A Lei establece que todos os centros públicos deben ofrecer a posibilidade de cursar relixión católica, mais só como materia optativa. Malia isto, un grupo de pais e nais do Instituto de Ensino Secundario de Ames denuncia que os horarios disponibeis no centro “obrigan na escolla dalgunhas materias a coller relixión católica”. E non é o do instituto de Ames o único caso.

Como exemplo explican que o alumno que “queira escoller en segundo de bacharelato métodos estatísticos deberá coller relixión”. Unha problemática que, segundo pais consultados poresta redacción, prodúcese noutros centros públicos do país.

Como é posíbel que na práctica o catolicismo sexa obrigatorio nalgúns centros públicos? Dende a Consellería de Educación, preguntados por este caso, negan a maior.

RESPOSTA DA XUNTA

“Os centros teñen que ofrecer a materia de relixión, pero non se lles pode obrigar a que a elixan. En ningún caso se pode forzar aos alumnos a que escollan relixión nin se pode impedir que a escollan”, argumentan dende a Xunta.

A Administración lembra que “os centros teñen autonomía para deseñar os itinerarios que consideren máis axeitados dentro do seu proxecto educativo con materias de 4, 3, 2 e 1 hora, e con iso deben xogar”. Unha das materias de 1 hora a ofertar debe ser obrigatoriamente relixión católica.

MENOS PROFESORES

O núcleo do problema en centros como o de Ames parece estar en que o recorte de profesores obrigou a reducir o número de horarios e de optativas dispoñibles. A consecuencia é que para algúns alumnos se queren coller determinadas asignaturas non lle queda outra que completaren as horas obrigatorias con relixión.

“ No caso de primeiro de Bacharelato, ao obrigar o alumnado a cursar necesariamente unha materia de catro horas se elimina calquera posibilidade de cursar unha materia de libre configuración do centro ou de configuración autónomica,  se non é acompañada da materia de relixión”, explica unha das nais afectadas por esta problemática.

Esta nai insiste en que nese centro hai “imposibilidade de cursar materias de configuración autonómica, como é o caso de Métodos estatísticos e numéricos, se non están acompañadas da materia de Relixión”.

Dende a Consellería de Educación, após admitiren que non dispoñen “dos datos pormenorizados das materias optativas concretas do IES de Ames”,  argumentan que “cada alumno vai completando o seu itinerario en función das súas preferencias, intereses, ….E non se lle obriga a escoller relixión como tampouco se lle obriga a coller métodos estatísticos , cada un o deseña según lle conveña”.

En definitiva, malia que a Xunta pode estar cumprindo coas normas,  o certo é que hai alumnos que se queren estudar estadística en Bacharelato, tócalles apandar con relixión.

ASEMBLEA DE NAIS E PAIS

Este é un dos motivos polo que as nais e os pais deste centro convocan unha asemblea o próximo luns as 20:30 no Pazo da Peregrina. Están preocupados tamén por outras cuestións como “a redución drástica de proxectos integrados de centro que fomentaban a excelencia, a mellora educativa e a convivencia escolar”, a falta de aulas e a “masificación do centro” que din está a provocar un “deterioro notábel”.

Malia aconfesionalidade teórica do Estado, a Lei obriga a administración educativa a ofrecer relixión católica en todos os centros públicos. No caso das outras relixións, só ten a obriga no caso de que haxa determinado número de alumnos que así o soliciten.

Ler máis.