El ministro del Interior, Juan Ignacio Zoido | EFE

O propio ministro do Interior, o ex xuiz Juan Ignacio Zoido, contribuíu enormemente a popularizar o concepto de “delito de odio”. Súa foi a decisión de crear un gabinete para as denuncias de axentes de policía por supostos delitos de odio en Catalunya.

“Imos perseguir e axuizar os delitos de odio para que, sobre os culpabeis, caia o peso da lei, que é o que pasa nos países libres e democráticos e onde prima a división de poderes e o Estado de dereito”, subliñou Zoido, que advertía que o Executivo non vai parar até “todos os que faltaron ás Forzas e Corpos de Seguranza do Estado pagaren xudicialmente por iso”.

O problema chega cando se tenta esclarecer o que é un delito de odio e o que non. O Ministerio do Interior ofrece para iso unha definición xunto á información sobre a súa Oficina Nacional de loita contra os delitos de odio creada pola “situación en Catalunya”. A definición achegada polo departamento que dirixe Zoido, contodo, non se corresponde coa que se recolle no artigo 510 do Código Penal, que é o que regula nos seus dous apartados este tipo de delitos.

Os expertos en Dereito Penal discrepan da definición ofrecida por Interior e consideran que excede o fixado no artigo 510 do Código Penal

Concretamente, se o usuario fai click na pregunta O que é un delito de odio? topa con que para Interior son “aqueles incidentes que están dirixidos contra unha persoa motivados por un preconcepto baseado en: a discapacidade, a raza, a orixe étnica ou país de procedencia, a relixión ou as crenzas, a orientación e identidade sexual, a situación de exclusión social, ou calquera outra circunstancia ou condición social ou persoal”.

Os expertos en Dereito Penal consultados polo xornal Público discrepan da definición ofrecida por Interior e consideran que excede con moito o fixado no artigo 510 do Código Penal. Especialmente, aínda que non unicamente, en dous aspectos. Por unha banda, “calquera incidente” non pode ser un delito de odio e, por outra, a categoría de “calquera outra circunstancia ou condición social ou persoal” non aparece o Código Penal xa que converte este delito nunha verdadeira manta de retallos.

Fonte: Público