As autoridades marroquínas confirmaron a pasada terza-feira (08/08) a morte dun mozo rifeño (I.A.), de 24 anos, que resultara ferido de gravidade por causa das fortes cargas policiais durante a manifestación do pasado 20 de xullo na cidade de Alhucemas. Como centos de residentes na rexión norteña do Rif, I.A. respondera ao chamamento do movemento popular Hirak Chaabi, que convocou unha nova manifestación en Alhucemas, epicentro dunha vaga de protestas sociais desde o pasado outubro esixindo investimento público e emprego é esta rexión abandonado polo réxime de Mohamed V.

I.A. acudiu á manifestación do día 20 de xullo, expresamente prohibida polo Goberno marroquino. Un protesto que, alén das reivindicacións iniciais do movemento, esixía a posta en liberdade de case 200 activistas detidos e encarcerados por participaren nas mobilizacións.

Un trozo de metralla dunha granada de gas chegoulle ao cerebro.

Apesar da prohibición gobernamental e o enorme dispositivo policial, que blindou todas as entradas da cidade, a manifestación foi multitudinaria e a policía marroquina empregou un grande número de granadas lacrimóxenas para dispersar as concentracións nos distintos lugares onde a gente se reagrupaba. Ao parecer, foi no bairro de Afazar onde un deses proxectís impactou directamente na cabeza do xoven e un anaco de metralla entrou e ficou aloxada no cerebro.

O Procurador do Rei ante o Tribunal de Apelación de Alhucemas afirmaba a pasada terza feira nun comunicado que o mozo morreu no Hospital Militar de Rabat, ao que costuman ser derivados os casos máis graves.

Nun primeiro momento, o mozo fora ingresado no Hospital provincial Mohamed V de Alhucemas, mais perante a gravidade do seu estado foi transferido en helicóptero esa mesma noite ao Hospital Militar de Rabat, onde ingresou en estado de “morte cerebral”.

Desde entón, o estado de I.A. foi unha incógnita debido á ausencia de información sobre o seu estado clínico. A Procuradoría engade no seu comunicado que xa ordenara unha investigación profunda da Policía Xudiciaria sobre o suceso que levou á morte o xoven e que as investigacións continúan e chegarán “o máis lonxe posíbel”.

Segundo varios medios dixitais marroquinos, o avogado e a familia do mozo van esixir unha autopsia para confirmar a causa e a data da morte e non descartan emprenderen accións legais, xa que segundo o letrado, non se comunicou o estado de saúde do mozo á súa familia durante a hospitalización.

Após semanas de relativa calma no Rif, a morte de I.A. pode ser a faísca que volva prender unha vaga de manifestacións en Alhucemas.

Ler máis.