinario e da fiscalía correspondente. Di que a sentenza de Estrasburgo di que a súa actuación foi impecábel, cousa que non aparece en ningún lugar da sentenza… Señor Garzón, V. fai un relato a medida dos seus intereses, sen un chisco de humildade.

Di o señor Garzón que, dos quince detidos que sostiveron a denuncia no Tribunal Internacional de Estrasburgo (TEDH), seis foron condenados pola Audiencia Nacional, e que eran persoas que recorrían ao terror como medio para transmitiren as súas ideas. A relación de algunhas destas persoas con Terra Lliure non xustifica a práctica da tortura. Este posicionamento está nas antípodas da defensa dos dereitos humanos. Por outra parte, temos que considerar que as outras nove persoas que denunciaran torturas e que non foron condenadas nin procesadas son danos colaterais da batida policial? É así como quer ser un defensor dos dereitos humanos? Relea o que escribiu no seu artigo. De que postverdade fala?

Di que non entende a insistencia en tentar reivindicar visións do pasado distorsionadas, que non paga a pena perder o tempo… As visións distorsionadas do pasado soportámolas neste país durante moitas décadas, e os encarregados de as divulgaren foron persoas como V., que se dedicaron a construir versións oficiais terxiversadas con total impunidade. Di que ningúen é perfecto, e que fixo autocrítica en numerosas ocasións e quere continuar a facer. Señor Garzón, non o sabemos, se fixo autocrítica, mais o texto do seu artigo máis ben vai por outro carreiro, máis semella a actitude de quen, se tivese dignidade, pediría perdón antes de proclamarse defensor acérrimo dos dereitos humanos.

Mais, infelizmente, alén do caso que vivimos nós, o ex-xuiz en cuestión é coñecido nalgunhas instancias de defensa dos dereitos humanos xustamente polo seu papel obstaculizador en materia de dereitos humanos, e no seu curriculum hai máis causas semellantes. Temos de lembrar casos como o de Aritz Beristan, detido no 2001 por orde do señor Garzón, diante do cal denunciara torturas, e a sentenza posterior do TEDH, que condenaba outra vez o estado español por non as ter investigado.

Ou o caso das cinco persoas detidas en Vilanova i la Geltrù acusadas de perteneceren a Al-Qaeda que denunciaron teren sido torturadas diante dos xuíces da Audiencia Nacional, Andreu e Grande-Marlaska e, posteriormente, diante do ex-xuiz Garzón. Ao cabo dun tempo, o mesmo Tribunal Supremo anulou a sentenza da Audiencia Nacional sinalando que non se investigaran as torturas apesar dos indicios racionais que había.

A Coordinadora para a Prevención e Denuncia da Tortura, con motivo da presentación do señor Garzón no ano 2011 como novo membro do Comité para a Prevención da Tortura do Consello de Europa, fixo chegar a esa instancia un documentario co resumo de numerosos casos en que, sendo xuiz instrutor o señor Garzón, producíranse denuncias por torturas e non por iso os procesos foran suspendidos, ben ao contrario. O xuiz tivo de retirar a súa candidatura.

Señor Garzón, falemos de torturas, non do proceso que vive Catalunya, falemos dun delito de lesa humanidade, non de independentismo.

Ramon Piqué, Marcel Dalmau i 17 encausats més.

Orixinal aquí.

(La Vanguardia non quixo publicar esta réplica ao artigo do ex-xuiz Garzón)