Segundo explicou o acusado, unha axente do CNP destinada  na comisaría de Reus chamou na cuarta-feira para contratar a reparación do seu automóbel. O mecánico, proprietario do taller, negouse ‘por principios’ (os feitos do 1-O). Pouco despois, a parella da axente, tamén policía mais neste caso Mosso d’Esquadra na comisaría de Tarragona, ameazouno por teléfono e en persoa. Máis tarde apareceron no taller dúas patrullas da policía autonómica e finalmente foi chamado a declarar á comisría de Reus.

 

 

O mecánico acudiu asistido por un avogado e acolleuse ao seu dereito de non declarar. Agora está pendente de, eventualmente, ser citado en sede xudicial.

Liberdade de escoller clientes

Perelló explica que a axente se identificou como membro da policía española e el díxolle que “non lle arranxaría o coche porque a partir do día 1 de outubro decidín que non atendería axentes da policía e da Garda Civil, que posibelmente ela era boa persoa, mais que o silencio que tiveran facíaos cómplices e na miña casa non eran benvidos”, relata.

Pouco despois, segundo o seu relato, chamouno un home que lle dixo ‘que era un merdento’ e que ía ‘romperlle a cara’. Nesa altura, engade, presentouse o marido da axente no taller e acusouno de ser un ‘racista’.

Perelló argumenta que ten un taller ‘non marquista’ e que ten ‘todo o dereito a elixir o traballo’, e considera que está amparado polo Real Decreto que regula a actividade industrial e de prestación de servizos nos talleres de reparación de vehículos automóbeis, dos seus equipos e compoñentes.

“A min non pode obrigarme ninguén a facer un traballo que non quero facer. Non promociono ningún odio, só tomei unha decisión persoal”, insiste.

O mecánico móstrase confiado en que o caso non vaia máis alá e que o xuíz “teña un mínimo de sentido común e entenda que, dentro da nosa liberdade, temos que poder elixir con quen temos unha relación laboral e con quen non”.

Perelló asegura que, desde que se fixo público o seu caso, recibiu mensaxes de apoio “de todas partes”. “Pasan co coche tocando o claxon e animándome, e moita xente pregunta onde está o meu taller para traer o vehículo”, ilustra.

Uso e abuso dun suposto penal

Segundo explica o seu avogado, David Piquei, aínda non tiveron acceso ao atestado e descoñece quen interpuxo a denuncia. Fontes dos Mossos d?Esquadra confirmaron que o atestado foi remitido ao xulgado de garda.

Á espera de poder ter acceso á denuncia, Piquei considera que estes feitos non se adaptan ao tipo penal de incitación ao odio. O avogado subliña que, neste suposto penal, “a vontade do lexislador era protexer minorías que poden estar excluídas e discriminadas socialmente por motivos de raza, relixión e sexo, entre outros”.

Fonte: Insurgente