Traballadores do sector da industria metalúrxica que participaron na folga convocada polas centrais CC.OO., CIG e UGT nos meses de xuño e xullo deste ano foron sancionados con multas que chegan aos 601 euros por, alegadamente, atiraren petardos diante das instalacións de diferentes empresas do Polígono do Tambre (Compostela) e aos pés doutros traballadores, prática esta habitual e inofensiva na actuación dos piquetes de folguistas.

 

 

 

Na notificación recibida polos sancionados, a Subdelegación do Goberno da Coruña acusa os traballadores de guindar petardos contra instalacións industriais e “aos pés dos piquetes” infrinxindo a distancia de seguridade sinalada para os petardos F2 e F3. Igualmente sinala que, unha vez identificados e inspeccionados os traballadores, a policía interveu diferente material (3 petardos Extra Trueno º 4, categoría F3, 5 petardos Valencianets categ. F 2, un bote de fume Repuxos Smoke Clowd 9 categ. 2.n.).

No entanto, na exposición dos feitos imputados a cada traballador, a Subdelegación limítase a sinalar que o acusado lanzou un ou varios petardos, sen facer mención explícita ás características concretas dos que supostamente tería atirado cada un deles (F1, F2 ou F3). Non individualiza as acusacións nin ofrecer proba algunha que as respalde. Cousa, aliás, imposíbel unha vez que o petardo foi lanzado pois ao desintegrarse non hai maneira de determinar a súa categoría e averiguar se foi ou non respectada a distancia obrigatoria (1, 8 e 15 mts. respectivamente).

Pola súa parte, os traballadores afirman que en ningún caso arroxaron petardos “contra os piquetes”, que só o fixeron en espazos abertos e a considerábel distancia de obxectos e persoa. Afirman que a súa actuación non supuxo en ningún caso perigo para instalacións ou individuos e esta non pode portanto ser entendida como unha actuación prohibida e constitutiva de infracción grave como afirma a Subdelegación do Goberno.

Resultado de imagem para huelga metal coruña xuño xullo 2017

Unha folga xusta

Lembran os traballadores que a folga fora convocada despois de tres anos de infrutuosas negociacións para parar as desorbitadas pretensións da patronal (pagar aos traballadores temporais o primeiro ano o 85% o segundo o 95% do salario, equiparándoos aos abusivos contratos en prácticas; reducir progresivamente a indemnización por despedimento de 16 a 12 días; eliminar as indemnizacións por traslado para dispor gratis dos traballadores; conxelar os pluses, asinar un convenio onde non se contemplase ningún xeito de revisión salarial, e todo isto remachado cuns aumentos salariais irrisorios. Por se isto fose pouco, reduciríase tamén durante a vixencia do convenio a IT por accidente laboral e a hospitalización por enfermidade común do 100% ao 75%, e do 60% ó 2% (non se trata dun erro) os 3 primeiros días. E, como toque final, irregularizar a xornada laboral nun 10% e cun pre aviso de tan só 5 días (hoxe ves, para a semana ficas na casa etc…)

“Á vista dos insignificantes, ou mellor dito inexistentes, avances na mesa de negociación ós traballadores do metal non lles quedou outra que saír á rúa, nunha convocatoria de folga nos meses de Xuño e Xullo, a pelexar polos seus dereitos.”, afirma o sindicalista Beltrán (nome ficticio).

Os traballadores critican a intervención das forzas policiais

Despois dun primeiro día de folga tranquilo, na segunda xornada, para sorpresa de piquetes e seguidores, as forzas policiais comezaron a intervir desde a primeira hora con controis indiscriminados e rexistros afeito. Como mostra un botón:

“O normal, esa mesma mañá era a pregunta: ¿de quen é este coche?, de inmediato o propietario víase rodeado dun mínimo de catro axentes, as esixencias eran: “documentación da persoa e do coche”, e inmediatamente despois rexistro de forma pública, desmantelando maletas, cadeiras dos nenos, tocando o capó, se estaba quente e se movera había pouco tempo ao máis puro estilo “Starky y Hutch”. Nin que dicir ten que todo isto con modos inadecuados para un servidor público”, relata.

Como curiosidade, refere o incidente vivido polo propietario dunha moto. Ao non o encontraren entre os membros dos piquetes, os axentes procederon a localizalo e fixérono comparecer no lugar para que abrise a maleta da moto. Despois ordenáronlle que a retirase do estacionamento alegando que este era privado (ignoraban que se trataba do estacionamento da empresa en que el traballaba!).

“Este tipo de actuacións conseguiron converter, o polígono do Tambre de Compostela, unha zona sitiada que impedía a todas luces as actuacións dos piquetes informativos, e convertía toda persoa que formase parte pacífica do piquete en potenciais “delincuentes”, todo isto conseguíase a través de malas maneiras, persecucións indebidas e un constante acoso policial sen xustificación algunha. Parecía que a pretensión dos axentes da policía nacional pasaba indubidablemente por extinguir calquera tipo de piquete ou manifestación dos traballadores do metal. Mesmo por veces parecían estar asalariados polas patronais”, afirma Beltrán.

Días despois, moitos traballadores que foran identificados recibían sancións administrativas (unha identificación parecía converterse automaticamente en sanción), e na súa inmensa maioría catalogadas como faltas graves que conlevan contías económicas dende os 601€ até os 30.000 €.  “Visto así -lamentan o sindicalista- parece que os traballadores viñan de cometer un acto criminal de maior índole, cando en realidade o único pecado foi a confiscación de petardos ou botes de fume legais. Non se menciona en ningún lugar que tamén lles foron confiscados tapóns dos oídos para o ruído ou chisqueiros, mochilas… “.

Resultado de imagem para huelga metal coruña xuño xullo 2017

“Algúns dos nosos compañeiros, ainda hoxe, están pendentes de ter que testemuñar porque lles imputan feitos en que nunca participaron, ou por lles esixiren reparación de danos por desfeitas que nunca cometeron, froito dunha identificación aleatoria e inxustificada. En definitiva, resulta lamentable que para exercermos o dereito á folga os traballadores teñamos que pasar por sancións, persecucións e abusos policiais, esquecendo que o trasfondo de todo isto non era máis que defender os nosos dereitos. Queda patente o complicado que é o funcionamento dos que algúns chaman democracia cando se trata de respectar os dereitos dos demais”, conclúe.