Julen Ibarrola Pérez, de 24 anos e natural de Amurrio (Araba), ingresará no cárcere este domingo. O mozo foi condenado tanto pola Audiencia Nacional como polo Tribunal Supremo a un ano de prisión por un delito de enaltecemento do terrorismo. Os feitos probados da sentenza condenatoria sinalan que Ibarrola, de 21 anos no momento dos feitos, debuxou o símbolo de ETA cun rotulador nunha parede dunha casa de Lesaka (Navarra) que ía acompañado da seguinte frase: “Estamos orgullosos da vosa loita, viva vós, o pobo está convosco”.

 

Julen Ibarrola durante su juicio en la Audiencia Nacional.- EFE

 

“Debuxei un sinxelo debuxo dun anagrama de ETA cun rotulador e do tamaño dunha folla, o resto sacáronno da cartola. Se en lugar diso puxese unha ‘Viva Franco’, ‘non sei que dos Gal’, ‘putos cataláns’ ou ‘inmigrantes fora de aquí’… pois non me condenarían”, explica Julen Ibarrola, que sinala que cando realizou aquela pintada quería reivindicar o seguinte: “Tiña en mente que o País Vasco pasaba a un tempo de resolución. O conflito acababa e quería reflectir que chegamos a este punto polo que chegamos…”.

A Xustiza pediu o seu inmediato ingreso en prisión argumentado que o mozo tiña antecedentes por participar na okupación dun edificio no casco vello de Amurrio. O Supremo considerou que “as expresións obxecto da pintada expresa ideas inequívocas de enaltecemento da banda terrorista ETA e dos seus integrantes”. O mozo, con todo, considera que o motivo real polo que ingresa en prisión é por salientar como “mozo comprometido cunha Euskal Herria libre e xusta”.

Votos discrepantes nas dúas sentenzas
As sentenzas condenatorias, tanto da Audiencia Nacional como do Supremo, contan con votos discrepantes que pedían a absolución do condenado. No caso da Audiencia, o maxistrado José Ricardo de Prada defendeu que a pintada carecía do requisito de publicidade xa que foi escrita nunha parede “dunha casa dunha rúa non céntrica dunha pequena poboación” e que o texto que acompaña á imaxe, ao non estar acabado, pode ser “interpretábel”.

Pola súa banda, dous maxistrados do Supremo defenderon que o mozo debía ser absolvido porque no momento das pintadas, verán de 2014, a organización terrorista ETA “levaba tempo sen realizar actos terroristas” e pola escasa publicidade da pintada do xoven.

Así, o maxistrado Perfecto Andrés Ibañez sinalou que “a única loita” en vigor da organización é a sustentada polos presos, de maneira que o rotulado podería ser a “simples manifestación dunha adhesión moral activismo deses etarras privados de liberdade”. Pola súa banda, o maxistrado Andrés Palomo do Arco sinalou o pequeno tamaño da pintada e que esta foi realizada a plena luz do día. “Non pode predicarse que o enaltecemento fose público”, subliña.

“Vin que absolveron un mozo porque a ETA está disolta. Pois a min condenáronme. E pregúntome por que”
De feito, esta mesma semana a Audiencia Nacional absolveu un tuiteiro acusado de enaltecemento do terrorismo co argumento de que a organización terrorista ETA cesou a súa actividade armada en outubro de 2011 e, portanto, as mensaxes de apoio á organización non “xeran ningún tipo de risco, aínda que sexa abstracto para persoas ou dereitos de terceiros ou para o sistema de liberdades”.

O feito de que esta doutrina non fose aplicada nos xuízos a Julen Ibarrolla leva o mozo a preguntarse por que el ten que entrar en prisión por uns feitos que para outros procesados non supuxeron unha sentenza condenatoria. “Cando realicei a pintada era no verán de 2014 e a organización armada de Euskal Herria levaba anos disolta. E agora vexo que un mozo é absolvido do delito de enaltecemento porque ETA estaba disolta. Pois a min non me absolveron. A min condenáronme. E pregúntome por que”.

O mozo, que na actualidade ten traballo, sinala que a condena da Xustiza dálle “forzas para seguir denunciando as inxustizas” que sofren “o pobo vasco, o pobo catalán e a clase obreira, en xeral”. “Son un rapaz positivo. Isto non me vai mudar nin me vai esnaquizar. Quero que a xente siga loitando na rúa e mobilizándose por unha Euskal Herria libre e xusta”, sinala.

 

Alfredo Remirez Marañón durante su juicio por enaltecimiento del terrorismo. EMILIO NARANJO EFE                                                     Alfredo Remírez durante o xulgamento.

 

Segundo mozo de Amurrio en prisión nuns meses
O ingreso de Julen Ibarrola no cárcere este domingo suporá o segundo caso dun mozo da localidade de Amurrio que entra en prisión por un delito de enaltecemento do terrorismo nos últimos meses.

O primeiro foi Alfredo Remírez, que foi encarcerado no pasado mes de novembro por un delito de enaltecemento do terrorismo cometido nas redes sociais. Remírez, que foi detido o mesmo día que o cantante de Def con Dous César Strawberry no cadro da Operación Araña III, foi condenado por dar as boas vindas no Twitter a membros de ETA á súa saída de prisión após cumpriren a condena correspondente.

No entanto, non era a única sentenza condenatoria que tiña no seu haber. Este home de Amurrio xa foi condenado polo mesmo delito a un ano de prisión por portar un boneco de cartón coa cara do condenado por colaboración con ETA Santos Berganza no Salón de Plenos do Concello durante o chupinazo de 2005. A cara do boneco de cartón pasou despercebido para todos os presentes no chupinazo, incluídos os membros das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. Contodo, como o caso saltou á prensa española, a Fiscalía abriu unha investigación que acabou en condena.

Fonte: Público