Onte segunda feira participei no debate político das Mañás da Catro, como fago semanalmente. Cal non seria a miña sorpresa cando, ao saír, topei cunha mensaxe do Sindicato Unificado de Policía (SUP) en Nafarroa.
Tratábase dunha nota sobre un dos temas televisados: A aparición dunha pintada no monumento a algúns asasinados republicanos. Na súa publicación de tuiter, o SUP afirmaba que falabamos desa pintada e non das moitas relacionadas con ETA.
O primeiro que me sorprendeu foi que me citasen só a min, xa que varios dos presentes no programa comentamos o tema. E inmediatamente deime conta da gravidade do comentario. Un grupo de policías sinalábame en relación con ETA por criticar unha pintada filofascista. E acusándome de calar ante o grupo armado.
Alén de tratarse dunha mentira feita pública, e por tanto unha calumnia, tanto eles como calquera coñece as repercusións de sinalar alguén e de acusala de calar ante o terrorismo. Para comezar, que unha vez publicaao, son moitas as persoas que a len e lle dan crédito. En fin, non o di un troll, senón un sindicato policial. Ou sexa, un grupo de policías. Non será a primeira vez que me insulten ou ameacen pola rúa por mor das miñas opinións e o meu traballo xornalístico. Con todo, o feito de poderen escudarse nas afirmacións de policías muda a dimensión do asunto.
Por outra banda, o feito de membros dun corpo de seguranza, funcionarios do Estado, pasaren a valorar e intervir no traballo dunha xornalista paréceme extraordinariamente grave. Porque, após sinalar publicamente a miña opinión nas Mañás da Catro, o mesmo SUP pasou a responderme que nos veriamos nos xulgados por mor dunha reportaxe miña publicado en CTXT e reproducida neste mesmo medio, en Público.
Tratábase do Caso Sonko e, de feito, dunhas declaracións da xornalista e investigadora Helena Maleno. Sonko foi capturado pola Garda Civil no mar, tiráronlle o salvavidas e devolvérono á auga. Morreu porque non sabía nadar, após pedir desesperadamente auxilio. A Fiscalía ordenou investigar este caso e existe unha condena do Tribunal contra a Tortura da ONU a respecto diso.
Despois de llo facer saber, non só non rectificaron senón que seguiron dirixíndose a min en tuits relacionados con ETA e o silencio, de forma que pedín ao SUP e ao Corpo Nacional de Policía, con copia ao Ministerio do Interior, que tomasen cartas no asunto. Sen resposta. Algo que ao principio tomara eu como unha metedura de zoca dun policía en Nafarroa, pasaba a ser un movemento de intimidación. O feito de un grupo de policías facer públicas opinións sobre o traballo dunha xornalista, sempre ligadas ao silencio sobre ETA, cando non veladamente ao apoio á banda terrorista, supón un ataque serio á liberdade de prensa. Ou sexa, sinálaseme publicamente con calumnias e procédese a ligar o meu nome cunha banda armada, ETA.
A seguir as miñas protestas responderon: “Non sexa cínica, simplesmente mostramos que ante unha pintada enche medio programa e ante as pintadas diarias e homenaxes cala”. Alén de non ser eu quen decide os temas a tratar na Catro e limítarme a dar a miña opinión, a miña posición sobre ETA é coñecida, como sobre calquera acción armada. Mais é que, ademais, a pintada en cuestión afirmaba que nas fosas aínda cabe máis xente, unha mostra de fascismo, unha ameaza de morte, un xesto a denunciar. Como se atreven os policías a acusarme de calar ante o terrorismo? Pregunteino, pedín que se presentasen probas de tal afirmación ou os acusaría dun delito de calumnias.
Por toda resposta, atribuíronme publicamente un editorial de CTXT en que se analisan os feitos de Altsasu. Un editorial, como é sabido e por iso consta sen firma, reflicte a opinión dun medio de comunicación, non dunha xornalista. Por iso, neste caso, media ademais a mala vontade dos funcionarios policiais.
Até tal punto chega o seu cinismo, que por mor das miñas queixas e as de numerosos lectores polas súas acusacións, responden que estou “coartando” a súa liberdade, e de novo ligando as miñas queixas á contorna de ETA.
Tal e como supuña, e como avisei desde o principio a estes funcionarios da Policía, o feito de eles me sinalaren puña en marcha unha campaña de insultos e ameazas, algo que por suposto estes policías non ignoran, do que cabería deducir que era a súa intención, xa que a iso únese o detalle de só usaren o meu nome, e non o do resto dos xornalistas que estaban na mesa de debate:
Vexo con sorpresa que hoxe, terza-feira, este grupo de policías continúa dirixíndose a min, utilizando termos como “acusámola” ( “de non informar das pintadas en Nafarroa, non de ser simpatizante, non minta e exercite a comprensión lectora”)
Todo o exposto anteriormente responde á miña opinión sobre unha pintada fascista aparecida nun monumento a un grupo de republicanos asasinados. É dicir, que un grupo de funcionarios da Policía pasa a ligarme a ETA porque opino contra o fascismo. E non só iso, senón que para facelo publica unha calumnia e “acúsame” do meu traballo xornalístico. E non só iso, senón que se dirixe exclusivamente á miña persoa, sendo varios os asistentes ao debate.
Non podo deixar de ligar este comportamento, de xeito evidente incorrecto e denunciábel, coa multa que o pasado mes de maio me puxo a Policía Nacional durante a miña participación nunha manifestación contra os asasinatos de xornalistas en México. E, por tanto, co aumento das denuncias e atropelos que por parte das Forzas de Seguranza por mor da aprobación da Lei Mordaza.
Creo sinceramente que nunha democracia que garante a liberdade de prensa e expresión resulta moi moi preocupante que membros da Policía interveñan no traballo dos xornalistas. Resulta moi moi preocupante que utilicen para iso a calumnia. Resulta moi moi preocupante que me relacionen con ETA por criticar unha pintada fascista.
Sinxelamente, estou moi moi preocupada. E non me gusta nada o que se me vén encima.
Orixinal en Público (05/09/2017)