Con data 24 de xullo, o goberno español deu resposta á pregunta presentada polo Deputado Miguel Anxo Fernández Bello (Unidos Podemos-En Comú Podem-En Marea) sobre a denuncia que formulara P.E.G., interno no cárcere de Teixeiro, a EsCULcA: unha brutal malleira alegadamente propinada por funcionarios do centro no 21 de xaneiro, a negativa do médico da cadea que o examinou a emitir rexistro de lesións, o desesperado recurso do preso á autolesión (que obrigou a Garda Civil a conducilo de inmediato a un centro hospitar onde foi examinado por unha facultativa que lle pautou tratamento) e por último a non aplicación do tratamento unha vez levado novamente ao penal de Teixeiro.

 

 

 

O deputado Fernández Bello tamén sinalaba na súa pregunta que EsCULcA puido constatar que seis días despois (o 27 de xaneiro) ainda eran ben visíbeis as marcas das lesións e hematomas producidos pola supostamente violenta malleira.

A resposta que agora envia o goberno non pode -por varias razóns- ser máis sorprendente

En primeiro lugar, afirma que o Observatorio se limita a dar por certo “o relato dos feitos que o propio interno realiza” apesar de non existir “o máis mínimo indicio que permita dar credibilidade a estes feitos”. Pasa por alto o goberno que o deputado Fernández Bello indica claramente na súa pregunta que EsCULcA puido constatar que “seis días despois (o 27 de xaneiro) ainda eran ben visíbeis as marcas das lesións e hematomas producidos pola violenta malleira”.

A seguir, e sen afastarse do roteiro xa coñecido, o goberno nega uso de violencia desproporcionada de funcionarios contra o preso e descarga neste toda a responsabilidade do acontecido (P.E.G. é agora investigado polo Xulgado de Instrución de Betanzos por supostamente ter agredido violentamente os funcionarios).

Xa postos a negar, o goberno nega tamén que o médico non teña emitido o preceptivo “parte de lesións” -ainda que non aporta proba algunha da existencia dese “parte”- e nega igualmente que non se proporcione a P.E.G. o tratamento pautado pola facultativa externa.

En realidade, segundo o goberno, os feitos reducíronse a unha agresión violenta do interno contra os funcionarios que tentaban “vencer a súa resistencia”. Como o sabe? Pois porque, segundo afirma na súa resposta, Institucións Penitenciarias levou a cabo as súas propias investigacións e estas mostraron non ser posíbel “acreditar a existencia de ningunha conduta profesional susceptíbel de responsabilidade disciplinar”. É mais, unha vez investigadas as condicións en que estaba o interno, nin sequera puido ser “detectado ningún tipo de abuso ou malos tratos no departamento de isolamento”.

Un resultado, a ollos vistos, sorprendentemente optimista despois dunha investigación que parece ter sido levada a cabo por persoas pouco experientes neste tipo de traballo. E a sorpresa é maior cando comparamos ese optimista resultado coa situación descrita no último relatorio do Comité para a Prevención da Tortura do Consello de Europa, onde especialistas independentes e con demostrada experiencia deixan constancia clara das serias sospeitas que pairan sobre a actuación de funcionarios do penal de Teixeiro, sobre as irregularidades na atención médica que se proporciona aos internos, sobre o abuso de prácticas de suxeición mecánica, etc.etc.

Non é contodo, e con ser tan desalentadora, esta negativa de manual con que o goberno responde a pregunta do deputado o que máis chama a atención de EsCULcA. Para falar verdade, o que nos resulta máis curioso é o parágrafo final do escrito, onde o goberno lembra que das oito denuncias por malos tratos investigadas nos últimos tres anos non resultaron acreditados os feitos denunciados en ningunha delas.

Ignoramos se esta nota final, a modo de reforzo dunha argumentación que o autor ou autora do texto debe intuir pouco convincente e rotineira, é obra do anterior ou do novo goberno, do ministerio ainda presidido por Zoido ou do ministerio xa presidido polo ex xuiz da Audiencia Nacional Grande Marlaska. Se así for, en nada debería sorprendernos o optimismo da resposta.

Chega con lembrar que Grande Marlaska é ben coñecido polas reiteradas sentenzas condenatorias do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, polas reprimendas dos relatorios do Comité Europeo para a Prevención da Tortura, polas chamadas de atención de varios dos seus propios compañeiros da Audiencia Nacional e polas críticas da Coordenadora para a Prevención e Denuncia da Tortura, entidades todas que mostraron unha e outra vez que o agora Ministro de Interior tiña por costume (e non sabemos se ainda ten) non investigar adecuadamente as denuncias que formularon diante del persoas que foran torturadas durante a detención e estaban sob a custodia, como xuiz que era na altura da AN.

Resposta do Goberno