Como foi a tua pasaxe polo Black Panther? Nalgún momento parece que fas unha análise de como operaba o patriarcado.

Primeiro, cando falamos de patriarcado, non podemos comparar a loita das mulleres brancas coa das mulleres pretas. Eu non sei por que interpretache iso, preguntoumo moita xente. A populación negra nos Estados Unidos non ten país, que lingua ten? que bandeira? É unha populación escrava. E as mulleres na escravitude non estaban na cociña facendo bolos, estaban no campo traballando ou o que fose, como os homes. Así que no BlackPanther Party (BPP) non houbo unha loita contra o patriarcado. Nós tíñamos as armas, o diñeiro e as balas, e as mulleres disparaban igual que os homes. Eu mesma fun presidenta, éramos revolucionarias, éramos combatentes, non tíñamos tempo para institucionalizar a nosa organización, fomos un movemento rápido. Tíñamos e temos unha sociedade patriarcal reaccionaria, como era e é a sociedade española. O BPP apoiou a idea da liberación da muller como un eixo da loita. Os homes pretos tiñan o mesmo inimigo que as mulleres pretas, e tamén os indios americanos, os chicanos, o porto-riqueños… Cres en verdade que había unha opresión sobre as mulleres dentro do BPP tendo en conta o contexto exterior?

O punto 7 dos 10 puntos do Programa do BPP dicía “Queremos o fin inmediato da brutalidade policial e dos asasinatos da xente negra”. E noutros tamén denunciábades a violencia policial e defendíades a formación de grupos de autodefensa diante das actuacións policiais. Actualmente, continuamos vendo como matan a populación negra cada día. Cres que mudou algo? Influíron dalgunha maneira as políticas de Obama?

 

Obama foi presidente dos Estados Unidos e fixo de presidente dos Estados Unidos. Mantivo o encarceramento masivo da populación negra, oprimíndoa, encobrindo a brutalidade policial, financiando e mantendo as guerras..

 

Non, non mudou nada. Obama non fixo nada. Foi presidente dos Estados Unidos e fixo de presidente dos Estados Unidos. Mantivo o encarceramento masivo da populación negra, oprimíndoa, encobrindo a brutalidade policial, financiando e mantendo as guerras… mais á gente agradáballe que, embora fose preto, tivese un bon aspecto non oficialmente preto (ri), entendes? Por exemplo, Obama mantivo unha política exterior centrada en manter as guerras, contra o Afeganistán ou a Libia. Por que matou Gadafi? Porque Gadafi tiña unha política de unificación panafricanista, tiña un programa que reclamaba os recursos africanos para a África e Obama fixo o que Bush nunca se atreveu a facer. A xente que enviou Obama para matar Gadafi é a mesma que creou o ISIS, xerando así a instabilidade neses países.

 

 

/ Miguel López Mallach

 

Lin e escoitei entrevistas en que criticabas o movemento #BlacKLivesMatter e negabas que estivese inspirado no BPP como algunhas persoas sinalan. Dicías que compría pasar á acción

Non hai un movemento. Black Lives Matter non é un movemento, tampouco hai sinais da ideoloxía que está por detrás, que axenda ten, porque non a hai. Son grupos de persoas que saen á rúa denunciar. Mais ao final do día, que fan? Cando o BPP vía como mataban xente puña balas na rúa. O BPP creou os programas de comida; cando a xente non podía pagar o seguro médico, abrían as clínicas; cando atacaba a polícía, defendíamonos… non levantábamos as mans e dicíamos “deixen de disparar”. Nós tamén disparábamos. Por todo iso, non hai ligazón ningunha e porque a cuestión é: cal é o obxectivo? Tamén explicábamos as condicións para unha mudanza revolucionaria nos Estados Unidos. Nós éramos comunistas. Black Lives Matter ten líderes representativos que despois apoian Hillary Clinton. Por qué?

Estás traballando moito con xente negra nova, denunciando a violencia que exercen as institucións ou a policía. Es presidenta e membro de varias asociacións como Nais pola Xustiza Xuvenil ou a Alianza Nacional para a Reforma Radical das Prisións e impulsora de proxectos para visibilizar esa violencia. Segundo os índices de populación carceraria, a comunidade preta representa un 40%. Que diagnóstico fas?

 

“Durante séculos, os pretos foron explotados, foron escravos, foron unha clase explotada. O problema que tivo o marxismo foi non identificar a raza como un eixo de explotación”

 

É moi elevada, mais realmente non importan as percentaxes. O sistema prisional existe porque existiu a escravitude, é o mesmo sistema. A populación negra ven dunha sociedade agraria que pasou a ser unha sociedade industrial, todo construído sob a economia da escravitude. Durante séculos, os pretos foron explotados, foron escravos, foron unha clase explotada. O problema que tivo o marxismo foi non identificar a raza como un eixo de explotación, porque por exemplo nos EUA a raza negra representa unha clase por si mesma, a populación negra é unha clase independente, a dos escravos. Durante un período non interesou continuar explotando os pretos e chamaron as clases pobres da Europa. Na altura explotábannos nas fábricas. Durante a Primeira e Segunda Guerra utilizaron a comunidade preta do Sul outra vez, despois os mexicanos. Mais os mexicanos trouxeron a familia, nenos e nenas moitas delas… é moito máis agradábel para elas porque traballan en lugares máis amábeis, sobretodo no ámbito da limpeza. Agora simplesmente lles din que marchen para México. En definitiva, é o mesmo sistema que xa existiu. A xente negra pobre en América está no último degrau dos estratos sociais, somos o 25% de persoas pobres da América, e representamos o 30% da populación total. Tanto ten que exista Opra Winfrey, Obama… non importa… temos os níveis máis altos de persoas sen lar, os niveis máis altos de fracaso escolar, os níveis máis altos de casos incurábeis de cancro, os niveis máis altos de mortalidade… A escravitude tomou outra forma.

Na túa biografía, un dos capítulos chámase “Virar preta” (“Becoming Black“). Que signifiou e significa para ti? Parece un punto de inflexión na túa biografía.

Foi, sí, foi un punto de inflexión. Sabes? Cando era nena non entendía por que era considerada inferior, non adquirira ese tipo de consciencia e cando fun a unha escola branca, onde as persoas tiñan cousas bonitas, non como min, relacionei ser branco con ter boa vida. Nunca vira un frigorífico na comunidade preta. Cando estaba na escola sentíame branca e cando voltaba a casa era preta. E fun aceptada na escola apesar de ser moi preta. Virei branca durante aquela época. Entendesme? Virei branca… Estaba encantadisima de rodearme de xente branca e de todo o que representaba ser “branco”, como pasa a moita xente negra mais non é consciente. Despois diso, desde a escola continuei tendo esa actitude até un momento determinado… era unha mentalidade doentía, esquizofrénica. A frase que máis me custou escribir no libro foi “eu quería ser branca”.

 

 

/ Miguel López Mallach

 

Cando recoñeceche a túa negritude, cando te sentiche cómoda?

Eu vivía cun home branco maior, que en certo xeito coidaba de min  (risos) e aprendín moito da miña negritude con el porque me falaba da loita da populación preta, e eu seguía escoitando e vivindo co meu home branco. Nunha reunión, unha rapariga chamoume “sister” e eu preguntábame a quen llo dicía (risos). Preguntoume se podía dar aulas de piano no bairro de Watts e aceptei, un xeito de caridade (risos). Tiña 23 anos. Cantos anos tedes vós?

26 i 35.

Parecedes moito máis novos! (risos)

E ti, cantos anos tes?

75. Ben, seguimos por qué foi este un momento de inflexión, un momento moi importante para min. Tiña que dar as aulas  de piano nunhas casas de protección oficial. A medida que nos aproximábamos daquel bairro, eu ía póndome moi nervosa porque lembraba cando de pequena eu vivía no meu bairro. Psicolóxicamente, seguía sendo unha muller branca e non quería lembrar a minha propia historia. Comecei a hiperventilar e cando entrei na casa e vin todas aquelas raparigas pretas, de entre oito e nove anos, todas moi magriñas… non comían bastante e todas recibironme cun “Hello Mrs Brown“. A profesora explicáralles que eu estaba alí para lles dar aulas de piano e, entretanto, eu dicía a min mesma: estas raparigas non necesitan aulas de piano. Sabía o que necesitaban.

O que?

Porque eu coñecíaas de verdade. Porque eu son elas (silencio). Foi un espello, eran o espello da miña vida, e lembráronme o que era eu en realidade. Decidín que non quería dar aulas de piano a aquelas nenas, porque non quería ollalas no meu espello. Mais tamén sabía que non podía ignorar o que vira. A miña volta toda a xente falaba da revolución, do poder negro, e todo, subitamente, gañou sentido. Deime conta que quería fuxir de todo iso, así que voltei a casa, co home rico maior branco, pregunteille se quería casar comigo e irmos para a Franza. Ese era o meu plano. Era unha forma de esquecer todo o que vira. Contestoume: é complicado. E eu díxenlle: daquela isto acaba aquí. Desta maneira metafórica, como cando alguén acha unha relixión e sabe que nunca voltará ser o mesmo. Foi un mandato, xa sabía o que tiña de facer. Mais o momento en que me involucrei realmente na loita do BPP foi nun recital de poesía. Estaba nun ambiente negro, toda a xente era preta, e comecei a vivir a negritude. Vivía unha vida negra. Entrou un rapaz negro, Bunchy Carter, rodeado dunha chea de rapaces pretos, todos armados, e anunciou que querían formar a xente do BPP no Sul da California, crear un núcleo. Había medo porque se tiña que facer realidade, era preciso pasar á acción. Leu unha poesía

Black mother, I must confess that I still breathe
Though you are not yet free
What could justify my crying start
Forgive my coward’s heart
But blame me not the sheepish me
While I be sleeping in a deep-deep sleep
And I be hazed and dazed and
Vipers fester in my hair
Black mother, I curse your drudging years
The rapes and heart-aches, sweat and tears
But I swear on siege night dark and gloom
A rose I’ll wear to honor you, and when I fall
The rose in hand
You’ll be free and I a man
For slave of natural death who dies
Can’t balance out to two dead flies
I’d rather be without the shame
A bullet lodged within my brain,
black mother.

[Silencio]

Gostades de Alicia Keys?

Moito

Dedicoume unha canción, Elaine Brown…e puxo este poema no inicio.

Miguel López Mallach