Jorge del Cura hai máis de 40 anos que traballa en temas relacionados coa tortura e a represión. Para el, a tortura ten o claro obxectivo de “xerar medo”. Del Cura móstrase preocupado porque nos xulgados españois todas as valoracións periciais psicolóxicas son rexeitadas e desprezadas: “Para eles ou hai un óso roto ou non hai dor”

O 1 de outubro 1.066 persoas resultaron feridas, segundo cifras facilitadas polo Departament de Salut da Generalitat. A ONG Human Rights Watch denunciou o “uso excesivo da forza” por parte da policía o 1-O e reclamou unha “investigación efectiva” da actuación do corpo por parte de expertos internacionais. “A policía podía ter a lei da súa parte para facer cumprir unha orde xudicial, mais non lles daba dereito de usaren a violencia contra manifestantes pacíficos”, afirmou Kartik Raj, investigador para Europa occidental de HRW. Ante isto, Jorge del Cura vai un paso máis aló e asegura que no 1 de outubro se torturou.

Este enxeñeiro naval de formación comezou a frecuentar círculos antirrepresivos e antifranquistas a partir do asasinato de Salvador Puig Antich en 1974. Poucos anos máis tarde, en 1977, co motín de Carabanchel, del Cura comezou a colaborar co Comité en Apoio á Coordinadora de Presos Españois en Loita (COPEL). A partir de aí, a súa loita seguiu através dos comités de apoio do caso Scala, a presos anarquistas, a CNT.. Até se crear, en 1985, a Asociación Contra a Tortura. Agora traballa como funcionario de xustiza en Madrid e é portavoz da Coordinadora para a Prevención e a Denuncia da Tortura (CPDT). Falamos con el por mor das xornadas organizadas polo Observatori do Sistema Penal i Drets Humans (OSPDH) sobre violencia institucional en Catalunya.

 

Jorge del Cura | SÒNIA CALVÓJorge del Cura

 

As Nacións Unidas definen a tortura como calquera acto en que un funcionario público inflixir intencionalmente a unha persoa dores, físicas ou mentais, co fin de obter unha información, castigala, intimidala ou coaccionala. Podemos diferenciar tortura de malos tratos?

A convención das Nacións Unidas de 1984 ficou anticuada, xa que está máis focada ao dano físico que ao psíquico. Ademais, distingue tortura ou malos tratos segundo a gravidade do dano producido. Isto hai que mudalo. As secuelas poden ser máis ou menos graves, mais é tortura. Hai outro problema que é a intencionalidade, as Nacións Unidas recolle a obrigatoriedade de que, para ser tortura, o dano sexa intencional, mais isto a día de hoxe habería de ser ultrapasado. É o caso das contornas torturantes que están deseñados co obxectivo de causar dano.

Por exemplo?

Os cárceres de máxima seguranza ou as celas de isolamento nas prisións. Non é un funcionario o que te isola para torturarte, senón que o propio isolamento foi xerado para condicionar esas situacións de dano, dor e castigo. Cumpren todas as funcións, por iso hai que actualizar a convención.

O Código Penal ten un artigo que fai referencia ás torturas e outros delitos contra a integridade moral.

Hai moitas variedades entre tortura, malos tratos e pena cruel, inhumana e degradante, é un proceso longo. Por unha banda está a tortura e despois as secuelas. Unha cousa é a sanción, determinar que pena corresponde a cada caso de tortura, aí habería que ver se é tortura, trato cruel, inhumano, degradante, de lesións, etc. E outra cousa é a tortura como figura e intencionalidade, hai que separalo. Se comezamos a distinguir entre tortura e malos tratos, esa distinción está ben do punto de vista penal, mais non do punto de vista ético ou educacional.

Hai unha tendencia preocupante que é xudicializar toda loita polos dereitos humanos. Unha cousa é que hai que xudicializar mais non é a única vía nin a máis importante. Esquecémonos da función de formación, tanto dos funcionarios como da sociedade civil, dos particulares, individuos. Hai que combater a tortura nese campo ideolóxico. Cando expomos esa diferenza creo que non estamos a facer moito ben á loita contra a tortura.

Co dito até agora e as imaxes que deixou nalgúns casos, a actuación policial do 1-O podería chegar a ser considerada mal trato ou mesmo tortura?

Segundo o último relatorio do Relator Especial da Tortura, pola definición que fai de tortura, o que pasou no 1 de outubro é tortura, porque entra na definición das Nacións Unidas, que é que funcionarios públicos castigaron alguén por algo que fixo ou se supón que fixo, ademais foi coaccionado todo un colectivo. É un caso de tortura xeneralizada. As lesións non son especialmente graves, mais o medo que se xerou na sociedade é moi grave.

É un caso claro de tortura punitiva, onde se castiga unha serie de persoas por desobedeceren unhas ordes, por seren independentistas, hai un castigo na sociedade catalá por desobedecer ou mesmo enfrontarse ao Estado español. É un caso de tortura evidente aínda que as consecuencias persoais de cada un non son especialmente graves. Insisto, o Código Penal español así o recolle, unha cousa é o delito de torturas, que ten que ir acompañado do delito de lesións, que irá segundo as secuelas.

 

Cargas durante o 1 de outubro en Barcelona | ROBERT BONET

Hai anos que entidades que defenden os dereitos humanos piden que se incorpore o Protocolo de Istambul como mecanismo para previr a tortura, xa que permite facer unha avaliación psicolóxica e determinar o grao de malos tratos ou tortura. España cumpre con este protocolo?

O Protocolo de Istambul non é de obrigado cumprimento, é unha recomendación das Nacións Unidas. Iso fai que os xuíces non o coñezan ou non lle dean credibilidade. Despois, nos xulgados españois, todas as valoracións periciais psicolóxicas son rexeitadas e desprezadas. Para eles ou hai un óso partido ou non hai dor. Non están preparados para ser sensibeis á dor do cidadán. É un problema importante.

No caso das prisións, concretamente, hai un problema importante co protocolo e en xeral co sufrimento psíquico. Cando o acontecemento de torturas é puntual ou reducido a un espazo temporal limitado, de poucos días de isolamento ou detención, é fácil acreditar que houbo tortura e que secuelas houbo nese espazo de tempo. Mais en situacións de privación de liberdade prolongada é máis complicado. Co Protocolo de Istambul, se houbo episodios de tortura prolongados nun tempo pode acreditarse que hai tensión postraumática, aínda que é difícil de concretar onde, cando e como. Para alguén que estivo 25 anos na prisión e que viviu varios momentos de tortura, o dano está acumulado. Neste sentido os xuíces pono moi difícil porque necesitan un culpábel. Isto é parte do erro que cometemos cando falamos de tortura: mesmo que non houber un culpábel hai tortura.

Entón, ante estas dificultades, vale a pena denunciar?

O obxectivo de denunciar tortura non debe ser a condena dunha persoa. Moitas veces caemos na armadilla da impunidade, mais a impunidade non é o problema, é o síntoma. Cando alguén di que non pon unha denuncia porque “non serve para nada” ou porque “vai ser arquivada”, debemos mudar o discurso. A denuncia ten un obxectivo lexítimo que é a responsabilidade persoal, que o torturador sexa investigado e sufra a sanción que corresponda. Mais a denuncia ten outros obxectivos como saber que esta acontecendo e como están sendo tratadas as persoas. Cando saibamos isto, poderemos pór solución.

Pode pór algún exemplo?

Moitas das denuncias da CPDT non chegan a bo termo, no sentido de conseguir que se xulgue ou condene alguén, mais cando conseguimos focalizar a atención nun centro de detención, sexa unha comisaria, unha prisión ou un Centro de Internamento de Estranxeiros (CIE), somos conscientes de que aínda que nos digan que non é verdade o que denunciamos, a administración toma medidas. Durante un tempo o réxime de vida neses centros mellora, diminúe a agresividade, diminúe a presión… É efectivo. Nunca nos recoñecerán que hai tortura, mais mellora. Por iso o obxectivo da denuncia non ten que ser castigar, senón visibilizar que acontece para pór remedio e sensibilizar a cidadanía. Hai impunidade porque a sociedade non está en contra da tortura.

Unha das sesións organizadas polo Observatori do Sistema Penal i Drets Humans na UB | SÒNIA CALVÓ

Durante o franquismo, por exemplo, torturábase co fin de obter información. Isto mudou?

A tortura ten tres obxectivos principais: obter información, castigar ou coaccionar. Hai outro obxectivo claro que é o de xerar medo, tanto á persoa concreta que se tortura, por exemplo por disidencia política, como á súa contorna. No entanto, coas novas técnicas de tortura hai persoas que non saben que están a ser torturadas. A xente cando fala de tortura pensa nas malleiras, en arrincar as uñas, rotura de ósos, pancadas… a parte física e máis sanguenta. Con todo, a tortura, a máis habitual actualmente, é a que tenta romper á persoa para despois conseguir o que sexa, información, xustificacións ou coaccións.

Atopamos moitas persoas que participaron nunha manifestación, foron detidas, e que cando son postas en liberdade e preguntámoslles como foron tratadas, dinnos: “Ben, déronme catro labazadas e non me deixaron durmir, obrigáronme a estar contra a parede, mais ben”. Ao cabo duns días comezan os pesadelos e a ansiedade. Mais como as secuelas físicas aparentemente non son graves, ninguén asocia iso con tortura. Por exemplo, se non te deixan durmir, a túa capacidade de reacción é menor, es máis dócil, hai un castigo e un obxectivo claro de humillar e esnaquizar psíquicamente esa persoa. Se ti como funcionario tes unha persoa privada de liberdade, se a destrozas e desquicias animicamente, vai ser moito mais fácil poder xestionar a vida dese centro.

Un caso así, nunha prisión debe ser difícil de denunciar.

É. As prisións teñen un problema en xeral que é que son centros moi fechados. Os muros da prisión non só teñen o obxectivo de que o preso non escape, senón de que a sociedade non entre e non vexa o que pasa dentro. Por iso téntase que os cárceres cada vez estean máis lonxe do resto da sociedade. Loitamos por romper isto, con información e sensibilización. Por exemplo, o protocolo de prevención de suicidios das prisións non funciona ben nin se aplica correctamente, iso é por desinterese, por falta de medios e pola deshumanización das prisións e das persoas presas.

Entón, podemos dicir que hai tortura en democracia?

Nos medios de comunicación a palabra tortura vén aparellada normalmente a unha situación que se vive fóra de Europa, xa que se supón que as democracias non torturan. Mais xustamente as democracias son as que máis investigaron en tortura. Hai o exemplo de Francia, despois da guerra de Alxeria, ou os Estados Unidos con Guantánamo. Hai outro problema que é que todo o mundo rexeita a tortura cando ‘son eu’ o torturado, mais cando o torturado é un culpábel ou ‘un malo’, prefiro non sabelo mais non me opoño. En Europa, o apoio á tortura en casos de terrorismo está nas enquisas nun 20% en España ou nun 60% en Francia. A tortura non se aplica aos bos, iso é inadmisíbel, mais aos malos, como non son persoas, si que se pode. É a deshumanización da persoa. En España a tortura continúa sendo sistemática en todo o Estado. Obviamente non todos os funcionarios torturan, mais é unha práctica moito máis que habitual, mais ainda non chegamos a certos lugares nin conseguimos dar todo o apoio xurídico nin psicosocial aos torturados que quereriamos.

Que recomenda que faga unha persoa que sufriu tortura?

O primeiro é ter axuda, xa sexa a través do protocolo de Istambul ou de tratamento psicolóxico ou apoio psicosocial. A xente que sufriu tortura pode recuperarse con apoio, nomeadamente da súa contorna máis próxima. É igual de crucial o apoio xurídico e o social. É moi importante non dicir que ‘algo farían’ porque, independentemente de se ou fixeron algo ou non, non se pode torturar as persoas.

Fonte: Catalunya Plural