Baladna significa “a nosa terra” en árabe. Así sente o pobo palestino as terras onde se estableceu en 1948 o estado de Israel. Actualmente hai aproximadamente millón e medio de persoas que ainda viven dentro desas fronteiras, a quen, embora lles fose concedida a nacionalidade israelita, en moitos ámbitos non teñen garantidos os mesmos dereitos que o resto da cidadanía. Aliás, ven aspectos chave como a educación ficaren en mans do goberno israelita, que aproveita para impor un discurso claramente focado a eliminar a identidade palestina. Desde a asociación Baladna, que dirixe Nidaa Nasser, trabállase para que sobretodo a mocidade teña consciencia desta identidade e poda ser parte activa da súa sociedade e na defensa dos seus dereitos. Baladna traballa conxuntamente co Servei Civil Internacional de Cataluya entre a xente xoven para afortalar as loitas das sociedades mediterráneas.

Actualmente, cal é a situación das palestinas que viven dentro de Israel?

Poderíamos dicir que agora mesmo as palestinas de Israel viven nun réxime militar. Non lles é permitido sair das localidades en que viven sen autorización da autoridade militar da zona, non lles é permitido facer moitas cousas da vida diaria… Teñen nacionalidade israelita, mais non porque a queiran ou porque se sintan israelitas, senón porque neste momento non teñen outra opción. Tampouco Israel o fai porque queira integrarnos na súa sociedade e para que desfrutemos de igualdade, faino para lexitimarse diante da comunidade internacional. En realidade, temos a cidadanía mais non temos recoñecidos os nosos dereitos en igualdade de condicións.

Por qué cres que hai estas diferenzas?

Israel defínese a si propio como un estado democrático xudeu. Cando te defines pola túa etnicidade xa especificas quen desfrutará dos dereitos do teu país en relación co resto das persoas. Como estado, non podes dicir que es xudeu e es democrático ao mesmo tempo porque entras nunha contradición; a democracia significa que todas as persoas han de ser iguais e se todas han de ser iguais, no pode haber grupos étnicos que sexan superiores aos outros. Por iso en ningún ámbito da vida somos iguais dentro de Israel.

En que se fai evidente que non tedes os mesmos dereitos

Por exemplo no acceso á terra e á vivenda. A maioría das terras das palestinas que viven dentro das fronteiras de Israel foron confiscadas. Apropiáronse das terras para construiren colonatos. O acceso á terra e á vivenda é un problema crucial cando falamos da zona do Neguev, no sul da Palestina [actualmente dentro das fronteiras de Israel]. Hai decenas de poboacións que non son sequera recoñecidas. Iso quer dicir que hai millares de persoas que non teñen auga, non teñen electricidade, non lles é permitido construíren casas, viven en barracas. Se constrúen casas, déitanllas abaixo. Tampouco teñen escolas.

Por qué pasa iso?

Porque queren desarraigar as persoas. É unha área moi grande e queren facerse coa terra delas, queren concentralas nunha ou dúas cidades, apropiarse da terra e utilizala para construiren colonatos.

En que outros ámbitos as palestinas non teñen os mesmos dereitos?

Na educación. En xeral, as condicións das escolas palestinas dentro de Israel son moi defectuosas, comparadas coas escolas israelitas xudías. Mais o máis importante é que utilizan as escolas para facer chegar a súa axenda e visións politicas. Utilizan a educación como unha ferramente de control porque é onde se pode modelar e deseñar o pensamento das persoas, onde se pode influir nas novas xerazóns, forxar valores, ideas, crenzas… A educación serve para construir a identidade. Por exemplo explícase ás alumnas que antes do 48 aqui non había unha nación palestina senón pequenos grupos separados que vivían nalgunhas zonas en tendas. E cando chegou Israel civilizou a xente, construíron predios, institucións, trouxeron tratamentos médicos, trouxeron a democracia… Iso repétenno de diferentes maneiras, en diferentes materias, para convencer a xente de que non había nada chamado Palestina e que toda a historia que queremos reivindicar é falsa.

Cres que todo iso é uha estratexia para dar continuidade á limpeza étnica do 48?

E tanto! Israel tenta facernos estourar, financeiramente, socialmente… de calquera maneira. Até que decidamos marchar. E se non decidimos marchar, collernos a terra, botarnos fora. E se non poden, tentar converternos en seres estáticos, como se non existísemos. Queren que sexamos seres non políticos, que non pidamos nada, que normalicemos a nosa inferioridade, que non esteamos ligados a ningún vínculo político nin social que teña a ver coa Palestina… Portanto, se deciden que non poden “limpar” en termos de etnicidade, seguiremos aqui, mais como cidadás estáticas a quen poden manipular e que como moito poden aspirar a adorar Israel e converterse en israelitas, ainda que nunca podamos estar integradas en Israel, xa que é un estado xudeu, mais tampouco sermos palestinas.

Portanto, consideras que a Nakba non acabou? [a Nakba é o éxodo e a limpeza étnica que sofreron as palestinas en 1948 e que levou á creación do estado de Israel]

É claro. A Nakba continúa en todos os sentidos. Cal é a diferenza entre o que pasa pasa no Neguev e o que pasou na Nakba? Queren botar fora a xente das súas casas para levaren colonos israelitas. Iso é exactamente o que aconteceu durante a Nakba. A mesma mentalidade con diferentes prácticas, mesmo na Cisxordania, en Gaza ou dentro de Israel. Talvez mudaran as prácticas mais continúa a ser a mesma mentalidade colonial.

Diante desta situación, que papel xoga a organización que dirixes?

Traballamos para ver un movemento de xente nova palestina consciente da súa identidade e da súa historia palestinas, de maneira progresista e democrática. Queremos que teñan consciencia social e política. Os referentes no noso traballo son os valores democráticos, os dereitos humanos e o fomento dunha mocidade activa para conseguir mudanzas no ámbito social e político. Cremos que o traballo de base é esencial nun contexto politico onde actualmente non hai ningún proxecto de liberación nacional palestino. A sociedade palestina non sabe cales son os seus obxectivos no ámbito político e está seriamente fragmentada. Portanto a única esperanza que temos é empoderar a xente e construir plataformas de base que axuden a resistir a longo prazo. Porque a causa palestina non será resolvida através das negociacións en canto se mantiver a actual situación de asimetría de poderes. Somos unha organización que procura mellorar a organización das activistas, empoderar politicamente, socialmente, a xuventude para que tome consciencia dos seus dereitos mais que decida ela que medios de presión utiizar. A nosa misión é facer crecer a consciencia sobre a política e os valores democráticos para tentar organizarmos grupos de xovens que sexan conscientes e teñan as ferramentas para levar a cabo mudanzas dentro das súas sociedades.

Como traballades o tema da identidade?

Moitas palestinas de Israel recorren á súa identidade sectaria para se definiren. Por exemplo, son musulmana, árabe… dan catro definicións; a xente di son orixinariamente palestina mais agora vivo en Israel. Tende a ser como unha identidade histórica. O que nós tentamos é empoderar e encoraxar a identidade palestina, ainda que somos conscientes de que no fin nós tamén somos cidadás dentro de Israel, portanto temos de ser pragmáticas para conseguir os nosos dereitos diarios. Mais é moi complicado. Por unha banda queremos que a xente teña consciencia política e se implique mais tampouco queremos ser radicais, queremos ser realistas. É moi difícil, e moi sensíbel, necesitamos saber como facelo para convencer a xente, porque se non o facemos, Israel ten todos os espazos para captar a xente.

Falabas tamén de valores democráticos…

En primeiro lugar compre dicir que non vemos Israel como un estado democrático: un estado colonial non pode ser democrático, é unha definición contraditoria. Mais tentamos utiizar o feito de para Israel ser importante ter a mellor reputación posíbel de cara á comunidade internacional. Polo que se refere á democracia, en Baladna ocupámonos dela maneira especial, non en relación a Israel senón dentro da sociedade palestina porque cremos que os valores democráticos e progesistas son esenciais socialmente, queremos ser unha sociedade democrática. Cremos que para ser unha sociedade poderosa e que resista mellor a opresión compre ser unha sociedade que permita a liberdade individual, e os espazos necesarios para todos os individuos e colectivos. Se eu, por exemplo, como muller me sinto oprimida dentro da miña sociedade, non me sentirei parte desa sociedade; senón ao contrario, adorarei Israel como un lugar que me dá máis espazo polas prácticas liberais e outras cousas. Por iso pensamos que a democracia e os valores democráticos están totalmente integrados na loita nacional. Eu non me sentirei palestina só por unha vinganza histórica; eu percébome como alguén a quen se negou a liberdade, a igualdade, e estes valores e estes dereitos son importantes para min, non o son só perante Israel, tamén serán importantes para min na miña sociedade. Non podo oprimir as mulleres ou oprimir outros sectores na miña sociedade e por outra banda demandar a liberdade, é contraditorio. Por iso penso que como sociedade que reclama a liberación temos de ser leais aos nosos valores en todos os aspectos da vida e non converternos noutro movemento opresor en nome da liberación, en nome dos dereitos.

Queralt Gómez

Fonte: La Directa